Actualidade CIG-Comunicación- O modelo capitalista neoliberal, imperante hoxe a nível mundial, baseado no lucro, na especulación, no control monopolístico dos principais sectores económicos, na concentración do poder económico, político e militar, na desigualdade entre clases e pobos, na inxustiza social, etc, non está disposto a respeitar nen o ecosistema, nen os direitos humanos, nen a soberanía dos pobos, diante do seu afán e necesidade de obter beneficio económico ao custo que sexa, incluíndo a agresión, a destrucción e o asasinato masivo. Este modelo de capitalismo neoliberal, capitaneado polo imperialismo americano, e que conta co respaldo do Goberno español e do PP, é o causante de accidentes como a marea negra que emporcou as costas galegas, da invasión de Iraque, do recorte de direitos laborais, da reducción e privatización do sistema público de protección social, da precariedade laboral e do paro, fame e miseria de millóns de cidadáns no mundo. A clase traballadora galega, a sociedade en xeral, seguimos a ter moito que reivindicar e polo que seguer a mobilizar-nos. A catástrofe ocasionada polo afundimento do Prestige segue estando presente, segue habendo aínda moito fuel no mar, fixo-se unha lavada de cara das nosas costas pero a recuperación do meio mariño e as inversións para contrarrestar os negativos efectos económicos e sociais da marea negra, non aparecen por ningures.
As políticas neoliberais que está a aplicar o PP de recorte de direitos laborais e sociais, de privatización dos servizos públicos ou de recorte do poder adquisitivo dos salarios seguen-nos a afectar todos os dias. A todo esto temos que engadir-lle a necesidade da clase traballadora galega de contar cun marco proprio de relacións laborais, con plenas competencias en materia de emprego, formación, negociación colectiva, etc. A unidade de toda a clase traballadora galega ten que servir para enfrontar-nos con máis forza ás políticas neoliberais, ás agresións imperialistas, aos atentados contra o meio ambiente, á irresponsabilidade dos políticos (PP) que nos gobernan, e poidamos desde o movemento obreiro contribuír co noso esforzo á conquista dunha sociedade galega máis libre, máis xusta, máis solidaria, máis igualitaria e máis soberana. | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
ÚLTIMA REVISIÓN: 29/04/2003 | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||