Actualidade / ArtigoVolver


A Coruña, 24 de marzo de 2006

ETA e Goliat
 

Xurxo Martínez Crespo-

xurxomartinez@cantv.net


  Pintada ETA e garda civil, clic para aumentar
Pintada e garda civil.
A democracia que veu de lonxe, clic para aumentar
A democracia que veu de lonxe con cooperación española.
Isto non é terrorismo, clic para aumentar
Isto non é terrorismo.
 
Acaba de declarar un alto ao fogo indefinido (e non unha tregua) a organización separatista armada ETA. Moitos se preguntarán porque non digo a banda asasina (coma en tempos de Aznar, no que era obrigatorio) ou a “banda” como agora mandan os cánones “light” do Goberno socialista. A verdade é que como aínda nas noticias non escoitei o termo exército asasino estadounidense ou exército español colaborador de exército asasino, gardo o uso de cualificativos para cando as varas de medir sexan iguais para todos.

Isto digoo porque a organización terrorista con máis mortos no Estado francés era o Estado español a través do GAL, que asasinou a 27 persoas.

Moitos dos seus membros nunca foron nin axuizados nin detidos. Hoxe, 22 de marzo, Barrionuevo está libre, Vera está libre, Galindo está libre, e falo dos “pringados” e non dos que estaban detrás ou sentados nos consellos de ministros repartindo os cartos públicos para os asasinos a soldo que mataban, raptaban e secuestraban a persoas normais e correntes. Non escoitará vostede a ningún xuíz protestar por tales liberdades, non é “decente”, e ademais aparecen en pequenas notas nos xornais.

A xustiza e a verdade aquí si que son cegas, xordas e mudas. Hebe Bonafini berroulle alto ao xuíz pret-à-porter Garzón que o Estado español era pouco democrático. Tamén o ex presidente italiano Francesco Cossiga. A prensa española se encargou de dicir que ambos estaban tolos. Eu non o creo.

O Estado español é o único en Europa que pechou dous xornais, revistas, ilegalizou unha opción política e aplicou penas restritivas de liberdade con carácter retroactivo. Agora que ETA anunciou un cese, o Partido Popular saiu dicindo non sei que de traizón e estupideces carpetovetónicas e decimonónicas. Que quere o Partido Popular? Que queren Sangil, Acebes, Rajoy e os seus millóns de seguidores “mentais”? Que ETA siga matando? Expliquenmo. Non poden.

Este cese é unha vitoria para todas e todos, porque non teremos máis mortos e por iso seremos todos vencedores. A liberdade de Vera, Barrionuevo e Galindo si que é unha derrota sobre a que ninguén dixo nada. Outros personaxes escuros como Damborenea, González e outros pasaron indemnes. Por que a eles non se lles aplica a lei restritiva de carácter penal con carácter retroactivo?

A excusa da invasión de Afganistán foi que imperaba a lei islámica da vinganza. Algo así como a española, onde a lei penal aplica leis desfavorecedoras para os reos con carácter retroactivo ou o xuíz aplica penas de liberdade que nin o fiscal solicita.

É a lei da vinganza, da vendetta, de tratar de crear máis delincuencia, máis morte, máis terror.

ETA deu un paso de xigante, e o Goberno de Zapatero tamén. Ambos están desenmascarando a intransixencia e violencia de sempre. A que apoia e aplaude públicamente sen dor e con sorrisos durante tres anos 40 nenos, mulleres e homes mortos a diario en Iraq. A que aproba e se felicita pola continuidade da violencia. Era mentira que ETA puxera as bombas nos trens. Unha ringleira de mentireiros pretenderon enganarnos durante dous días para gañar unhas eleccións nas que un monicreque (Rajoy) de outro monicreque (Aznar) de outro monicreque covarde e burro (Bush) queren facernos crer que a violencia e a morte é boa cando a aplican eles e mala cando a aplican outros.

Zapatero, non vaias aos teus zapatos. Non son seareiro teu, mais admiro aos homes e a as mulleres que enchen a súa boca coa palabra paz. Moitos dubidan das intencións de ETA. Eu non dubido, o comunicado foi lido por unha muller en voz clara e alta. ETA atreveuse cando ninguén se atrevía en tempos de Franco.

Paz e honra aos valentes que dan pasos para conseguila convivencia e a expresión das ideas en liberdade. Cando o non ao apoio do Estado español á guerra xenocida contra Iraq era un clamor en todas as rúas, o goberno humanista e mentireiro de Rajoy, Acebes e Zaplana con Aznar pintaban as súas mans de branco. Monicreques da guerra e da mentira aínda xogan con lume.

 
 

Xurxo Martínez Crespo.

  Xurxo Martínez Crespo
 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 24/03/2006
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta