Actualidade / EntrevistaVolver


Santiago, 3 de xaneiro de 2004

Entrevista a Fermín Paz: “Debémonos preguntar se a enerxía é unha mercadoría ou un ben social”
 

Luis Jauregialtzo-

Gara


A xestión da enerxía está en mans de sociedades mercantis que só buscan dividendos que retribuirán nos accionistas, para o que fomentan o consumo exacerbado. Porén, debemos comprender que estamos a falar dun recurso limitado, polo que os sindicatos temos que tentar transformar a realidade que tenta impor o capital. É nese contexto no que se organizaron seminarios internacionais en México, Porto Rico e este ano en Galiza.



 Clic para aumentar
Fermín Paz: “O único obxectivo das empresas é vender enerxía transformada que proporciona calidade de vida. Porén, é certo que existen bolsas de povoación que non poden pagar as tarifas determinadas, o que evidentemente inflúe de forma negativa na súa vida. Na miña opinión, a pregunta debe ser se hoxe en día a enerxía é unha mercadoría ou un dereito, e a acción sindical debe de se encamiñar a facer dela un ben social”.
 
Preocupado pola política liberalizadora do sector enerxético que se estende polo mundo, o representante da Confederación Intersindical Galega (CIG), Fermín Paz, advirte de que hai sectores da povoación que non poden pagar as tarifas enerxéticas, o que repercute negativamente na súa calidade de vida. Ante iso, convida a reivindicar o dereito a dispor de enerxía. É unha mercadoría ou un ben social?, pregúntase.

Convidado por LAB, Fermín Paz participou esta semana nas xornadas sobre Ordenación Territorial, Enerxía e Medioambiente do sindicato abertzale en Bilbo, onde fixo un repaso da situación mundial do sector enerxético e se referiu, asemade, a problemas puntuais, como poden ser "as dificultades que sofren centos de familias que non poden acceder á enerxía", o que, evidentemente, inflúe na súa calidade de vida.

Luis Jauregialtzo: Cara a onde se dirixe o sector enerxético?

Fermín Paz: A xestión da enerxía está en mans de sociedades mercantis que só buscan dividendos que retribuirán nos accionistas, para o que fomentan o consumo exacerbado. Porén, debemos comprender que estamos a falar dun recurso limitado, polo que os sindicatos temos que tentar transformar a realidade que tenta impor o capital. É nese contexto no que se organizaron seminarios internacionais en México, Porto Rico e este ano en Galiza.

Luis Jauregialtzo: Converteu-se a enerxía nun ben de luxo?

Fermín Paz: O único obxectivo das empresas é vender enerxía transformada que proporciona calidade de vida. Porén, é certo que existen bolsas de povoación que non poden pagar as tarifas determinadas, o que evidentemente inflúe de forma negativa na súa vida. Na miña opinión, a pregunta debe ser se hoxe en día a enerxía é unha mercadoría ou un dereito, e a acción sindical debe de se encamiñar a facer dela un ben social.

Luis Jauregialtzo: Que alternativas propón?

Fermín Paz: Primeiro demostrar que a teoría do capitalismo pola que a xestión da enerxía é máis eficiente nun mercado liberalizado está indo ao garete en moitos lugares, como o demostran apagóns como o que se produciu en Italia e antes en Estados Unidos; e despois, apostar dunha maneira real pola diversificación das fontes de produción de enerxía.

Luis Jauregialtzo: Pódense considerar os apagóns de Italia ou os que se produciron no Estado español como unha advertencia?

Fermín Paz: Evidentemente. O exemplo italiano é paradigmático para demostrar as consecuencias da liberalización do sector. No Estado español, onde houbo unha certa planificación, nestes momentos as curvas de oferta e demanda rózanse en períodos concretos, o que fai que calquera continxente inesperado podería colocar o sistema no disparadeiro.

Luis Jauregialtzo: Cando fala de impulsar a diversificación das fontes de produción de enerxía, a que se refire?

Fermín Paz: Por exemplo, á enerxía hidráulica, á eólica ou ás plantas de ciclo combinado.

Luis Jauregialtzo: Cal é a súa opinión sobre as plantas de ciclo combinado?

Fermín Paz: Coido que son a mellor alternativa para dar solución ao problema que se nos crea en Galiza co esgotamento do carbón. Ademais, provocaría un menor impacto ambiental. Mais o meu punto de vista refírese a Galiza e coido que cada país debe ter absoluta soberanía para decidir a súa política enerxética.

Luis Jauregialtzo: Porén, existen voces que critican este tipo de plantas porque complicarían o cumprimento do Protocolo de Kioto.

Fermín Paz: Se me poñen na obriga de escoller entre enerxía nuclear e plantas de ciclo combinado, sen dúbida me decanto polo segundo. Nominalizar un concepto como 'desenvolvemento sustentábel' non é nada complicado, o verdadeiramente difícil é levalo á práctica. Ademais, hai países que só levan á práctica a teoría no momento en que lles convén.


[Tirado do xornal vasco 'Gara', 20 de decembro de 2003]

 
Volver
 

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 03/01/2004
cig.informatica