|
Actualidade CIG-Comunicación-
Un morto esta semana, dous a semana pasada, catro en Ferrol hai menos dun mes. Maioritariamente, os accidentes laborais con resultado de morte concéntranse nos mesmos sectores: naval e construción. Diante desta situación, as sete da maña do 2 de xuño comezaba unha folga de dous días no sector naval, á que se sumaba tamén o sector da construción. Ademais de ocupar os edificios administrativos da Xunta de Galiza, paralizándose a actividade durante toda a xornada, celebráronse concetracións en distintos puntos da cidade para confluír os traballadores, nunha grande manifestación -arredor de 4.000 traballadoras/es- no cruce de Colón. Os traballadores demandan un maior control nos riscos laborais e a actuación da xustiza contra a impunidade da que gozan os empresarios, responsábeis directos dos accidentes, por non aplicar as medidas de prevención axeitadas a cada posto de traballo. Responsabilízase tamén da maior sinistralidade á cada vez maior precariedade na contratación, á eventualidade e ás longas xornadas que teñen que realizar moitos traballadores/as. Antolín Alcántara, membro da Executiva Confederal da CIG, apunta tamén á responsabilidade da Administración pola “pasividade política á hora de corrixir estes problemas” e por non dotar de medios materiais e humanos á inspección, o que provoca que esta sexa deficiente e que non se impoñan as medidas preventivas necesarias para impedir que accidentes destas características se repitan. |
|||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 03/06/2005 |