|
Actualidade / Entrevista Paula Castro-
O vicepresidente económico, Pedro Solbes, facía un adianto da súa proposta de Reforma Laboral, xusto antes de entregar o documento definitivo aos sindicatos estatais CCOO, UGT e á patronal (CEOE-Cepyme). Solbes propón, por unha banda, a xeneralización do contrato de fomento de emprego, que implica reducir a indemnización por despedimento de 45 a 33 días por ano traballado, cun límite de 24 mensualidades. Pola outra, rebaixar as cotizacións á Seguridade Social das empresas, para todas as relacións laborais indefinidas. O secretario xeral da CIG, Suso Seixo, valora nesta entrevista estas propostas e adianta a posición da central sindical, advertindo que “estamos claramente en contra desas medidas”. Seixo lembra ademais que “van na liña do que ven reclamando desde hai anos a patronal, de abaratar o despedimento e reducir os custos das empresas en materia de Seguridade Social e tamén de reformas laborais que se fixeron con anterioridade, na época do Partido Popular e contra as que a CIG xa se ten manifestado”. Paula Castro: A proposta de reforma laboral adiantada polo ministro de Economía, Pedro Solbes, inclúe a xeneralización do contrato de fomento de emprego. Como o valora a CIG? Suso Seixo: Ese tipo de contrato recolle 33 días por ano de indemnización fronte aos contratos indefinidos normais que recollen 45 días por ano. Isto xa foi pactado por CCOO UGT e a patronal no ano 96 para facilitar a conversión de contratos temporais en contratos indefinidos e reducir a contratación temporal. A realidade é que, a pesar de que ese contrato se foi estendendo a máis colectivos dos que se contemplaba inicialmente, a porcentaxe de indefinidos só mellorou en dous puntos con respecto ao que había no ano 97. Dese punto de vista non tivo eficacia algunha nin para garantir un incremento real dos contratos indefinidos nin para reducir a temporalidade. Paula Castro: Tamén prevé reducir as cotizacións das empresas á Seguridade Social para os contratos indefinidos. Suso Seixo: Esa proposta aínda é máis sorprendente, máis argumentando que é un momento bo porque hai superávit na Seguridade Social. Resulta curioso que, por outro lado, nos estean permanentemente anunciando medidas de reforma da SS afirmando que o sistema actual é inviábel, polo que habería que ampliar a idade de xubilación e reducir a contía das pensións. Paula Castro: Que repercusións podería ter esa rebaixa para a propia Seguridade Social? Suso Seixo: Provocará unha redución dos ingresos da Seguridade Social, e polo tanto dificultará o actual modelo. Pode ser que chegado o momento o utilicen como argumento para forzar as medidas de recorte que xa hoxe pretenden. Paula Castro: A CIG non recibiu a proposta que o Goberno presentou a CCOO UGT e CEOE. Suso Seixo: Esta actitude por parte do Goberno mantense desde que se puxeron en marcha as mesas de diálogo en Madrid. A nós non se nos deu opción a participar nas mesmas malia ter remitido escritos requirindo que se nos convocase igual que a calquera outra central sindical. Agora seguen nesa dinámica e dirixen a súa proposta exclusivamente ás organizacións que forman parte das mesas. Nós dirixirémonos de novo ao Goberno requirindo que calquera proposta que faga, dirixida a modificar a actual normativa en materia de relacións laborais, se nos remita, como central sindical máis representativa. Temos o dereito e a obriga de defender os intereses dos nosos afiliados e afiliadas e estar, polo tanto, informados das propostas que podan derivar en cambios da actual normativa laboral. |
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 19/10/2005 |
||||
|