Actualidade / Artigo Vigo, 3 de xaneiro de 2004 “A Rianxeira”, Castelao e os fins de ano na emigración
| |  | | Sociedade “Parroquias Unidas” do Concello de Rianxo, en Bos Aires, da que era presidente Anxo Romero. | | | Fai dous anos que recebín unha chamada telefónica desde Madrid pedindo-me información sobre temas de imigración. A persoa que falaba comigo dixo-me que era fillo de galegos, que residia en Madrid, desde fai mais de quince anos, que tiña a nacionalidade española e que a sua filla chegara desde Bos Aires “fuxindo” do governo de de la Rúa. En Madrid facer-lle a documentación era case imposíbel. Falamos dos pasos a dar, dos documentos que necesitaba. Até que me dixo que o seu pai Anxo Romero fora o autor da música da Rianxeira. Ante o meu asombro dixen-lle. A Rianxeira! -Pero se eu pensaba que era unha antiga canción popular-. Por momentos deixei de escoitar ao meu interlocutor telefónico e a miña imaxinación traslada-se ao Bos Aires da miña infáncia e mocidade. Ás festas de fin de ano, onde toda a família recén chegada, nos reuníamos nunha mesa onde nunca faltaba o bacallao e o polbo con cachelos. E a partir das doce da noite, relixiosamente todos, desde os mais pequenos até os mais grandes, cantábamos “A Rianxeira”. Era o noso verdadeiro hino. A canción que nos facia transportar ao noso Vigo, á nosa Galiza ainda chorada e que ainda sangraba.
A nosa imaxinación, facia posíbel que ao mesmo tempo, os nosos seres queridos, aló ao lonxe, fixeran os mesmos coros e petaran na mesma mesa, acompañando a música e as cancións que cantaran os nosos antepasados. Despois chegaban as bágoas, os bicos, os recordos... Seguimos falando do seu pai, das cancións que compuxera, da sua participación na Sociedade de Rianxo, de tantas cousas que tíñamos en común. Despois de case media hora de conversa, nun ambiente xa familiar, como se estila na Arxentina, quedamos en que se trasladarian a Vigo coa documentación, para xestionar o permiso de residéncia. Antes de nos despedir prometeu-me traer todas as cousas que tiña sobre o seu pai. O primeiro disco orixinal gravado con este tema, material de arquivo, etc. Asi foi como aos poucos dias nos atopamos nas oficiñas de CIG-Migración. Dos papeis da sua filla falamos pouco, coa colaboración da policia de extranjería de Vigo -quen de antemán coñecia esta história- con boa predisposición, puidemos facer posíbel a documentación de Silvina. | |  | | Retrato de Anxo Romero. | | | Aquel encontro foi moi interesante, de primeira man puden coñecer algúns aspectos da história da emigración que descoñecia.Ao mes deste encontro, traslado-me a Bos Aires xunto con Manuel Mera para inaugurar unha exposición sobre o exílio galego, que realizou o noso Departamento de Migración, a cal segue exposta permanentemente na Federación de Sociedades Galegas. Naquela viaxe coincidín coa neta de Romero, que ia tentar quitar a “Plata do Corralito” co fin de se radicar definitivamente en Madrid. De antemán acordáramos entrevistar-nos coa sua avoa co fin de lle facer unha entrevista e poder reproducir o seu arquivo fotográfico. Así foi como unha mañá do verán porteño achegamonos con Silvina ate o bairro da Boca, acompañados polas infaltabeis “Facturas” (bollería Arxentina) para acompañar o mate. Dona Concepción que estaba-nos a agardar, cos seus 88 anos de fermosura, abriu-nos a porta. Naquela mañá, puxera-se a sua mellor roupa de rua e até fora á perruquería, o dia anterior. Estaba un pouco nervosa, tiña que receber á sua neta e a un xornalista descoñecido, que queria saber a história do seu compañeiro. Despois de comezar o mate e abrir o papel que contiña as facturas, comezamos a ollar as centenares de fotos que percorrian toda a sua vida. O magnetófono acompañabame, para que non se escapase nengun recordo. Por momentos tíñamos que facer algún descanso. A carga emotiva que habia no relato requeria-o. Conta-nos que o autor da música fora o seu home e o autor da letra Xesus Frieiro Dourado, un fillo de emigrantes galegos que nacera en Bos Aires. “Pinciñas” como o chamaban vivia coa família Romero e era moi rápido facendo letras. Mentres o meu home -prosigue - tiña un negócio... e como vocación tiña unha Rondalla que animaba as festas da colectividade. Na entrevista vou descobrindo polas fotos que Anxo Romero, non somente era republicano, como me contara o seu fillo, se non tamén tiña un forte compromiso político co galeguismo. Por aquelas históricas fotos, verdadeiras xoias, estaban Castelao, Rei Baltar, Rafael Dieste, Antón Baltar... Silvina seguía co mate, descobrindo histórias que nunca antes escoitara ou que seguramente non lle dera importáncia. Ela tamén comezaba a sentir-se orgullosa da sua história familiar. Tentei deixar para o último a história da Rianxeira, pero tiña medo que dona Concepción se cansase de falar, a sua saúde non era boa e axitaba-se coas lembranzas. Foi ela mesma a que tomou a iniciativa de me contar o que até ese momento non sábia e creo que descoñecemos. “O meu home era por aqueles anos presidente da Sociedade Parróquias Unidas do Concello de Rianxo en Bos Aires, tíñamos a sede nos locais do Centro Betanzos. Tanto Anxo Romero coma eu éramos galeguistas, formábamos parte das Irmandades Galegas (Partido Galeguista). Con Castelao unia-nos unha grande amizade e agarimo, éramos veciños de Rianxo, nós tíñamos moita amizade coa sua família, espécialmente con Manuel Rodríguez Castelao e Sixto Aguirre asasinados en 1937. A el gostaba-lle visitar a nosa sociedade. Cando foi nomeado Ministro da Republica no exílio, trasladou-se con Virxinia a viver unha temporada a Paris, onde residia o governo republicano. En 1947 despois de que deixa este cargo, torna en barco a Bos Aires facendo escala en Montevideo. Unha tarde nunha xuntanza do centro Rianxo o meu home propon-lle a “Pinciñas” e á directiva, preparar unha canción para receber a Castelao no porto de Bos Aires. Todos acetaron a idea. Na directiva conversou-se como poderia ser a canción. Se triste, se alegre... E chegaron á conclusión, que tiña que ser representativa de Rianxo, da sua terra natal, onde a virxe de Guadalupe, patrona da nosa vila, fose o tema central da canción. Asi foi como naceu “Ondiñas dá nosa ria” como a bautizamos en Bos Aires. Durante varias semanas foi-se compoñendo a canción con apuro e moita ilusión. Aquel dia estabamos centenares de persoas esperando-o no porto. Os de Rianxo como sempre, como se fosemos a sua família estabamos todos”. | |  | | Concepción xunto a súa neta Silvina. | | | As palabras de dona Concepción quebraron-se de emoción e de bágoas. -Quixemo-lo moito a Castelao foi o noso verdadeiro guieiro. Un dia despois da súa chegada realizamos-lle un banquete de ben-vida, onde por primeira vez lle cantamos esta canción. -A voz de dona Concepción rompe en bágoas. E balbucea -tanto eu como o meu home fomos moi galeguistas, moi galeguistas, o quixemos moito a Castelao–.Silvina deixou de cebar mate, o magnetófono ficou sen baterias. E un cigarrillo fumado as agachadas, nunha xanela, deu-nos a pausa necesária para conter o alento e seguir vendo as fotos que faltaban. Despois a história é máis coñecida. Edita-se o primeiro disco na famosa RCA Víctor, os oportunistas de sempre se apoderan da história e das cancións, e hoxe A Rianxeira é un hino do Celta e segue sendo-o dos emigrantes. Dias pasados a TVG no programa Luar realizou unha homenaxe á Rianxeira. Falo-se dos autores, dixo-se que foi composta na emigración pero aínda ninguén conta a verdadeira história. E a verdadeira história, é que aqueles ilusionados emigrantes que loitaban contra o franquismo quixeron devolver-lle a Castelao, dunha forma festiva unha canción. Unha canción que lle transmitise todo o agarimo que se lle tiña e toda a esperanza que depositaran nel. As miñas lembranzas voltan a revolotear todos os anos transcorridos. No meu recordo de neno emigrante, volto a emocionar-me cando repaso a miñas fotos familiares, daquelas festas onde somente nos separaba tan só o oceano. Ainda vexo á miña mai bailar unha muiñeira coa miña tía Herminia e ao meu tío Constante e ao meu curmán Tantiño cantar as nosas cancións de toda a vida. E a Rianxeira acompañaba-nos nas nosas alegrías e nas nosas tristuras. Despois chegaba o momento de contar histórias, a guerra civil, os paseados, os meus avós presos. Cantos recordos! Agora aquela música que tanto nos achegou de mar a mar, é a canción dos mozos, dos que todos os domingos acompañan ao Celta, os que sofren polas cores patrias. Gostaria-me que eles coñezan esta história. Que nos seus cantos lembren a Castelao, que teñan memória como povo. Que saiban de todo o sacrifico da nosa emigración. Para Anxo Romero e “Pinciñas” esta patriótico homenaxe. Felices festas! Lois Pérez Leira é coordenador nacional do Departamento de Migración da CIG.


 Confederación Intersindical Galega www.galizacig.com
ÚLTIMA REVISIÓN: 03/01/2004 |