|
Actualidade Reforma laboral e descentralización
productiva
Luís Burgos Díaz-
Xa empezan a aparecer opinións “independentes”, en xornais como “ABC” ou “Mundo”, teóricamente alleas ás negociacións entre as organizacións empresariais e sindicais españolas, que poñen en cuestión unha negociación de cativos resultados previsíbeis e que prefiren que se deixen as cousas como están. Tal como está a guerra política tampouco queren que neste fronte o governo se apunte nengún tanto. En realidade iso é o que prefire a patronal, que as cousas queden como están. Porque a reforma laboral que eles pretenden se está realizando día a día na realidade do mundo do traballo a través da desregulación efectiva que se produce por mor da descentralización productiva xeneralizada. A precariedade do emprego nas subcontratas, empresas auxiliares ou dependentes; a flexibilidade salarial e a desigualdade entre os fixos das empresas principais e os temporais das empresas dependentes; a mobilidade funcional; a flexibilidade horaria; a individualización das relacións personais, a carencia de representación efectiva do personal e a merma do poder sindical nas subcontratas, dado o pequeno tamaño destas, son feitos vencellados ao fenómeno de descentralización productiva. Si a esto lle sumamos a incidencia en canto ás condicións de traballo do fenómeno da inmigración, entenderemos rápidamente por que a patronal non está disposta a subscribir acordos que limiten a temporalidade ou regulen a subcontratación. Mellor que as cousas sigan coma ata agora, con grandes beneficios e cantidade de emprego disponible. E se as cousas veñen mal no futuro, menos custes de reconversión. Con este panorama a patronal seguirá insistindo na rebaixa dos custes do despedimento, sobre todo cando o governo, na línea trazada no claudicante acordo de 1977, propón extender a indemnización de 33 días por ano, e un máximo de 24 mensualidades, a todos os contratos novos. Pero coñecendo a quen están nesa Mesa Negociadora tampouco este é un tema que lles preocupe moito. Na realidade outros traballan por eles e a súa economía vai ben. Cambiouse o modelo de formación profesional continua para beneficiar aos empresarios e á CEOE. Agora o governo do PSOE, a modo de sinal de boa vontade, está disposto a cumprir unha vella reivindicación patronal en relación ao FOGASA, incorporando para os orzamentos do 2006 unha rebaixa do 50% da cotización. Izquierda Unida despois da entrevista co presidente do Governo español avalía positivamente a garantía dada por Zapatero de que non haberá reforma sindical se non está pactada previamente e comunicada ás forzas de esquerda. Demasiada inxenuidade política. O que as forzas de esquerda e os sindicatos tiñan que estar esixindo é que un governo que se denomina socialista propoña medidas favorables aos traballadores e que en vez de falar tanto dos males da precariedade abórdense reformas integrais da descentralización productiva, que solventen a causa fundamental desa precariedade e do deterioro conseguinte das condicións de traballo. Esperar aos froitos do chamado diálogo social é unha trampa fatal, xa que se hai acordo será un acordo descafeinado que volte a incidir na línea aberta en 1977, isto é: na rebaixa do despedimento. E si non hai acordo, nen se produce a Foto que tanto interesa aos que governan e tan pouco á cúpula patronal e ao seu partido, a situación real da clase traballadora seguirá deteriorándose irremediablemente.
ÚLTIMA REVISIÓN: 09/11/2005 |
||||
|