Actualidade / ArtigoVolver


Vigo, 19 de decembro de 2003

Aznar perdeu o ITER (o camiño)
 

Fernando Blanco Parga-

CIG


Dende o ano 92 un consorcio de países, que na actualidade está composto pola Unión Europea, Xapón, Rusia, Canadá, EEUU, China e Corea do Sul, está promovendo o proxecto de investigación denominado ITER (camiño en latín).

O ITER pretende investigar, a diferencia das centrais nucleares tradicionais baseadas na fisión nuclear, as posibilidades da fusión nuclear, é dicer, unir átomos lixeiros. Un proceso con enormes ventaxas sobre o actual, pois dispón dunha reserva ilimitada de combustibles, apenas xera residuos e non afectaría ao clima.

O técnicos comparan o proceso de fusión ca enerxía do Sol e estiman que con dos isótopos de hidrógeno (só 10 gramos de deuterio e 15 de tritio), podería producirse a enerxía para o consumo de toda a vida dunha persoa.

O proxecto ITER leva aparellado un investimento estimado duns 4.500 millóns de euros e a contribución directa de máis de 1.000 investigadores/as; por iso a localización da futura sede do ITER ten un enorme interés técnico, económico e político.

O vindeiro 20 de decembro tomarase a decisión sobre a ubicación definitiva do proxecto, agora mesmo existen as candidaturas de Canadá (Clarington-Ontario) con poucas posibilidades reais, e a de Xapón (Rokhaso). A Unión Europea tamén presentará a súa candidatura que, ate o pasado 26 de novembro, debatíase entre Vandellós en Tarragona e Cadarache en Francia. Ese día a UE acordou apoiar a opción de Cadarache.

Unha semana antes da decisión da UE, o señor Aznar, nunha das súas prácticas habituais en política, tentou sorprender ao resto da UE ofertando duplicar os fondos que debería aportar o Estado español, mais esta manobra de última hora non serviu de nada. O proxecto ITER conleva un importante esforzo económico, pero tamén político e diplomático, e nesto o governo español fracasou olímpicamente.

É ben certo que a decisión última da candidatura europea podería non ter variado, mais tamén é verdade que nestas decisións é onde se pagan a arrogancia e a prepotencia ca que o señor Aznar pasea polo mundo. Como dí el, en diplomacia europea o señor Aznar ten cero patatero.

Dous días despois deste revés en política internacional, o Governo do Estado acorda modificar a lexislación para considerar como delito político a convocatoria dun referéndum, como sempre o PP trata de agochar os seus fracasos externos ca represión do nacionalismo dentro do Estado, e igual que co proxecto ITER neso tamén perdeu o camiño, coma xa se veu en Catalunya.


Fernando Blanco Parga,
membro da Executiva Nacional de CIG-Químicas e Enerxía.

Volver


Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 19/12/2003
cig.informatica