|
Actualidade / Artigo Xurxo Martínez Crespo-
Quixeron edulcoralas cos mesmos edulcorantes artificiais das gomas de mascar, refrescos e iogures. Quixeron descafeinalas para que a mesma cafeína que nos permitía “continuar” non sexa máis que un nome baleiro, ausente de calquera significado. Quixeron quitarlle o alcol para que non emborrachen, para que literalmente “non enchan ou mareen a cabeza”. Quitáronlle ás ideas o alcatrán do asfalto, o mesmo que fixo tantos “camiños”. Quitáronlle ás ideas a nicotina que drogaba e nos facía “dependentes” delas. A mesma nicotina que nos fai esquecer a fame, o frío e o mal tempo. “Montarse” nunha idea era rachar as barreiras do espazo e do tempo, igual que nun auto veloz; a bolsa ou cinto de seguridade que había para as nosas vidas era o amor mesmo a esa idea, o convencemento da posesión e pertenza a unha gran verdade, sen a cal nin a vida mesma tiña sentido. É unha frase feita que os homes morren, as ideas non. As ideas? Podemos verdadeiramente illar as ideas daqueles que as pariron? Todos os xaneiros de todos os anos te recordamos, irmán Daniel. Tráxico paradoxo nacer e morrer o mesmo mes, e digo tráxico pois de nacer e morrer en meses distintos teriamos o dobre de oportunidades de lembrarte. Mais que ten Castelao digno de ser recordado? porque nacer e morrer facémolo todos e todas; uns e unhas facemos o primeiro de mellor xeito, outros/as o segundo, outros/as por certo, nin o primeiro nin o segundo. Castelao foi sen dúbida a conciencia histórica viva de Galiza, dun pobo, dunha nación moribunda case morta, que grazas a un milagre, como foi ter coma fillo a Castelao, salvou dunha morte “anunciada”. Mais a salvación desa morte anunciada non foi un antídoto, unha vacina contra a mortalidade, senón un ditame da nosa doenza, a mesma que nos levara a ese estado comatoso. A ese ditame engadiulle Castelao, como bo médico, unha prescrición para a salvación, que non era outra que a toma de conciencia por parte de todos e todas os galegos e galegas do que eramos, do que podiamos ser, do que querían e tiñan feito connosco ao longo da historia; unha historia escrita por outros e outras, unha historia que non nos pertencía. Aqueles/as que nos levaron a un estado de coma secular, hoxe te celebran e te citan a viva voz porque cren que estás morto, irmán Daniel. Prescríbennos caramelos e gomas de mascar sen azucre para facernos a vida máis amarga ou máis artificial do que nola fixeran. Recéitannos café descafeinado para que non esteamos en vixilia nunca, sempre durmidos e durmidas. Dannos alcol do que non fai esquecer mágoas nin celebrar alegrías. Dannos un viño que non é coma o de Antonio Machado, aquel que bebe porque o alcol formaba parte da súa lenda, e sen lenda non se pasa á historia. Aquel que bebía porque nada lle engadía á virtude a carencia de vicios. Quitáronos o tabaco en nome da saúde, a mesma que nos quitan, que nos esnaquizan co fume da pouca industria que nos queda e dos dous vehículos por familia que son signo de “benestar” e “desenvolvemento”, que mesmo son un índice de “progreso humano”. No noso verde recanto do noroeste negáronnos medios non contaminantes e de verdadeiro desenvolvemento. Fixéronnos, co alcatrán que lle quitaron aos cigarros, autovías e vías de acceso para chegar máis rápido a casa, ao traballo e, algunhas moitas veces, á morte. Fixéronnos os automóbiles “seguros” por dentro mais non por fóra. Puxéronnos dentro un cinto de seguridade que máis que asegurarnos nos ata. Puxéronnos unha bolsa de ar ao volante con nome bárbaro, fiel reflexo de que aquilo que nos pode “salvar” está precisamente cheo de ar, baleiro, sen contido, nunha lingua que non é a nosa. Irmán Daniel, probábelmente todo esto te abraie. Sei que nos estás vendo e escoitando, pois en ti a dúbida de Octavio Paz, de se nacer era morrer, de se morrer era nacer, está resolta. Sei que naciches de novo, se é que algunha vez alguén te considerou morto. Sei, tamén, que a túa sorpresa máis grande é que hoxe, dende aquí, dende este lugar en ningures, onde se atope un/ha galego/a ben nacido, xamais aceptaremos a morte como receita para a “vida” porque somos un pobo que se resiste a morrer. Lamento dicirche, irmán Daniel, que o que algunha vez soñaches non se cumpriu. Que es un nome con apelidos, unha palabra e referente carente de contido, baleiro. Que estás en libros, en nomes de colexios e de rúas, en exposicións, medallas, discursos, en pancartas, en camisetas e nas bocas de moitos/as pero non nos corazóns. Porén, non perdemos a esperanza. Teño a certeza que algún día os nosos/as fillos/as encherán os seus discursos non de reclamos senón de agradecementos por todo o que nos deches, pois chegará un día, irmán Daniel, no que teremos un pobo con conciencia, como ti o quixeches. Nós, humildemente, prometémoscho. |
||||
|
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 30/01/2005 |
||||
|