ActualidadeVolver a Actualidade


Vigo, 30 de outubro de 2004

O Consello Confederal da CIG rexeita a Constitución Europea
 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com


  Clic para aumentar
Podemos afirmar que esta Constitución Europea nega os nosos dereitos nacionais e consolida as políticas neoliberais, é polo tanto regresiva en materia social e laboral para o noso povo e a clase obreira, para alén das declaracións xerais de tipo social que no texto se realizan, máis como cobertura mediática que como principios e obxectivos concretos.
 
O Consello Confederal da Confederación Intersindical Galega reuniuse o venres 29 de outubro para, entre outros temas, valorar a Constitución Europea. Despois de analizar detidamente este texto básico, que foi asinado hoxe en Roma polos presidentes e xefes de governo e que deberá ser aprobado por cada un dos Estados da Unión, a CIG valorou como moi negativo este documento fundamental, ao que ningún de nosoutros nos poderemos subtraer, nen como persoa nen como identidade nacional.

Compre facer un comentario previo sobre a elaboración da Constitución Europea, xa que non houbo un proceso baseado nun mandato da cidadanía, do conxunto da Unión, a unha asemblea constituínte que elaborase o proxecto, fose sometido despois a un debate nos parlamentos estatais, emendado e reelaborado na asemblea e, posteriormente, sometido a un referendo. Foi un proceso de elaboración elitista, realizado ao marxe dos cidadáns e con total escurantismo.

Algúns dos aspectos máis negativos do texto:

  • Aínda que se faga unha defensa verbal dos directos individuais fundamentais se lles subordina ao mercado único e a libre competencia (art. III-69), ou sexa: ás políticas neoliberais (desregulación laboral) e de expansión das grandes potencias (globalización).

  • O artigo 46 consagra o acceso de lobbies e grupos de presión nos procesos de tomas de decisión da Unión baixo o rótulo de “Principio de democracia participativa”. Legalizase na practica os grupos de presión empresariais.

  • A Constitución afirma que nace da vontade dos cidadáns e dos estados (art. 1.1) e que “as competencias da Unión son aquelas que lle atribúen os estados” (artg 1.9.2) e esixe respecto á unidade territorial de cada estado membro. Polo que nega o dereito á autodeterminación daquelas nacións sen estado que o soliciten.

  • Non hai un recoñecemento explícito da igualdade entre homes e mulleres.

  • Aínda que gaña competencias o Parlamento da Unión ten prioridade o Consello de Ministros en materia lexislativa (ou sexa os governos dos Estados), xa que pode aprobar en solitario todo tipo de regulamentos e decisións. Mantense a falla de control dos cidadáns sobre a UE.

  • Substitúese o directo ao traballo que figura na maioría das Constitucións dos estados membros polo direito a traballar, que non garante nada.

  • Os servizos públicos básicos pasan a ser servizos de interese social e de interese económico xeral (art. III-55, 56 e 57), abrindo as portas á privatización. Os servizos públicos non serán prioritarios na UE segundo se indica (art. III-12) senón “a política monetaria... a política comercial común, a unión aduaneira...”.

  • A Constitución Europea marca como finalidade converter a Unión Europea nunha potencia militar. Así no art. I-40.3 dise “os estados comprométense a mellorar progresivamente as súas capacidades militares”.

  • Blíndase calquer futura modificación xa que debe ser por unanimidade. Polo que non se pode falar dun primeiro texto ou dun primeiro paso, xa que nace para se manter sen modificacións por moito tempo.

A Confederación Intersindical Galega coida que este documento fundamental é un paso atrás en moitos aspectos esenciais (nacionais, económicos, laborais, sociais, mesmo de liberdades democráticas básicas). Podemos afirmar que esta Constitución Europea nega os nosos dereitos nacionais e consolida as políticas neoliberais, é polo tanto regresiva en materia social e laboral para o noso povo e a clase obreira, para alén das declaracións xerais de tipo social que no texto se realizan, máis como cobertura mediática que como principios e obxectivos concretos. Por estes motivos a CIG acordou dicir non a este texto da Constitución e solicitar dos traballadores e o conxunto do povo galego unha oposición activa.

Compre que a Unión debata dun xeito democrático, contando coa sociedade toda, un novo texto de Constitución que sexa progresista no social, recoñeza os dereitos de todas as nacións ou nacionalidades, afortale os dereitos individuais e a paz. O NON a este texto é un voto afirmativo a un mundo máis xusto e solidario.

Non a unha Constitución que afortala o libre mercado e a precariedade laboral !!!
Non a unha Constitución Europea que nega os nosos direitos nacionais !!!
Non a unha Constitución Europea feita a medida dos estados e persoas poderosos !!!


Santiago de Compostela, 29 de outubro de 2004.

 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 30/10/2004
cig.informatica