|
Actualidade / Artigo Xurxo Martínez Crespo-
O discurso ou a idea non é sobre a violencia con fins políticos, nin sobre a independencia, nin sobre a ausencia ou carencia de liberdades. Tampouco é sobre o predominio abusivo dun idioma, que coma o galego, vén sendo aniquilado devagar dende o epicentro do poder central e autonómico de Fraga, cunha lei que o ampara e “protexe”. O mellor exemplo desta escolla “hamletiana pepeira” sería, no caso de Núñez Feijoo, non o “ser ou non ser” senón o “ser isto ou aquilo menos o que eu son”. Dantesco esperpento para a carencia de ideas dun administrador de correos sen cultura e con poucas luces á vista das súas declaracións e dos exemplos de escolla, pois nin nunha clínica de cirurxía estética entran os pacientes escollendo entre saír como Pierce Brosnan ou Brad Pitt e entre Linda Evangelista ou Claudia Schiffer; saímos e entramos, mellorados ou empeorados, pero sendo os mesmos. Hai anos, a comezos da década dos 90, lía un “sisudo” traballo económico-social verbo o desenvolvemento da República de Irlanda coma Estado independente. O informe, que era inglés, aseguraba que se Irlanda non fose un Estado independente e aínda permanecese baixo a dominación británica, a súa renda per cápita sería moito maior e o seu índice de desenvolvemento acadaría cotas máis altas. O que non dicía o informe era que se Irlanda aínda permanecese baixo o imperio británico, non sería libre, nin irlandesa, senón subxugada e semi-inglesa, que é aínda peor que ser inglés.
Leo (lemos) abraiado(s) as liortas polo termo nación. Nós, nin temos un dialecto nin somos unha rexión. Non é un tema de escolla. Os bávaros non son una rexión nin teñen un dialecto por elección, senón pola súa historia. Feitos subxectivos quixeron que certas nacións sexan Estados independentes hoxe (como Liechtenstein, Andorra, Moldavia, Xeorxia, Finlandia...) e outras non (como Escocia, Bretaña, Cataluña, Euskal Herria, Galiza...). Pero non son feitos subxectivos os que fan de determinados sitios nacións ou rexións. Non se é unha nación polo que diga unha constitución ou un limiar dun Estatuto de autonomía (reformado ou non), non se trata de colocar o carro diante dos bois; as leis, constitucións, estatutos reflicten a realidade da comunidade que pretenden regular, non son as constitucións nin os estatutos nin as leis as que determinan as realidades, e para facelo máis sinxelo de entender, non foi a lei de matrimonios do mesmo sexo a que determinou que de súpeto unha parte importante da poboación se volvese homosexual, senón que foi a existencia de homosexuais que querían casar a que determinou a elaboración da lei. Malia que moitas galegas e galegos non o saiban, ou non o queiran saber, somos unha das nacións históricas do mundo. Do mesmo xeito que a constitución entende como a Nación española como pre-constitucional (é á nación a que se lle dá unha constitución e non á constitución a que se lle dá unha nación). Non é unha decisión nosa, senón un devalar da historia engorde.
Pero o 25 de xullo temos tamén, moitas e moitos, a nosa festa noutra nación, arriba, no peito, do lado esquerdo. Esa que levamos por todas as partes a todas as horas todos os días de todos os meses do ano. Esa que queren “bavarizar” e “barbarizar”. Nin Bóveda nin Castelao foron Franz Josef Strauss nin Idi Amín Dadá. Ambos os dous, coas súas vidas, loitaron arreo para que fóramos nós mesmos e ser recoñecidos polo que somos e non polo que outros queren que sexamos a custa de matar a nosa identidade. Pero a vida deste país como identidade non é Bóveda nin é Castelao. A vida deste país é a dos millóns de galegas e galegos que forman a nación histórica e real. É triste cando un pai nega os seus fillos, mais triste é cando os fillos negan os seus pais e o seu país. Rosalía, se vivise, tería que engadir aos seus versos anticonstitucionais e antiestatutarios: Galiza, non debes chamarte nunca española... nin bávara nin ugandesa. |
|||||||||||||||
|
|||||||||||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 22/07/2006 |
|||||||||||||||
|