Actualidade / ArtigoVolver


A Coruña, 15 de febreiro de 2006

Paco Vázquez e a historia local da infamia humana
 

Xurxo Martínez Crespo-

xurxomartinez@cantv.net


  Aznar, Paco Vázquez e Bono, clic para aumentar
Condecoración polos seus grandes servizos.
 
Tanto me ten se vai ou o foron. Coitado e preocupado por esta sociedade-suxedade que premia ao “listo” ao “trepa” ao ladrón ao prevaricador, ao ignorante ao ególatra ou ao intolerante.

Abraiados catro descerebrados falan e falan da intraxisencia dos musulmáns por que non saben rir (rirse) dunha cousa que para eles é sagrada e para nós simplemente unha merda.

É doado rir de cousas que consideramos unha merda. É doado pedirlles sentido de humor a xente que ten unha vida espiritual inmensamente máis rica ca nosa.

O caso do alcalde coruñés ten moito que ver con esta aposta pola vida que non é outra que unha aposta pola verdade. Vivimos nunha sociedade-suxedade noxenta, mentireira e enferma. Os medios de comunicación son proba desa enfermidade. Moitos dirán que foron precisamente os medios os que destaparon esa pota podre do aprendiz de ditador que mandou (e aínda manda nesta cidade). Non estou dacordo. Os partidos, a poboación en xeral, a sociedade civil que chaman agora, é a encargada de pedir contas a un alcalde e a unha xustiza que peca de cega, xorda e muda.

Os medios de comunicación que sinalaban a este aprendiz de trileiro tiñan coma contrapartida outros medios de comunicación que exalzaban ao mesmo personaxe. Porque crer a uns e non aos outros?

Moitos dirán que pola presenza de probas irrefutábeis da corrutela na que vive mergullado el “sheriff” deste pobo do “lonxano Oeste” que é A Coruña. Non dubido da cualidade de truán do personaxe do sorriso cómodo, porén, se foran probas irrefutábeis, nun Estado de dereito este señor non estaría tan tranquilo senón preso.

  Paco Vázquez, rei, clic para aumentar
Vázquez olla ao ceo.
 
O problema non é a cualidade de moinante deste político senón a ausencia de xustiza para este tunante que chegou coma calquera cidadán a un concello e saiu convertido nun dos homes máis ricos.

Velaí o matrimonio medios acomodaticios, coma La Voz de Galicia, e poder político. Velaí o falso papel de defensores da verdade de meios de comunicación, que mundo adiante, en Venezuela, Estados Unidos, Estado español ou tantos outros sitios non fan máis que adormecer conciencias e apodrecer vontades.

Arranxaron a cousa ben, moi ben. Este carallán sairá pola porta grande e continuará a engordar e a falar con ese acento que é unha maldición divina para a súa boca.

Irremediabelmente será un referente, un patrón de revista barata, de como parecen as cousas. O boato e o protocolo unidos a este nugallán que aparcaba os coches oficiais nas beirarrúas ás 4:00 da tarde porque o señor alcalde está xantando.

Prepotencia na fala, na mirada, nos xestos e acenos. Irrespecto cara aos que son distintos. Complacencia cos cans de turno que lamben as súas pegadas. Habanos caros na boca, roupa de figurín nunha cidade que esta mesma semana perdeu dous traballadores máis na obra faraónica do porto exterior.

Sorrisos e piropos mutuos. Fastos e mal exercicio do poder. Diñeiros públicos administrados ao xeito dun peto dun neno caprichoso. Compra de obeliscos de cores, ascensores millonarios para ver vistas, paseos para nugalláns e para baixar copiosas comidas mentres se fuma un puro de “vueltabajo”.

Este “modelo” de home, deses que segundo di a súa folla parroquial “La Voz de Galicia” só tiraba “matrículas de honra” no colexio é o fiel representante do esterqueiro no que convertemos, devagar, as nosas sociedades-suxedades da man dos que nos gobernan.

Aquí ninguén “decente” recolleu asinaturas para solicitar un referendo para parar o masacre dos nenos, homes e mulleres de Iraque; si se moven de arriba-abaixo para solicitalo para cambiar o nome de A Coruña ou para frear o Estatut catalán.

Pallaso de moita monta, este ser incómodo para calquera persoa decente, terá axiña, rúas e bustos co seu nome. Falará do que non sabe e como bo enfermo rexeitara ao seu país e á súa cultura por consideralos inferiores ás súas capacidades.

E as súas capacidades son propias do mono que sobrevive na selva, alimentado de raíces e froitos. Propias do mono que aprende a usar a queixada do burro como arma, e quen aprende iso é o que manda na manda.

Tiña Vázquez a súa propia “queixada”. Un silenzo complice percorreu esta cidade. Un segredo a voces que todos sabían e ninguén quería dicir. Marchou o “guía” o outro faro que alumeaba á cidade e que fixo encallar e encalar as nosas conciencias, e así nunca venceremos.

Boa viaxe e non volvas.

 
 

Xurxo Martínez Crespo.

  Xurxo Martínez Crespo
 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 15/02/2006
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta