|
Actualidade / Artigo A LOE: Outra oportunidade perdida Anxo Louzao Rodríguez-
Este Proxecto de Lei continúa sen asumir nin aceptar a configuración plurinacional e plurilingüe do Estado Español. Lonxe estamos de que a LOE sexa unicamente unha lei de bases que traslade a potestade lexislativa e de ordenación educativa a Galiza. Polo tanto, continuaremos carecendo dun sistema educativo propio, deseñado e programado en función da nosa realidade social, cultural e lingüística, das nosas necesidades e obxectivos. Unha educación que pretenda afastarnos do que nos é propio, do noso mundo, nunca cumprirá unha función transformadora, de calidade nin equidade en Galiza. Pois ben, o actual Proxecto de Lei non asume, nin sequera, transferir ao goberno galego a concesión das bolsas de estudos; a fixación do número de días lectivos; a avaliación do sistema educativo, a composición e competencias dos órganos colexiados, o sistema de elección dos cargos directivos, os criterios de admisión de alumnos, etc. A Alta Inspección confírmase na súa función de gardián do Goberno Central, usurpando atribucións e funcións que deberían corresponderlle á Administración educativa galega. Moitas outras competencias son compartidas entre o Estado e as comunidades autónomas e poucas exclusivas do Goberno Galego. Todo isto non é óbice para que o PP e os seus aliados continúen a afirmar que a futura LOE vai desintegrar o actual Estado a través de diferentes sistemas educativos, cando, igual que na LOCE e na LOXSE, o Estado ten a potestade de fixar os contidos básicos das ensinanzas mínimas que requerirán como mínimo o 55% dos horarios escolares. Co actual Proxecto de Lei o ensino privado concertado sae reforzado. Consolídase definitivamente a dobre rede de centros: pública e privada concertada. Avánzase na privatización e mercantilización da educación, ao comprometerse a LOE a dotar aos centros concertados dos mesmos servizos e recursos que os públicos, malia a continuar a ser entidades con fin de lucro, ter un ideario propio e seleccionar o alumnado de maneira irregular. Non se lexisla nin a mínima medida conducente a evitar a privatización. Confírmanse as subvencións e os concertos na educación infantil, malia que continúa sen ser obrigatoria, e a todos os outros niveis educativos. É máis, o actual Proxecto de Lei non só facilita os concertos educativos no ensino postobrigatorio, senón que confirma os actuais mediante a Disposición Transitoria Décima que estabelece “Os centros privados que, á entrada en vigor da presente Lei, teñan concertadas as ensinanzas postobrigatorias, manterán o concerto para as ensinanzas equivalentes”. A proposta positiva de que a escolarización do alumnado con dificuldades educativas fose equitativa entre centros públicos e concertados esvaiuse nas últimas concesións á patronal da privada, malia que en Galiza máis do 90% do alumnado destas características estea escolarizado no ensino público, sen que se aplique ningunha sanción nin cancelación do concerto aos centros privados concertados por evitar a matriculación deste alumnado. A futura lei continúa sen aceptar o ensino laico. A relixión, polo contrario, formará parte do currículo escolar. As Administracións educativas seguirán estando á marxe de calquera control desta área, que proseguirá co adoutrinamento relixioso nos centros. O profesorado de relixión será nomeado e “seleccionado” polo bispado e non por un sistema que garanta os requisitos de publicidade, mérito e capacidade e os contidos, obxectivos, material didáctico desta área estarán á marxe de calquera control. En defintiva, o estatus da relixión nos centros será o mesmo que ten hoxe, pois tampouco se aceptou que se impartise fóra do horario lectivo. É comunmente aceptado que calquera reforma educativa, por insignificante que sexa, debe conlevar a financiación correspondente, xa que non hai avance posíbel na calidade do ensino sen os recursos necesarios para o ensino público. A memoria económica para o financiamento da lei, da que unha parte moi importante será para o financiamento do ensino infantil privado, prevé que o 45% vai ter que asumilo o goberno galego (malia non ter soberanía financeira, cárgase sobre as súas costas parte do financiamento da Lei). Trátase dunha proposta de financiamento totalmente insuficiente, sen rango de lei que non recoñece a débeda histórica que o Estado ten contraída co sistema educativo galego. O Proxecto da nova Lei continúa sen asumir, máis unha vez, o recoñecemento e valoración do profesorado. Acéptase que hoxe a función docente exixe maior esforzo, máis dedicación e mellor formación, mais as medidas propostas non van nesa dirección. Continúa sen dárselle a importancia necesaria tanto á formación inicial como á permanente do profesorado. Só así se explica que a formación inicial siga sen ser a de licenciatura, independentemente do nivel no que se vaia impartir docencia, ou que a formación permanente se teña que realizar fóra do horario lectivo. O profesorado de novo sufrirá as consecuencias das modificacións que se van producir (novos perfís; áreas novas a impartir; redución de carga lectiva dalgunhas áreas como, por exemplo, Tecnoloxía; impartición de materias afíns, etc.). Créanse novas categorías mediante diferenzas retributivas que estarán ligadas á avaliación do noso traballo ou a outros factores subxectivos ao alcance duns poucos, que suporán maior xerarquización e burocratización innecesarias. Resulta difícil lexislar a favor dunha maior calidade do ensino se non se lexisla a prol do recoñecemento e importancia social do traballo docente. Cuestións como a estabilidade e o acceso do profesorado interino; un novo sistema retributivo que tenda a rematar coas diferenzas e conleve melloras salariais; a redución horaria para o profesorado maior de 55 anos sen merma retributiva; a elaboración dun cadro de enfermidades profesionais; o dereito á negociación colectiva; ás eleccións sindicais por centro de traballo e o recoñecemento da función titorial extensivo a todo o profesorado seguen sen ser atendidas. Unicamente se mellora a proposta inicial sobre a xubilación anticipada debido a que o PSOE se viu obrigado a transaccionar a proposta de lei presentada no seu día, a instancias da CIG, polo BNG porque quedaba en minoría. Todo o dito anteriormente non foi impedimento para que os sindicatos -incluídos os que asistiron á manifestación do día 12 en Madrid en contra da LOE- agás CIG, ELA e STEs avalasen o Proxecto da LOE coa sinatura dun acordo para o ensino público que se desentende das reivindicacións máis sentidas do profesorado; aborda diferentes temáticas que procuran recortar o marco galego de negociación; condiciona a posibilidade de conseguir melloras na tramitación da Lei; non resolve a problemática dos interinos e crea un novo complemento retributivo coa pretensión de que sexa percibido só por unha parte do profesorado. Así mesmo suscribiuse outro acordo para o ensino concertado que significará un incremento das subvencións a estes centros. Por certo, acordo negociado e asinado á marxe da CIG, malia a nosa representatividade e lexitimidade para participar na negociación. É primordial democratizar a xestión escolar e isto non é posíbel sen a participación da comunidade escolar, fundamentalmente do profesorado e do alumnado. O Proxecto de Lei, en lugar de apostar por unha xestión verdadeiramente democrática e participativa nos centros públicos, opta por un sistema semellante ao da LOCE, ao estabelecer o concurso de méritos para seleccionar aos directores/as, en lugar de facilitar a participación de todos os sectores implicados. A Comisión de Educación no seu ditame ao Proxecto de Lei amplía as competencias das direccións: constitúese como o órgano de goberno dos centros, outórgalles prerrogativas sancionadoras e disciplinarias e dálle potestade para avaliar o profesorado. Mentres, o claustro de profesores permanece coas súas competencias recortadas e non se percibe como o órgano necesario para a participación e compromiso do profesorado coa dinamización do centro escolar. Se ben é certo que o Proxecto de Lei supón un avance nas propostas pedagóxicas, na concepción e función social da educación respecto á LOCE, non é menos certo que á hora de concretar medidas para mellorar a calidade do ensino e poñer remedio ao fracaso escolar, atopámonos con baleiros inxustificados ou con reproducións do que xa estaba recollido na LOXSE e que non actuaron de maneira eficaz contra o fracaso escolar. Medidas como a oferta pública suficiente de prazas no 1º ciclo de Infantil e a obrigatoriedade do 2º ciclo, a redución de alumnos/as por aula, o reforzo da función titorial, a atención personalizada, os desdobres das aulas, a dotación de servizos e actividades complementarias en todos os centros públicos, fanse imprescindíbeis. Precísase tamén profesorado suficiente para ocuparse da diversidade, reforzar a Orientación escolar e dotar os centros doutros perfís profesionais. Sen lugar a dúbidas, prever e avaliar as carencias para poder actuar sobre elas desde os primeiros días de escolarización é fundamental. Somos conscientes de que a marxinación social, as desigualdades sociais ou a procedencia cultural case sempre ten que ver con este fracaso. Se a isto lle engadimos a relación causal que existe entre pouca inversión en educación con pouco rendemento escolar, concluímos que a escola ten que facer un sobreesforzo para reducir o retraso escolar. Hoxe o ámbito familiar e a procedencia social marcan en grande medida a formación e a aprendizaxe dos/as escolares. Porén, a LOE non garante nin asume medidas e estratexias que eviten, na práctica, que o ensino continúe sendo selectivo e clasista por diferentes vías. Unha educación que non sexa capaz de actuar positivamente contra as desigualdades, sexan estas da índole que sexan, que non favoreza a inclusión e a integración, está condenada ao fracaso como servizo público. Conscientes da importancia que para o futuro inmediato ten a aprobación desta Lei, desde a CIG-Ensino levamos desenvolvendo diferentes accións ao longo de todo un ano: realizamos numerosas asembleas nos centros, organizamos debates e xornadas, mobilizámonos por outra Lei de Educación, elaboramos diferentes propostas e alternativas que foron presentadas e defendidas na Mesa Sectorial Docente non universitaria do Estado, no Consello Escolar do Estado e no Congreso dos Deputados, etc. Nesta recta final da aprobación da Lei mobilizarémonos de novo o día 15 de decembro, redobrando os esforzos para dar a resposta máis acaída para facer posíbel outra Lei que se fundamente en tres piares: a composición plurinacional do Estado, a defensa inequívoca do ensino público e atenda as reivindicacións máis importantes do profesorado.
|
||||
|
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 14/12/2005 |
||||
|