Actualidade / BiografíaVolver


A Coruña, 20 de decembro de 2006

Olga Benario: revolucionaria, sen perder a tenrura,
1908-1942 In memoriam
 

Xurxo Martínez Crespo-

xurxomartinez@cantv.net


  Clic para aumentar
Olga Benario aos 16 anos.
 
“Eu gostaria que soubesen que cumprín dúas tarefas: unha do Partido e outra do meu corazón”. (Olga Benario, Moscova, 1928).



Hai 98 anos naceu en München Olga Benario, a valente muller comunista que loitara e dera a vida "polo xusto, polo bo e polo mellor do mundo". Olga Benario dá nome a rúas de moitas cidades da ex Alemaña Oriental e no Brasil. 91 escolas e innumerábeis fábricas e brigadas operarárias da hoxe desaparecida República Democrática Alemá lembran o seu fermoso paso polo mundo.

Nada en 1908 no seo dunha familia na que o pai, Leo Benario exercía a avogacía con carácter social cara aos traballadores máis desposuídos, é dicir, sen cobrar os seus honorarios, tivo como nai unha muller, Eugénie Guttman, que a abandoou á súa sorte cando se enterou que pertencía ao Partido Comunista e rexeitou á neta Anita Leocádia. Olga, a xudea-comunista máis fermosa interior e exteriormente que a historia coñecera, entrou a ser unha lenda vivente un 11 de abril de 1928 cando libertou da cadea ao seu mozo, o comunista Otto Braun(1) acusado de "alta traizón á patria" no cárcere berlinés de Moabit. Unha edición extraordinaria do xornal "Berliner Zeitung am Mittag" colocaba como comandanta do "asalto comunista" a Olga e como colaboradores a Rudi König(2), Margot Ring(3) , Erich Jasozoch(4), Erick Bombach(5) e Klara Seleheim(6).

  Clic para aumentar
Documentación falsa portuguesa de Olga Benario e Luís Carlos Prestes.
 
Esta rapaza, elixida en 1926, secretaria de Axitación e Propaganda da Xuventude Comunista de Berlín, abandona Alemaña co seu mozo e chega a Moscova con nome de Olga Sinek.

Mente privilexiada, lider natural. Traballadora, teimuda, desexosa de aprender e convidada polo Kommunisti Internationali Molodoi –KIM– versión do Komintern para a Xuventude Comunista Internacional.

A amnistía ditada en Alemaña en 1928 non a beneficiaba nin a ela nin ao seu mozo, Otto Braun, máis ben, as acusacións feitas contra Braun engordarían o seu expediente.

En 1931 recibe a súa primeira misión internacional: intervir no nome do KIM na Xuventude Comunista de Franza. Esta misión determinou a ruptura definitiva entre Olga e Otto. Na Franza realiza un traballo de acción. É detida e posta en liberdade para ser detida novamente e trasladada á fronteira belga. Os compañeiros deste país levan a Olga a Londres, país no que é detida nunca manifestación en Londres e o seu expediente empezara a medrar igual que a súa ben gañada sona.

  Clic para aumentar
Participantes na liberación de Otto Braun. 1-Rudi König, 2-Olga, 3-Margot Ring, 4-Klara Seleheim, 5-Erik Bombach, 6-Erich Jazosch.
 
Outra vez en Moscova recibe a nova de que o V Congreso da Xuventude Comunista Internacional aclamara a Olga, unanimemente, como parte do seu Presidium, o grao máis alto dentro da xerarquía dunha organización comunista.

É nesta época cando comeza a instancias do KOMINTERN e entre milleiros de candidatas, o curso de paracaidismo e pilotaxe de avións de guerra na Academia Zhukovski da Forza Aérea en Moscova.

Foi nesta Academia onde por vez primeira ouviu falar de Luís Carlos Prestes o home que cun pouco máis de mil homes percorrera máis de 25.000 quilómetros a pé do Brasil enfrontando a ditadura e nunca perdendo unha batalla.

Olga quedou abraiada da historia. 25.000 quilómetros representaban a viaxe Berlín-Moscova, ida e volta, case dez veces.

O que non sabía Olga, nin Prestes, era que nese mesmo intre, os dous estaban a unha distancia de poucos metros, na mesma cidade de Moscova, lugar no que Prestes vivía coa sua nai e as súas irmás.


  Clic para aumentar
Membros da Coluna Prestes na Bolívia, 1927.
Clic para aumentar
Oficiais da Coluna Prestes.
 
Luís Carlos Prestes "O Cavaleiro da Esperança"

Con 620 homes chegou o capitán Carlos Prestes a Bolivia. Catro metralladoras, 90 fúsiles Mauser e 8 mil balas foron o que entregou despois dunha campaña de dous anos e seis meses de duración na que percorreu 25.000 quilómetros através de doce estados brasileiros.


A columna Prestes

En 1922 un goberno ditatorial co mineiro Artur da Silva Bernardes toma a presidencia do Brasil. Apoiando aos militares paulistas, Isidoro Dias Lopes e Miguel Costa, Prestes comanda a insurrección do Batallón Ferroviário de Santo Angelo. Instala o seu cuartel xeral na cidade de São Luiz. Axiña, Prestes amosará o seu xenio militar malia a súa desvantaxe numérica. Era o ano de 1924.

Porén, a pesar da invencibilidade, a falta dun programa agás sacar a Bernardes, determinará a fin da aventura en terra boliviana. É neste país onde ten o seu primeiro achegamento co comunismo o "Cavaleiro da Esperanza"(7). A finais de 1928 está na Argentina na que coñece ao que será o seu grande amigo, o escritor e dirixente do Partido Comunista arxentino e do Komintern, Rodolfo Ghioldi.

En marzo de 1930 é elexido presidente do Brasil Júlio Prestes. Unha insurrección leva á presidencia a Getúlio Vargas(8). Con motivo deste triunfo é detido Prestes en Buenos Aires coa súa familia, feito que decide a Prestes a exiliarse no Uruguai, afiliarse ao Partido Comunista e fuxir á URSS. Prestes non é aceptado no PC brasileiro pola nova dirección. Vargas intenta atraelo, pero Prestes convencese de que só unha revolución rematará cos réximes tiránicos no Brasil.

  Clic para aumentar
Visado de Olga e Prestes para o Brasil.
 
Acepta un convite da III Internacional e vai vivir, coa súa nai Leocádia e as súas catro irmás á Unión Soviética o 1 de outubro de 1931.


Olga e Carlos

En agosto de 1934 entra no PC brasileiro Luís Carlos Prestes. Unha festa coa plana maior do comunismo soviético dá a benvida a Prestes ao Partido; tres semanas máis tarde marchará ao Brasil coa compañeira Olga como escolta delegada pola URSS para facer a revolución.

Baixo a figura de recén casados, Olga tiña a misión de gardar pola vida de Prestes na revolución que tiñan como misión no Brasil, o disfraz era o dun matrimonio que facía a súa viaxe de voda, através de Europa e Estados Unidos para chegar, finalmente, ao Brasil.

A estudante rusa Olga Sinek (Olga) e o español Pedro Fernández (Prestes) iniciarían unha viaxe cara ao Brasil que os levaría por Leningrado, Helsinque, Estocolmo, Ámsterdam, Copenhague, Birmingham, Bruxelas, París, Rouen, Brest, New York, Miami, La Habana, Kingston, Colón (Panamá), Guayaquil, Lima Santiago de Chile, Mendoza, Córdoba, Buenos Aires, Montevideo, Praia Grande no litoral do estado de São Paulo e Rio de Janeiro; cando chegaron ao Brasil, Olga e Carlos non finxían o seu matrimonio, estaban totalmente namorados e casados.

  Clic para aumentar
Luís Carlos Prestes en Rio de Janeiro, 1935.
 
Unha vez instalado no Brasil, o matrimonio Prestes, comeza a montaxe da revolución que derrubaría o governo ditatorial de Vargas. Xunto a Olga e Carlos estaban outros enviados para esta misión. O matrimonio alemán chegado de China, Arthur Ernst Ewert e a súa muller Elise(9). Dende Buenos Aires viñan o xornalista Rodolfo Ghioldi(10) e a súa muller Carmen. Dende os Estados Unidos Victor Allen Barron, radiotelegrafista e tecnico en radiocomunicacións. Neste grupo se integraron o matrimonio belga Alphonsine e Léon-Jules Vallée, encargados das finanzas e por último de Alemaña o matrimonio formado por Franz Paul Gruber, especialista en explosivos, e a súa muller Erika, dactilógrafa e condutora. Este grupo levaba tempo en Rio de Janeiro, dende os primeiros dias de 1935.

A principios de maio dese mesmo ano, en São Paulo, fúndase a Aliança Nacional Libertadora. Para afastar sospeitas, ese día, é lida unha carta dende España na que Luís Carlos Prestes se adhería á Aliança Nacional Libertadora. Era este o primeiro movemento político de carácter nacional que xurdía no país dende a Revolución de 1930 cun obxectivo primordial: loitar contra o feixismo, o imperialismo o subdesenvolvemento e os grandes latifundios. Na Alianza había socialistas, liberais, cristiáns, obreiros, e unha grande cantidade de militares que participaran nas revoltas de 1922 e 1924.

A presidencia de honra foille dada a Prestes, que para despistar "estaba en España". Esta presidencia trouxo que a ANL tivera máis dun millón de afiliados. Cada día, máis de tres mil persoas pedían a afiliación pensando na figura de Prestes, un home que non estaba no Brasil é que a única referencia que del tiñan era nas fotos vellas con barba e botas alta do tempo da "Columna" que percorrera o Brasil.

  Clic para aumentar
“Olga Benario, unha vida pola revolución”, documental alemán de 2004.
Clic para aumentar
“Olga”, película brasileira baseada no libro do mesmo nome de Fernando Morais.
 
A ANL entra en relación co PC para así, este, poder entrar en contacto coas masas de obreiros que ateigaban ao recén fundado partido.

O Partido Comunista do Brasil tiña un número pequeno de membros entre os oficiais máís novos do exército. Estes, foran amnistiados en 1934. O PC determinara que era máis sinxelo construir o Partido no cuartel que na fábrica. A revolución de 1930 trouxera a membresía de moitos novos oficiais de orixe pequena-burguesa ao PC. Editaban no exército o xornal "União de Ferro", na aviación "Asas Vérmelhas" e na mariña de guerra "Triângulo Vérmelho".

Este protagonismo pequeno-burgués rachaba coa teoría e a experiencia revolucionaria onde o papel protagónico era da clase obreira. Inda así, o compromiso dos oficiais comunistas tiña un límite.

Consciente deste protagonismo pernicioso, Ghioldi sempre manifestara o seu desacougo e a imposibilidade dunha revolución mentres durase este dominio dos militares no Partido.

O 5 de xullo viase un manifesto de Prestes contra o goberno de Vargas e o seis días máis tarde, Vargas, da man da recén aprobada Lei de Seguranza Nacional decretaba a ilegalidade da Aliança Nacional Libertadora.

Isto rematou, dalgún xeito, coa ANL. Só os comunistas revolucionarios pasaron a manter a ANL na clandestinidade, e isto, sentenciou a pertenza á ANL de moitos membros que non eran comunistas.


A revolución prematura

Os acontecementos tomaron por sorpresa ao grupo de revolucionarios e a Prestes e Olga. En novembro, 24, sen ter conexión ningunha con Prestes e o seu grupo, alzanse en Natal (capital do Rio Grande do Norte) os soldados e sarxentos do 21º Batallón. O xornal Liberdade dicía que a Aliança Nacional Libertadora acababa de instalar o Goberno Popular Revolucionario. O Goberno estaba formado polo obreiro José Práxedes de Andrade, o sarxento Quintito de Barros, o carteiro José Macedo, o estudante João Galvão e o funcionario Lauro Lago. Cualificada como mestura entre Entroido e Insurrección o pobo apoiou, ao seu xeito, a revolución.

Unha xuntanza urxente de Prestes con Ewert, Ghioldi e o secretario xeral do PC, "Miranda"(11), para analisar os repentinos acontecementos fixo que o rumbo da historia e das súas vidas cambiase para sempre.

  Clic para aumentar
Luís Carlos Prestes preso, co xornalista chileno José Joaquim Silva a súa dereita e o capitán Orlando Leite Ribeiro a súa esquerda, no pátio de recreio da Casa de Correção en Rio de Janeiro, 1941.
 
Prestes pediulles aos presentes o apoio aos soldados de Natal e aos dous tenentes en armas de Recife. Pediu o levantamento en armas de Rio de Janeiro. Ewert e Ghioldi desaconsellaron a iniciativa. Prestes argumentaba que contaba co apoio das gornicións da Vila Militar, da Escola Militar e da Escola de Aviación. "Miranda" apoiaría a acción cunha folga xeral e Ghioldi teimaba no desaconsellábel de tal acción por non ter as condicións nin para a revolta nin para a folga.

Prestes asegurou ante todos que tiña o apoio da Mariña de Guerra para tomar o poder. Ghioldi e Ewert, abraiados, mostraron daquela o seu apoio á insurrección.


A revolución de 10 horas do 27 de novembro de 1935

A revolución comezou ás tres da madrugada e terminou a unha e meia da tarde. Nin as gornicións da Vila Militar nin a Escola Militar se levantaron. Tampouco o Batallón Naval. A folga xeral imaxinada por "Miranda" non parou a ninguén e o apoio irrestrito da Mariña non foi nin apoio nin nada, porque nunca existiu.

  Clic para aumentar
Olga Benario en Rio de Janeiro.
 
Foi detido o matrimonio Ewert e sometido a tan atroces torturas que el ficou na máis absoluta tolemia até a súa morte na República Democrática Alemá en 1959. "Sabo", a súa muller e amiga de Olga, sufriría terríbeis torturas e sería devolta a Alemaña de Hitler no mesmo barco que Olga. Morreu de tuberculose no campo de concentración de Ravensbrück onde estaba internada con Olga.


Prestes e Olga perseguidos

Devagariño foron caendo nas mans do xefe de Policia de Rio de Janeiro, Filinto Müller(12), todos os membros do grupo revolucionario que tentara a revolta do 27 de novembro.

Ewert e a súa muller trinta días despois. Gruber e Erika foron detidos e despois postos en liberdade e "desaparecidos" por seren duplos axentes ao servizo dos británicos. "Miranda", o secretario xeral do Partido Comunista Brasileiro, e a súa compañeira Elza(13).

O encargado da radio, o norteamericano Victor Barron, máis adiante será detido e asasinado pola policia ás ordes de Müller. A súa morte foi explicada como un suicidio. A primeira vivenda de Olga e Prestes fora atopada. O aparello que estouparía para destruir todas as probas e documentos, ideado polo dobre axente Gruber, non funcionou porque todo fora un engano.

  Clic para aumentar
Getulio Vargas, segundo pola esquerda, en 1930.
 
Ghioldi e a súa muller foran detidos nun tren cando fuxían cara a São Paulo. O matrimonio belga Vallée era vixilado, se cadra, porque sabían onde estaría Prestes e Olga. Os belgas, na rúa, despistaron aos policías, nun taxi foron onde estaba Eduardo Ribeiro Xavier, o "Abóbora", membro da dirección do PC, que semanas despois os embarcaría nun barco cara a Buenos Aires.

Ghioldi dixera moito á policía carioca. Identificou o matrimonio belga através dunha foto. Deu o nome e enderezo do norteamericano Victor Barron e o máis importante deu a pista de Olga á policía.

Olga era descoñecida pola policía carioca. Buscaban a Prestes. Foi Ghioldi quen dixo que Prestes estaba casado cunha muller estranxeira. Ghioldi aseguraba á policía que descoñecía o alcume da muller, mais tiña absoluta certeza do seu nome: Olga.


  Clic para aumentar
Olga Benario en Moscova.
 
Filinto Strümbling Müller e Luís Carlos Prestes

A teima, a xenreira e a brutalidade da procura de Prestes por Müller tiña unha razón. Prestes era o xefe de Müller na "Coluna Prestes" que tanta sona e pretixio dera a Prestes entre os brasileiros. Foi Prestes quen un 14 de abril de 1924 asinara un ascenso para Filinto Müller pola súa "bravura, intelixencia e capacidade de comando". O ascenso era para capitán de artillaría. Nove días durou o ascenso. O superior inmediato de Müller, o xeneral Miguel Costa, recibiu unha solicitude do recén nomeado capitán, para achegarse ao Paraguay a visitar á súa familia exilada e despois reintegrarse á Coluna no estado de Mato Grosso. Asemade mandou unha carta aos soldados e sarxentos baixo o seu mando propondo a deserción.

As dúas cartas chegaron ás mans de Prestes, pero Müller fuxira con moito diñeiro cara á Argentina. Destituido do seu ascenso, Prestes escrebera un boletín de guerra no que Filinto era cualificado como "covarde, desertor e indign".


  Clic para aumentar
Olga Benario antes de saír no barco “La Coruña”, en 1936.
 
Marzo de 1936

O cerco foi facéndose máis e máis pequeno. O matrimonio Prestes, agachado no bairro do Meyer, tiña as horas contadas, era a súa terceira toba. A madrugada do 5 de marzo, ás 5 da mañá, unha patrulla chegaba á casa número 279 da rúa Honório. Petando na porta, Prestes foi detido e Olga evitou que dispararan sobre el. Foi a derradeira vez que estiveron xuntos.

O apresamento de Prestes deu novos folgos a Vargas. O "suicidio" de Barron (despois dun exceso na tortura), pasou por baixo da mesa. As torturas ás que era sometido o matrimonio Ewert foron tema e teima da prensa... estranxeira.

Os xornáis brasileiros, sen nengunha excepción, convertéranse en voceiros oficiais da ditadura de Vargas, incluíndo os meios opositores ao goberno. Para a prensa era igual o anticomunismo que o antisemitismo, ambolos dous alimentados arreo na prensa do Brasil daquelas datas. Foi medrando a xenofobia. A xenreira aos estranxeiros en xeral e aos comunistas e xudeus en particular. O estranxeiro que non fose xudeu, era convertido automaticamente pola prensa ou a radio. A nova da prisión de Ewert foi dada polo xornal "O Globo" deste xeito a oito columnas e en primeira páxina.


  Clic para aumentar
Anita Leocadia en 1941, foto enviada a Olga, meses antes de ser asasinada.
 
"Fillo de Israel e axente de Moscova!"

Nun bungalow verde, en Copacabana, residía o emisario do Komintern, con cartos e instrucións para a rebelión comunista. Harry Bergen, representante de Stalin! Apreendido no seu poder o arquivo da Alianza Nacional Libertadora e un salvo-conduto para entrar en reparticións públicas!".

Ewert non se chamaba Bergen, nin era xudeu, nin foi apresado en Copacabana, era adversario de Stalin e non tiña salvo-conduto para entrar en repartición ningunha, mais, iso non tiña importancia. O esencial era envelenar a xente coa conspiración xudeu-comunista que viña de fóra, sen importar de onde, para escravizar o Brasil.


Olga buscada en 25 mil fotos e 60 mil expedientes

Olga era un quebracabezas para a policia brasileira. Ela coñecía das deportacións por parte da ditadura do goberno Vargas de innumerábeis estranxeiros "indesexábeis" e sabía que a súa deportación á Alemaña de Hitler significaba a morte, o único que podía salvala era que non coñecían a súa verdadeira identidade.

O verdadeiro nome de Olga era o único que coñecían as autoridades brasileiras debido ás palabras de Rodolfo Ghioldi. Olga, en todos os interrogatorios, respondía ao seu nome co de María Bergner Vilar e a nacionalidade brasileira debido ao seu matrimonio com Luis Carlos Prestes, que era brasileiro.

  Cámara de gas de Bernburg
Cámara de gas de Bernburg. Aqui foi asasinada Olga.
 
Nun principio Olga identificouse como Olga Meirelles, irmá do tenente Sylo Meirelles, compañeiro de Prestes na revolta. Os xornais aseguraban que o seu verdadeiro nome era Olga Berger, de Ostende, Bélxica.

O segredo e o misterio do verdadeiro nome e identidade de Olga duraría pouco. O embaixador brasileiro en Berlín ante a Alemaña nazi, José Joaquim Moniz de Aragão(14) tiña estreitas relacións coa policía secreta alemá, a terríbel e temíbel Gestapo.

Moniz de Aragão, filonazi, anticomunista e antisemita excedíase no seu traballo de pescuda sen requerimento de ninguén. Con especial deleite identificaba nos seus informes aos que como el dicía eran "de raça israelita".

Aos poucos días de ser detida, Olga xa fora identificada tras a revisión de 25.000 fotos e 60.000 expedientes pola Gestapo en Alemaña.

"Olga Benario é de raça israelita, tendo nacido o 12 de fevereiro de 1908, em Munich, na Baviera. Desde o ano de 1925 que Olga Benario é conhecida da policia alemã como agente comunista extremamente ativa e eficiente. De 1926 a 1928 ela trabalhou na Delegacia Comercial dos Sovietes em Berlín, cujos escritorios estavam instalados na sede da própria embaixada".

  Hospital psiquiátrico de Bernburg
Hospital psiquiátrico de Bernburg. O círculo azul indica o edificio onde estaba a cámara de gas.
Hospital psiquiátrico de Bernburg
 
Foi unha parte do comunicado que o embaixador enviou ao ministro de Relacións Exteriores Macedo Soares. Ao día seguinte os xornais estaban cheos de noticias verbo a identidade de Olga.

A nova aparece cando é trasladada a un cárcere nunha cela común. Compartiu a cela coa súa amiga Sabo, a muller de Ewert e unha ducia de mulleres máis detidas pola revolta do 27 de novembro. Alí estaba Maria Werneck de Castro, Nise da Silveira, Rosa Meirelles, Carmen Ghioldi, Haidée Nicolucci, Catarina Besouchet e Antonia Venegas.

Un mes despois da súa chegada ao cárcere da rúa Frei Caneca, Olga xa non ten dúbidas, estaba esperando un fillo de Prestes.


A expulsión da estranxeira "altamente perigosa e nociva"

Olga tiña postas as súas esperanzas en poder ter ao seu fillo no Brasil. A Constitución do Brasil garantía ás mulleres que estivesen esperando fillos de pais brasileiros o dereito a telos no país. Olga tiña moito medo de ser repatriada para Alemaña, pois a pesar de non ter ningunha solicitude oficial por ningún delito, ela sabía que significaba a morte segura por ser xudea e comunista.

A nai de Prestes, Leocádia(15) e as catro irmás que vivían en Moscova, enteránse da nova da detención do fillo por boca de Dmitri Manuilski, en nome do Comité Executivo do Komintern.

Leocádia coa súa filla Lígia comezan unha viaxe de anos, através de meio mundo para lograr a liberdade de Olga e a súa futura neta. A viaxe empezou na España republicana, país no que contaron co apoio publico de Dolores Ibarruri, "Pasionaria". Despois irían a París e Londres. Intentaran facer campaña nos Estados Unidos mais recibiron un non rotundo en todas os consulados estadounidenses de Europa para ter o visado.

  Belín metro Karl Marx - Otto Braun, clic para aumentar
Saída de Metro ás rúas Karl Marx e Otto Braun na antiga zona oriental de Berlín. (Foto: ©Xurxo Martínez Crespo).
Belín rúa Otto Braun, clic para aumentar
Vista da rúa Otto Braun. (Foto: ©Xurxo Martínez Crespo).
Letreiro a rúa Olga Benario, clic para aumentar
Rúa Olga Benario. (Foto: ©Xurxo Martínez Crespo).
Rúa Olga Benario, clic para aumentar
Esta pequena rúa no Berlín Oriental é a que leva o nome de Olga. (Foto: ©Xurxo Martínez Crespo).
Fiestra en rúa Olga Benario, clic para aumentar
Fiestra coa bandeira da República Democrática Alemá na rúa Olga Benario en Berlín. (Foto: ©Xurxo Martínez Crespo).
 
André Malraux e Romain Rolland participaban activamente do Comité de París para a liberdade de Olga e Prestes.

En xullo de 1936 a expulsión de Carmen Ghioldi e Elise Ewert (Sabo) estaba decretada, a de Olga era mantida en suspense até o 28 de agosto. Foi enviada, polo avogado de Olga, Heitor Lima, unha carta de clemencia á muller de Getulio, Darcy Vargas. A carta non tivo reposta. A carta, entre outras moitas cousas dicia:

"Desbastado e polido por muitos séculos de civilização, guarda o homem ainda. Sob a pomba verbal e a hipocresia das maneiras, os instintos cavernários que desde a pompa dos tempos lhe mostraram na companheira a escrava inerme, a serviço de seus prazeres e caprichos.

A fábula de que a muller é un enigma foi inventada precisamente para justificar as atrocidades da civilização masculina contra ela.

Neste episódio tinha eu, pois, de dirigir um apelo aos sentimentos maternais da primeira dama da sociedade brasileira, rogando a súa intervenção junto ao nobre presidente da República, simplesmente para que se permitisse que o gesto dessas mães que se cotizaram para mitigar o infortúnio de Maria Prestes não se perdesse". Heitor Lima.


Cara a Alemaña de Adolf Hitler en "La Coruña"

O 21 de setembro foi o día elixido para a deportación. O 23 chegou a Rio de Janeiro o barco "La Coruña, alugado pola Hamburg-Südamerikanische Dampfschiffahrt-Gesselschaft, coa única finalidade de recoller as presas Olga Benario Prestes e Elise Ewert (Sabo).

Con sete meses de embarazo abordou o barco Olga. "La Coruña chegaba a Hamburg o 18 de outubro. Non parou en ningún porto europeu co temor de que as dúas presas foran liberadas polos traballadores dalgún deles. Despois de horas de viaxe nun camión dende Hamburg chegaban a 15 Barnimstrasse en Berlín, o cárcere de mulleres da Gestapo. Nese cárcere estivera Rosa Luxembourg. Faltaban catro semanas para o parto segundo o médico do cárcere no seu informe de recoñecemeto da "piollosa comunista xudea".


Anita Leocádia

O 27 de novembro de 1936 no cárcere de mulleres de 15 Barnimstrasse de Berlín nacía Anita, en memória da heroína brasileira Anita Garibaldi, muller de Giussepe Garibaldi, e Leocádia, en honra da súa sogra que tanto loitou pola liberdade dos tres inda que nunca puderon coñecerse persoalmente. Anita Leocádia(16). Olga loitou para que fora recoñecida a nacionalidade brasileira da súa filla e pudese inscribila no consulado, era o único xeito para que a nenea non fora entregada a un orfanato nazi senón aos seus familiares. O servil diplomático brasileiro en Berlín, Moniz de Aragão, para agradar á Gestapo demorou a resposta e a inscrición. Todo dependia do recoñecemento da paternidade de Prestes de Anita Leocadia.

O 21 de xaneiro de 1938, Lígia, a irmá de Prestes, e Leocádia, entran no cárcere de Barnimstrasse e entréganlles a Anita Leocádia de 14 meses de idade. Ningunha das dúas tivo permiso para falar ou ver a Olga, muller á que nunca coñeceron persoalmente.

Olga é traslada ao cárcere-castelo de Lichtemburg, prisión que compartiría coa súa compañeira "Sabo". Era o ano de 1938. Un ano máis tarde é enviada ao campo de concentración de Ravensbrück, lugar no que morrería de tuberculose a súa compañeira Sabo.

Neste campo a "Siemens" tiña unha fábrica na que o goberno alemán cobraba 0,30 céntimos de Marco por día traballado e obreira. Tamén se facían experimentos médicos cos prisioneiros, moitos deles nenos.


A fin

En febreiro de 1942 Olga e outras 199 prisioneiras serían transferidas para outro "campamento". Olga era a número 150. Foi gaseada no psiquiátrico e Bamberg, hoxe a rúa onde morreu leva o seu nome. Margarete Buber-Neumann foi testemuña e deixou para a posteridade un libro sobre unha das amigas de Olga, a xornalista e escritora checa Milena, que morreu dunha infección e mantivera unha profunda relación con Franz Kafka. Ademais de Olga sobrevivirían e morrerían neste campo de concentración mulleres da talla moral como Grazyna Chrostowska, Rosi Forsberg, Milena Jensenska, Rosa Jochmann, Kathe Leichter, Renée Mirande-Laval, Charlotte Muller, Antonina Nikiforowa, Stennie Pratomo-Gret, Elise Rivet, e a comando británica Violette Szabo.

Esta foi a súa derradeira carta escrita a Prestes, liberado coa amnistía de 1945, e á súa filla Anita Leocádia.

"Queridos:

Maná vou precisar de toda a miña forza e de toda a miña vontade. Por iso, non podo pensar nas cousas que me torturan o corazón, que son máis queridas que a miña propia vida. E por iso despídome de vós agora. É totalmente imposíbel para min imaxinar, filla querida, que non te volverei a ver, que nunca máis te volverei a estreitar nos meus brazos ansiosos. Quixera poder peitearte, facerche as trenzas - ah, non, elas foran curtadas. Mais, quedache mellor o cabelo solto, un pouco desaliñado. Antes de todo, voute facerte forte. Debes andar de sandalias ou descalza, correr ao ar libre comigo. Túa avoa, en princípio, non estará moito de acordo con iso, mais logo nos entenderemos moi ben. Debes respectala e querela por toda a túa vida, como o teu pai e eu facemos. Todas as mañás faremos ximnasia... Ves? Xa volvo soñar, como tantas noites, e esquezo que esta é a miña despedida. E agora, cando penso nisto de novo, a idea de que nunca máis poderei estreitar o teu corpiño cálido é para min como a morte. Carlos, querido, amado meu: terei que renunciar para sempre a todo o bo que me destes? Conformaría, mesmo se non te puidese ter perto, que os teus ollos, unha vez máis, me ollasen. E quería ver o teu sorriso. Querovos, tanto, tanto. E estou tan agradecida á vida, por darme a ambos. Mais o que me gustaria era poder vivir un día feliz, os tres xuntos, como milleiros de veces imaxinei. Será posíbel que nunca verei que orgulloso e feliz te sentes pola nosa filla?

Querida Anita, Meu querido marido, meu garoto: choro debaixo das mantas para que ninguén me oia pois parece que hoxe as forzas non conseguen alcanzarme para soportar algo tan terríbel. Por iso precisamente esforzome para despedirme de vós agora, para non ter que facelo nas últimas e difíciles horas. Despois desta noite, quero vivir para este futuro tan breve que me resta. De ti aprendin, querido, canto significa a forza de vontade, especialmente se emana de fontes como as nosas. Loitei polo xusto, polo bo e polo mellor do mundo.

Prometoche agora, ao despedirme, que até o último instante non teredes porque avergoñarse de min. Quero que me entendades ben: prepararme para a morte non significa que me renda, mais si saber facerlle fronte cando ela chegue. Mais, poden aínda acontecer tantas cousas... Até o último momento mantereime firme e con vontade de vivir. Agora vou durmir para ser máis forte mañá. Bicos por última vez.

Olga".


Olga Benario Prestes permanece moi preto de todos nós. Revolucionaria sen perder a tenrura foi a definición que de Olga fixo a súa filla Anita Leocádia. Abraia a dimensión humana desta muller. Olga Benario até o último momento firme na vontade de vivir que é a vontade de vencer polo xusto, polo bo e polo mellor do mundo.


Xurxo Martínez Crespo.

 
 

 

Bibliografia:

Amado Jorge, O Cavaleiro da Esperança, Rio de Janeiro, Record, 1979, 20º edición.

Brandão Inacio de Loyola, Prestes Anita Leocádia e Strauss Dieter, Não olhe nos olhos do inimigo: Olga Benario, Anne Franck. editora Paz e Terra, São Paulo.

Galip Iyitanir, Olga Benario -Ein Leben für die Revolution Dtl. 2004. Buch & Regie:, 92 Min., Farbe/schwarz-weiß.

Morais Fernando: Olga, A vida de Olga Benario Prestes, judia comunista entregue a Hitler pelo governo de Vargas, editora Alfa-Omega, 5 edic, São Paulo, 1985.

Müller Charlotte, Die Klempnerkolonne in Ravensbrück – Erinnerungen des Häftlings Nr. 10787, Berlín, Dietz Verlag Berlín, 1983.

Niemeyer Oscar, Prestes hoje, Rio de Janeiro, Codecri, 1983.

Prestes, Anita Leocádia, A Coluna Prestes, editora Paz e Terra, São Paulo.

Prestes, Anita Leocádia, Uma Epopéia Brasileira: a Coluna Prestes, editora Paz e Terra, São Paulo.

Prestes, Anita Leocádia, Luiz Carlos Prestes e a Aliança Nacional Libertadora, editora Paz e Terra, São Paulo.

Prestes, Anita Leocádia, Militares Reação Republicana: Origens do Tenentismo, editora Paz e Terra, São Paulo.

Prestes, Anita Leocádia e Prestes Lígia: Luiz Carlos Prestes. Anos tormentosos, Correspondência da Prisão (1936-1945) V. 3. São Paulo, Paz e Terra.

Schiese Ruddolf, Olga Benario Prestes 1908-1942, Berlín, Lichtenburger Lesenefte.

Werner Ruth, Olga, La roja inolvidable , tradución do alemán, Mikel Arizaleta, editorial Txalaparta, Euskal Herria, primeira edición 1995.


Ligazóns relacionadas:

Olga Benario, unha vida pola Revolución, tracks do documental.

Resumo do libro de Fernando Morais verbo Olga Benario.


Documentos anexos:

Quen foi Olga Benario (alemán).

Olga casa com o público e se divorcia dos críticos.

Marathon für Olga. Gespräch mit dem Regisseur Galip Iyitanir über seinenFilm "Olga Benario - Ein Leben für die Revolution" (Conversa co director de Olga. Unha vida pola Revolución).

Olga - O Livro.

Carta de Heitor Lima, advogado de Olga Benario, à Sra. Darcy Vargas, em 18/06/1936.

 
 

 

Notas:

(
1) Otto Braun, volveu á URSS en 1939. Foi enviado polo Partido a China a axudar a Mao Zedong e participou na Grande Marcha. En 1959 marchou para Alemaña Oriental e traballou como tradutor no Instituto de Marxismo Leninismo.

(
2) Rudi König morreu combatendo pola República española xunto ás Brigadas Internacionais.

(
3) Margot Ring foi executada nunha cámara de gas no campo de concentración de Dachau.

(
4) Erich Jasozoch pasou varios anos preso; foi executado na cámara de gas en 1943.

(
5) Erick Bombach foi fusilado pola SS.

(
6) Klara Seleheim morreu na "Marcha da Morte" no campo de concentración de Sachsenhausen.

(
7) O Cavaleiro da Esperança é unha novela de Jorge Amado en honra a Luís Carlos Prestes.

(
8) Getulio Vargas, presidente brasileiro filonazi creador do Estado novo. Foi reelixido en 1950, temendo um golpe militar de resultados imprevisíbeis, chega ao suicídio, cun disparo no corazón, no Palacio do Catete, Rio de Janeiro, às 2h30 do día 24 de agosto de 1954.

(
9) Arthur Ernst Ewert foi liberado pola amnistía de 1945. Recibido na República Democrática Alemá pola súa irmá Minna e polo primeiro presidente da RDA Wilhelm Peck. As torturas no Brasil deixárano demente.

(
10) Rodolfo Ghioldi morreu en xullo de 1985 en Buenos Aires de enfisema.

(
11) "Miranda" Antonio Maciel Bonfim foi amnistiado en 1945. Nunca máis tivo papel relevante na política. Morreu tuberculoso en Alagoinhas, interior de Bahia.

(
12) Filinto Müller morreu en xullo de 1973 nun accidente aéreo en Francia. Era senador por Arena e lider do goberno militar no Senado.

(
13) Elza, alcumada "Garota" e "Elvira", muller de "Miranda" foi axustizada nunha das súas saídas do cárcere onde estaba presa pola revolta. Suposta confidente da policía, foi estrangulada despois de ser axuizada durante dúas semanas polo Partido, despois foi declarada inocente.

(
14) José Joaquim Moniz de Aragão, o ex embaixador amigo dos nazis, retirouse en 1952 e morreu en 1974, con 87 anos, en Rio de Janeiro.

(
15) Leocádia viviu en México con Anita. O día da súa morte, 1942, máis de cen mil persoas acompañaron o cadaleito e foron decretados tres días de loito nacional. O presidente mexicano Lázaro Cárdenas solicitou a presenza de Prestes no enterro da súa nai, ofrecéndose el mesmo como refén até a volta de Prestes ao cárcere. Prestes non tivo permiso para sair do governo de Getulio Vargas.

(
16) Anita Leocádia volveu ao Brasil. Viviu coa súa tía Lígia. É profesora universitaria de historia. Abandonou o Partido Comunista do Brasil, co seu pai, en 1980.

 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 20/12/2006
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta