|
Actualidade / Artigo Xurxo Martínez Crespo-
A min esa pequena patria tocoume lonxe e afastada do mundo, pero dentro del. Vía nos comentarios de Bryce a miña infancia e adolescencia, daqueles que vivíamos un mundo arredado do mundo que, mesmo nesas circunstancias, podíamos descoñecer e ignorar para sempre. Ninguén que escriba como Bryce, que conte o que el conta, pode estar illado do mundo, pero isto non é unha análise literaria senón unha explicación que ten tres ángulos. Por un lado Bryce, por outro Humala e por outro Boris Izaguirre. Coñezo a Boris Izaguirre moito antes de que aterrara por estas terras. O seu pai, Rodolfo Izaguirre, foi durante moitos anos director da Cinemateca Nacional de Venezuela, ademais de presentador na televisión venezuelana de espazos para cinéfilos nos cales facía unha introdución erudita verbo o filme que se ía proxectar. Boris, membro dese “mundo glamuroso” da cultura, comezou dando brincos e escribindo unha novela que deixaba moito que desexar, “El vuelo de las avestruces” (non a lin), novela propia do fillo de papá que xoga a escribir unha novela.
Onte escoitaba a Boris Izaguirre falar pola radio sobre Ollanta Humala, e a inevitábel tentación de comparalo co “monstro” que para Boris (Karloff?) significa Chávez. Como non atopou argumentos para descualificar a Ollanta, ademais de comparalos racialmente, non se atreveu máis que preguntar ao aire pola idade da muller de Ollanta. Un xornalista ao micrófono dicíalle a Boris que era 14 anos menor e que levaban seis anos casados.
Velaí a universidade pola que pasou Bryce e pola que pasou Boris. A de Bryce serviu para querer máis o seu país e a súa xente, a de Boris para facerse millonario fozando na merda dos demais. Entre os “profundos” pensamentos de Izaguirre está o asegurar que a maioría da poboación vai votar por Ollanta porque é pobre e a maioría dos pobres votan polo que non deben votar. Puxo exemplos da insensatez dese pobre-voto-pobre coa elección e posíbel reelección de Chávez. Aos pobres oíntes españois que non “coñecen” a realidade latinoamericana coma el, aseguroulles que un dos grandes fracasos dos pobres en Venezuela foi votar por Chávez mil e unha veces e estar igual ou máis pobres ca antes.
Unha vez electo, podería poñer como empresa básica e dinamizadora da economía o chisme, a burla e a vulgaridade. Os venezuelanos teñen un dito segundo o cal unha tartaruga non pode chamar “acoirazado” a un armadillo. Eu entendo que non existe maior ofensa que a violencia do forte sobre o débil, do culto sobre o ignorante e do rico sobre o pobre. Entendo que todos aqueles e aquelas que emigraron fixérono pola imposibilidade de levar unha vida digna nos seus países de orixe. Non entendo por vida digna queimar calorías en centros comerciais ou insultar os que non tiveron a túa sorte. Se cadra dedicamos moito tempo a impresentábeis coma Boris Izaguirre; o lamentábel é que son xente coma el os que crean opinión nesta sociedade en que vivimos. Só falla que Boris se autoproclame exiliado, e así poderíamos dedicarlle un ano da desmemoria. |
|||||||||||||||||||
|
|||||||||||||||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 22/04/2006 |
|||||||||||||||||||
|