Actualidade / ArtigoVolver a Actualidade


Santiago, 26 de xuño de 2006

Reforma Laboral e censura informativa
 

Paula Castro-

comunicacion@galizacig.net


  Manifestación en Compostela contra a Reforma Laboral, clic para aumentar
Manifestación en Compostela contra a Reforma Laboral, clic para aumentar
Para La Voz de Galicia, Faro de Vigo e La Opinión de A Coruña a manifestación da CIG en Compostela do 23 de xuño protestando contra a Reforma Laboral simplemente non existiu, censura? en todo caso, desinformación e desprezo aos seus lectores. (Fotos: ©galizacig.com).
 
O pasado 9 de maio CCOO, UGT, CEOE e Goberno asinaban o acordo de reforma laboral. Ao día seguinte, a CIG convocaba unha rolda de prensa para dar a coñecer a súa posición ao respecto que apenas tivo cobertura nos medios de comunicación galegos e simplemente non existiu para diarios como ‘La Voz de Galicia’, ‘Faro de Vigo’, ‘La Opinión’ e ‘La Región’. O mesmo ocorreu coa manifestación nacional de delegadas/os convocada pola CIG, o pasado venres 23 de marzo, tamén contra esa reforma. Censura?

Este tratamento informativo, ou se cadra este silencio informativo suscita varias preguntas: existe a liberdade de expresión? quen pode exercela? cal é o límite da liberdade de prensa? teñen garantido o acceso aos medios as organizacións sociais? respéctase o pluralismo?


Existe a liberdade de expresión?

O artigo 20 da Constitución recolle varios dereitos fundamentais como a liberdade de expresión (“a expresar e difundir libremente os pensamentos, ideas e opinións mediante a palabra, o escrito ou calquera outro medio de reprodución”), o dereito a comunicar e o dereito a recibir información veraz por calquera medio de difusión.

Os contidos deste artigo da Constitución española repítense en todos os textos constitucionais “democráticos” e en textos internacionais como a Declaración Universal de Dereitos Humanos, o Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos ou a Convención Europea para a Protección dos Dereitos Humanos e as Liberdades Fundamentais, entre outros.

  11/05/2006 Diario de Ferrol, clic para aumentar
Diario de Ferrol.
11/05/2006 Diario de Pontevedra, clic para aumentar
Diario de Pontevedra.
11/05/2006 El Correo Gallego, clic para aumentar
El Correo Gallego.
11/05/2006 El Progreso, clic para aumentar
El Progreso.
11/05/2006 La Opinión, clic para aumentar
La Opinión.
11/05/2006 La Opinión, clic para aumentar
Diario de Ferrol.
11/05/2006 La Opinión, clic para aumentar
Diario de Pontevedra.
11/05/2006 La Opinión, clic para aumentar
El Correo Gallego.
11/05/2006 La Opinión, clic para aumentar
El Progreso.
 
A liberdade de expresión é pois un piar fundamental de calquera texto que se considere democrático e, se temos en conta que o Estado español ten subscrito todas as declaracións, pactos e convencións internacionais anteriores, nas que se consagra ese principio como dereito fundamental, debemos presupor que efectivamente existe liberdade de expresión.


Quen a pode exercer?

Tamén o artigo 20 CE consagra o dereito de acceso aos grupos sociais e políticos significativos, respectando o pluralismo, pero cinguindo ese dereito de acceso unicamente aos medios de comunicación públicos.

Iso implica que só as televisións e radios públicas (non existen medios escritos públicos) teñen a obriga de garantir o acceso dos “grupos sociais e políticos significativos” e deste xeito, garantir a súa liberdade de expresión.

Porén, nos medios privados a situación é ben outra. Neste caso atopámonos coa colisión de dous dereitos: a liberdade de expresión e a liberdade de prensa.

A liberdade de prensa garante o dereito dun medio de comunicación privado a manter unha liña editorial concreta, que ven sendo basicamente a defensa dun determinado sistema social, político e ideolóxico.

O problema aparece cando esa liña editorial entra en contradición coa liña defendida por unha organización social ‘representativa’ –en termos constitucionais– que pon en cuestión a do medio de comunicación privado.

Este non sería un problema se en Galiza existiran medios de comunicación verdadeiramente plurais, ou o que é o mesmo, con liñas editoriais diversas. Pero non é o caso, máis cando se dá unha dependencia tan grande do poder económico -vía participación mesmo nos Consellos de Administración ou vía publicidade- e do poder político –a través das subvencións- ou cando a comunicación está cada vez máis concentrada en menos mans.

Así, cabe lembrar que a CIG remitiu convocatoria de rolda de prensa aos principais medios de comunicación escritos, radiofónicos ou televisivos o día anterior da mesma, e un recordatorio da convocatoria o mesmo día. Malia todo, apenas obtivo cobertura ao día seguinte.

La Voz de Galicia, La Región, La Opinión e Faro de Vigo (estes dous últimos do Grupo Faro), non lle adicaron nin unha liña, malia darlle un tratamento destacado á sinatura do acordo entre CCOO, UGT, CEOE e Goberno.

Aínda máis, La Opinión non só non adica nin unha liña á rolda de prensa da CIG -na que estiveron presentes o secretario xeral, Suso Seixo, e o secretario confederal de Finanzas, Ramiro Oubiña- senón que, pola contra, dá dúas columnas, baixo a información do preacordo do Metal, ao conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, para repetir os argumentos a favor da Reforma Laboral da que xa informaran o día anterior.

La Región tampouco informa da rolda de prensa da CIG. Porén, El Correo Gallego é un dos que máis espazo adica: unha columna da primeira páxina de Economía, a carón da información sobre o preacordo do Metal de Pontevedra. Na última parte da columna recolle tamén a opinión da Consellaría de Traballo. Tamén o Diario de Pontevedra adica unha columna.

En El Progreso merece un breve, no que dá voz ao secretario comarcal da CIG de Lugo, Xosé Ferreiro, e no Diario de Ferrol aparece outro breve sorprendentemente ubicado nunha sección fixa denominada ‘dinero&negocios’ xunto o aumento dos tipos de interese da reserva Federal de EEUU, o descenso de beneficios de Sacyr Vallehermoso, a renovación do apoio aos empresarios do Deza de Caixa Galicia e o anuncio da ministra Trujillo sobre a evolución dos prezos da vivenda.

Diante desta escasa ou nula cobertura, haberá que concluír que para a CIG a liberdade de expresión non está garantida e ademais, cabe afirmar que quen pode saír nos medios de comunicación privados é quen estes deciden.


Cal é o límite da liberdade de prensa?

A resposta a esta cuestión deberían dala os propios directores e xefes de sección dos medios de comunicación escrita privados, que son, ao fin, quen deciden que é importante e qué non o é, a que se lle dá cobertura e a qué non, canto espazo se lle adica a unha información e onde se ubica, todo iso atendendo a unha determinada liña editorial e aos dictames das respectivas políticas empresariais.

A liberdade de expresión que para a CIG non existe, tal e como quedou constatado, lévanos tamén a considerar que en moitos casos confúndese a liberdade de prensa coa liberdade de empresa. E o peor non é xa que se cubran ou non as informacións, algo que de por si debilita a un sistema que se di democrático, porque se mala é a manipulación, peor é a censura. O grave é que estes medios de comunicación vendan a imaxe de obxectivos e plurais cando a realidade demostra claramente o contrario.

Neste caso a conclusión é que non hai límites á liberdade de empresa e, polo tanto, á mal entendida liberdade de prensa. Considerar o contrario sería simple inxenuidade. Ao igual que se globaliza/impón o neoliberalismo, tamén se globaliza/impón o pensamento único. Pensamento que sirve, obviamente a uns únicos intereses, que son precisamente os do neoliberalismo, ou sexa, os mesmos que se benefician con esta Reforma Laboral. E atopámonos que fronte a dereitos individuais e colectivos, como a liberdade de expresión e ou o dereito a comunicar e recibir información veraz prevalece a liberdade dos medios para difundir só aquelas informacións que consideren oportunas en función dos seus intereses.


Teñen garantido o acceso aos medios as organizacións sociais?

Obviamente non.

Tal é así, que a situación se repite coa convocatoria de manifestación nacional de delegados e delegadas celebrada o pasado venres 23 de xuño.

El Correo Gallego dalle un breve na sección de Economía, na parte inferior dereita dunha páxina par, ou sexa, a peor ubicación posíbel para calquera información. Nin sequera o feito de terse celebrado en Compostela e de ter asistido, segundo recolle a propia información 2.500 persoas “segundo fontes da policía local” merece máis espazo ou unha simple foto cun pé.

Só Diario de Pontevedra e El Progreso recollen a información incluíndo fotografía e tres columnas, o que, cando menos, é de agradecer, aínda que a cifra de participación que dan sexa inferior a da policía local, máis de mil persoas en ambos os dous casos.

Diario de Ferrol volve recoller o acto como breve na sección “dinero&negocios” e outra volta se silencia a información en La Voz de Galicia, Faro de Vigo e La Opinión.

A marxinalidade informativa na que sitúan á CIG os medios de comunicación escritos privados resulta abraiante. Máis se temos en conta que a CIG é unha organización social que conta, neste intre, con máis de 55.000 afiliados. Non garantir o dereito de acceso á CIG é silenciar a 55.000 homes e mulleres que maioritariamente comparten os principios que defende esta organización social. O panorama, polo tanto, é realmente grave.


Respéctase o pluralismo?

Co silencio informativo, ou por falar sen ambigüidades, coa censura informativa os medios de comunicación escrita privados de Galiza están negando a propia esencia do pluralismo. Esta actitude supón substituír o dereito a recibir unha información veraz e a necesaria confrontación de ideas –que, en esencia, é o que garante o pluralismo- pola manipulación.

De forma perversa substitúese o lexítimo dereito á liberdade de prensa polo de liberdade de empresa.

Cabe afirmar que o pluralismo só existe cando os medios de comunicación exercen o seu papel de portavoces, tanto do discurso oficial do poder como do discurso daqueles que o cuestionan. Porén, aquí asistimos a unha realidade completamente distinta. Os medios eluden a súa responsabilidade social e defenden, por riba de todo, os seus intereses como empresas esquecendo a propia esencia dos sistemas democráticos e valeirando de contido o artigo 20 da Constitución que tanto defenden.

Poderán argüír que cando hai mobilizacións en empresas, promovidas pola CIG, a información publícase, pero tamén o tratamento que se lle dá nesas ocasións sería obxecto dunha análise destas características. E agora non é o caso.

 
 

Paula Castro,
coordinadora de CIG-Comunicación.

  Paula Castro
 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 27/06/2006
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta