Actualidade / Artigo Santiago, 17 de decembro de 2002 Planificación urxente
Empeza a callar entre os sectores académicos, profesionais e económicos a idea de que é necesario un Plano Marshall para a costa galega ante a evidente magnitude da catástrofe económica e social que significa a marea negra. Sen ese Plano Marshall Galiza irase ao fondo das nacións máis atrasadas da Unión Europea. O plano de investimento debe ir moito máis alá dos subsidios que se están a outorgar e debe dirixirse cara á actividade productiva, cara á reactivación das comarcas costeiras, para xerar riqueza e dar perspectivas de futuro á costa galega. Os fondos para tal plano de investimentos deben xurdir dunha reprogramación dos presupostos públicos, tanto do goberno central como da Xunta, e dos múltiples planos de investimento da Unión Europea. Resulta desolador escoitar nestes días ao ministro Rato empecinado no fulano déficit cero, aferrándose a un catecismo ortodoxo e neoliberal que xa abandonou Alemania despois da catástrofe do verao pasado, e logo Francia e Portugal. Máis penoso aínda foi escoitar ao conselleiro Orza –da Xunta de Galiza- falando do mesmo déficit cero nun momento en que todo un sector económico está devastado. O director do Instituto de Estudios e Desenvolvemento de Galiza, Edelmiro López Iglesias, pedía “intelixencia para estabelecer a lista de necesidades e evitar converter ao litoral galego nunha terra dependente das subvencións”. Os gobernantes seguen sen reflexos ante esta catástrofe. Aquí hai que botar man dos mellores cerebros de Galiza e mergullar nos presupostos públicos para reorientar investimentos e gastar menos nas festas do próximo verao, nos concertos de Julio Iglesias e demais bobadas nas que se dilapidan os cartos públicos. De igual xeito os presupostos dos concellos do litoral que se están a debater nestes días deberían ser reorientados con urxencia cara a converterse xa no primeiro plano de choque para as comarcas devastadas. A planificación con sentido productivo e intención social é a mellor medicina contra esta catástrofe e sería unha inxección de optimismo para os homes e mulleres do mar galego que están a loitar hoxe contra a marea negra, nunha xesta épica que recordarán por sempre as xeracións futuras.
|