Actualidade / ArtigoVolver


A Coruña, 21 de setembro de 2006

Portugal: grandes problemas para un pequeno país (en tamaño)
 

Xurxo Martínez Crespo-

xurxomartinez@cantv.net


  Cartaz campaña PCP Direito à Reforma, clic para aumentar
Cartaz da campaña do PCP “Direito à Reforma, as pensões não podem baixar!”. (Foto: ©Xurxo Martínez Crespo).
 
Portugal e pequeno en tamaño e en poboación. Todas as galegas e os galegos sabemos que Portugal, para nós, non é, (nin debe ser) un país calquera. Portugal pasa por problemas graves. Desde os 15 mil profesores que poden quedar sen traballo pola quebra nas negociacións do Estatuto de Carreira Docente, até o novo plano de aforro enerxético que pretende impor unha taxa que triplique os prezos das lámpadas, pasando pola redución na achega dos fondos europeus para o desenvolvemento despois da entrada dos novos membros e chegando ao problema actual máis importante como é a reforma da Lei de Seguranza Social por parte do Goberno de José Sócrates do Partido Socialista (PS).


A reforma da Seguranza Social Portuguesa

O presidente portugués Cavaco Silva pediu ao partido no goberno (Partido Socialista) e ao partido na oposición Partido Social Demócrata (PSD) un “entendimento alargado” no tema da reforma da lei da Seguranza Social. Esta solicitude ven da man do entendemento entre ambos partidos que na primeira semana de setembro asinaron un acordo político parlamentar para as reformas lexislativas na área da xustiza.

O líder parlamentar do PSD, Marques Guedes, porén, subliña a imposibilidade dun acordo tendo en conta a inquina e maneiras trapalleiras de José Sócrates. Segundo Marques a axitación e mala publicidade que se lle está dando á reforma por parte de José Sócrates son negativos, absurdo e cheos de mala fe. Segundo o PSD non pasa pola cabeza de ninguén (como José Sócrates) que os fondos de capitalización non teñen nada que ver cunha privatización. Segundo o PSD o problema da Seguranza Social portuguesa é un problema de sustentabilidade e non de titularidade do sistema.

  Aqui nasceu Portugal, clic para aumentar
Guimarães, “Aqui nasceu Portugal”. (Foto: ©Xurxo Martínez Crespo).
 
Segundo o partido da oposición (PSD) o partido de goberno (o PS de Sócrates) o que intenta é una manobra de diversión para que a discusión non sexa sobre a sustentabilidade senón ideolóxica.

Mentres o líder parlamentar do PSD di isto, o presidente do seu partido, Luís Marques Mendes, reitera unha e outra vez a dispoñibilidade de cooperar na reforma da Seguranza Social e engade que o Goberno non quere esa coperación por “caprichos ideolóxicos de esquerda que están hoxe ultrapasados.

A todos estes chamamentos a entenderse e rifas por negociar, Francisco Louça, líder do Bloco de Esquerda (BE) chámaos “facer política ás escondidas”. Para Louça “cando o presidente (Cavaco Silva) fala en pactos xa cheira a queimado porque é sinal da existencia dalgunha conversa xa en camiño” e a política feita ás escondidas entre o PS e o PSD ten o perigo de que non se asumen compromisos concretos que fagan distinguir as propostas de cada un dos partidos.

Para respaldar estas afirmacións Louça fixo referencia ao pacto celebrado entre ambos partidos (PS e PSD) verbo da cuestión da xustiza, no que ambos partidos asumiran compromisos de votar “leis que ninguén coñece”. Louça pergunta se para iso son os deputados electos, para validar leis que non coñecen?

Na reforma da Seguranza Social portuguesa, Louça laiase de que algúns antigos gobernantes socialistas aproben e compartan a privatización parcial do sistema como defende o PSD. Hai moitos que están apoiando esta trapallada que so prexudicará aínda máis aos traballadores e non garante a sustentabilidade do sistema, pois o capital privado so inviste onde poder gañar diñeiro que sería, por certo, a custa dos descontos das portuguesas e portugueses.


  Anuncio Sol, clic para aumentar
“Sol”, novo semanario dirixido por José Antonio Saraiva. (Foto: ©Xurxo Martínez Crespo).
 
Seguranza social universal e solidaria e a loita do Partido Comunista de Portugal

A campaña do PCP “Direito à Reforma – As pensões não podem baixar”, lanzada na Festa do Avante! é, se cadra, a máis seria, combativa e lograda contra a reforma. Os comunistas opóñense ás propostas do Governo de José Sócrates e o PS e defenden o dereito a unha seguranza social pública, universal e solidaria.

Unha primeira confrontación está na intención do Goberno do PS de aumento da idade da reforma e de redución do poder adquisitivo das pensións. Para o PCP, tales propostas son inaceptébeis as disfracen como as disfracen.

O PCP denuncia as “mistificacións do Goberno que, a propósito do aumento da esperanza media de vida, transforman o pagamento das pensións con poder adquisitivo medio nunha fonte de perigo para a situación económica da Seguranza Social do futuro”.

O PCP demostra que a redución de dereitos non é unha “inevitabilidade política”. Os comunistas portugueses ademáis das críticas ofrecen alternativas.

Outro ponto é a afirmación das políticas alternativas do PCP. Estas consubstáncianse en “medidas serias e eficaces con base nunha maior eficacia nos gastos e na diversificación das fontes de financiamento da Segurança Social”. O obxectivo é claro: defender e valorizar o dereito á reforma, a pensións dignas e a mellores prestacións sociais, como o abono de familia ou os subsidios de maternidade-paternidade e de desemprego, entre outros.

Esta campaña xurde na negativa do PCP contra o aumento da idade da reforma, entre setembro e decembro de 2005 e que recolleu o apoio de 120 mil portuguesas e portugueses. Agora, apélase de novo á converxencia de esforzos na loita contra o que o PCP considera unha “contra-reforma” da Segurança Social.

Este chamamento destínase ás traballadoras e traballadores, aos pensionistas e as novas xeracións. “Os dereitos deféndense agora”, afirman os comunistas.


  Aqui nasceu Portugal, clic para aumentar
O primeiro ministro, José Sócrates, e o presidente, Cavaco Silva. (Foto: ©Jorge Simão).
 
A loita na rúa e na Asemblea portuguesa

A campaña do PCP na defensa da Seguranza Social pública, universal e solidaria está tamén presente na actividade parlamentar na Asemblea portuguesa, presentando o Grupo Parlamentar Comunista un feixe de propostas.

Un dos proxectos de Lei propuña a diversificación das fontes de financiamento, através de unha nova forma de contribución das empresas para a Seguranza Social, con base no Valor Acrescentado Bruto (VAB). O proxecto estipulaba que, durante um período de transición de tres anos, manterían o actual sistema contributivo, baseado na taxa social única sobre as remuneracións, a par de unha taxa de 10,5 por cento sobre o VAB de cada empresa. Este sería calculado no final de cada exercicio a partir dos dados constantes da declaración do IRC. Rematado o período de transición de 3 anos, entrarían en vigor taxas contributivas diferenciadas para as empresas, a aplicar mensalmente sobre as remuneracións e o VAB.

Foi ademais presentado outro proxecto de resolución que exixía ao Goberno a toma de medidas para garantir a sustentabilidade financeira da Seguranza Social pública. O pagamento gradual da débeda do Estado ao Rexime Xeral da Seguranza Social, o reforzo dos meios para o combate á evasión e a fraude fiscal e a creación dun imposto extraordinario de 0,25 por cento sobre todas as transaccións realizadas na bolsa eran algunhas das medidas propostas polo PCP. Ambos proxectos foron rexeitados pelo PS, PSD e PP.

Como afirmou o secretario-xeral do PCP, Jerónimo de Sousa, á saída de un encontro tido cunha delegación da CGTP-IN, a loita en defensa da Seguranza Social non se limita á actividade parlamentar. Porque, continuou, o PS conta con maioria absoluta e co apoio da dereita. É nas ruas, ao carón das traballadoras e dos traballadores e do pobo, onde esta batalla ten que se dar.

  Cartaz campaña PCP Direito à Reforma, clic para aumentar
“Os direitos defendem-se agora!”. (Foto: ©Xurxo Martínez Crespo).
 
Os comunistas consideran que as medidas de sustentabilidade financeira que interesan ás traballadoras e aos traballadoras e aos pensionistas son as que garanten a defensa e profundización dos seus dereitos. E non as que permiten a súa eliminación, sobre falsos argumentos. O futuro da Seguranza Social e a defensa dos dereitos están nas propostas do PCP, aseguran.


A Seguranza Social portuguesa non está quebrada nin vai quebrar

Ao contrario do que o Goberno e a dereita tentan facer crer, a Seguranza Social non está quebrada. “Nin vai quebrar”. En 2005 o saldo positivo da Seguranza Social foi de 186 millóns de euros. Mais, afirma o PCP, podería ter sido aínda maior, de 1.914 millóns se as contribucións e cotizacións tivesen crecido percentualmente no período de 2001 a 2006 o mesmo que creceran entre 1996 e 2001.

Se tivesen sido cobrados os 3.400 millóns de euros de débeda dos patróns á Segurança Social as receitas terían sido aínda maiores, denuncia o PCP.

A subdeclaración de salarios representou, en 2005, uma perda para a Seguranza Social de 2 mil millóns de euros. A débeda do Estado ao rexime da Seguranza Social, pola utilización indebida deste sistema para financiar outros fins, atinxía, en 1996, 7.300 millóns de euros. Así, o PCP entende que o aumento da esperanza de vida e os gastos con reformas non son a causa da degradación financeira, a prazo, da Seguranza Social. Estes son, o estancamento económico, o desemprego, a precariedade laboral e os baixos salarios.


A precariedade laboral en Portugal

Portugal é o terceiro Estado da Unión Europea (UE) coa taxa máis elevada de emprego temporario en 2005 segundo un informe do gabinete de estatísticas da UE. Segundo o documento do Eurostat, en 2005, a taxa de emprego das persoas entre 15 e 64 anos en Portugal era de 67,5 por cento, lixeriramente por acima da media da UE (63,8) e na Zona Euro (63,5) e un quinto das asalariadas e asalariados (19,5 por cento) tiñan un emprego temporario ou con contrato a termo.

Entre os 25 membros da UE só o Estado español (33 por cento) e Polonia (25,7 por cento) tiñan porcentaxes de emprego temporario superiores a Portugal, sendo a media comunitaria de 14,5 por cento (unha/un en cada sete traballadoras/traballadores).

En canto a distribución da forza de traballo por actividades económicas, Portugal é un dos Estados membros no que a agricultura continúa a ter unha importancia básica, sendo a actividade principal do 11,8 por cento das traballadoras e traballadores, só superada esta actividade na UE por Polonia, Lituania e Grecia que está empatada con Letonia e moi por acima da media comunitaria con só un 4,9 por cento.

En Portugal seis de cada 10 traballadoras e traballadores (57,6 por cento) estaban empregadas/empregados no sector dos servizos (a media da UE chega ao 67,6 por cento) sendo o índice portugués o sexto máis baixo entre os 25), e tres en cada diez asalariadas e asalariados (30,6 por cento) traballan na industria (acima da media comunitaria de 27,5 por cento).


As “reformas” do Goberno

As intencións do Goberno portugués en materia de Seguranza Social son as de reducir dereitos. En 2005, o Goberno impuxo o aumento da idade da xubilación dos 60 os 65 anos para as traballadoras e os traballadores da Administración Pública. Para 2006 o Goberno portugués de José Sócrates prepara unha reforma á lei do subsidio de desemprego reducindo o período no que o desempregado ten dereito a recebilo e obrigandoo a aceitar un novo emprego en condicións salariais máis precarias.

Ademais de pretender aumentar a idade da xubilación e reducir o valor das pensións, o Goberno quer aínda aumentar os descontos a cargo das traballadoras e traballadores portugueses, co pretexto de que as/os futuras xubiladas e xubilados, viven máis tempo, e recibirían por máis tempo a xubilación. O criterio de actualización das pensións e reformas deixaría de ser o salario mínimo, pasando a ser o crecemento do Produto Interno Bruto.

A proposta do Goberno sería crear un sistema complementar público de contas individuais, é dicer, fondos de pensións privados. Segundo o PCP, neste caso, a traballadora e o traballador “sabe canto dá, mais non sabe o valor da xubilación que eventualmente vai receber”.


Notas e fontes para consulta

1. Os direitos defendem-se AGORA! É o nome da campaña do PCP que pode ser consultada na súa páxina web http://www.avante.pt/.

2. Eurostat.

3. http://jornal.publico.clix.pt/.

4. http://expresso.clix.pt/.

 
 

Xurxo Martínez Crespo.

  Xurxo Martínez Crespo
 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 21/09/2006
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta