Actualidade / ArtigoVolver


Santiago, 19 de xullo de 2002

Encol do conflicto da rocha “Perejil” na costa de Marrocos
 

Suso Seixo Fernández-

cig.secretario-xeral@galizacig.com



A presencia simbólica de 12 soldados e unha tenda de campaña na illa de Perejil, a só 200 metros da costa continental de Marrocos, permitiu que os anceios patrioteiros do Governo Central se expresasen con toda claridade unha vez máis.

Segundo a historiadora María Rosa de Madariaga, a illa esta deshabitada e frecuentan-a pescadores e pastores da próxima aldea de Yebel Musa. E engade na súa extensa análise do tema: "Resulta evidente que a illa de Perejil non formaba parte das prazas de soberanía, senón do Protectorado, de xeito que cando Marrocos obtivo a independencia en 1956 a illa pasaría a formar parte do novo Estado independente". Ou sexa, que Marrocos puxo a bandeira no que é seu.

A postura do Governo español hai que vé-la por tanto como unha mostra de imperialismo de segunda división, de demostrar-lle a Marrocos e aos países do terceiro mundo quen ten a forza, por máis que se disfrace o tema e se fale de negociación, relacións de amizade e direito internacional, para vender este acto como unha acción de xustiza e, ao mesmo tempo, da firmeza do Partido Popular e do poder do Estado español.

Ademais da base ideolóxica reacionaria que hai detrás desta ocupación (que ademais amosa o autoritarismo e militarización en aumento nas relacións internacionais), existe unha compoñente de reafirmación do patrioterismo español (chauvinismo) máis rancio que nos fai recuar ao réxime político da ditadura franquista. Neste papel teñen colaborado outras forzas políticas do Estado e de feito relevante o PSOE.

A postura do Governo español non é nova, lembremos as presións sobre á Arxentina cando este país actuou contra as actividades especulativas da Banca estranxeira, ou nos conflictos de Aerolineas Arxentinas e YPF. Aos que podemos engadir o apoio á ocupación de Kosovo e Afganistán.

Sírve-lle ademais este conflicto ao Partido Popular para desviar a atención sobre os problemas económicos, laborais e políticos que estaban en debate entre a xente, e nos que o governo non saía moi ben parado. Así, o aumento dos productos básicos e a incapacidade para xenerar máis emprego, a maioritaria oposición á reforma das prestacións por desemprego ou a esixencia de reforma da Constitución para o recoñecemento pleno do carácter plurinacional do Estado, fican unha vez máis tapados pola cortina de fume de "Perejil" e o reverdecer do patriotismo español. Aznar aproveita deste xeito, como fixo Bush co 11 de setembro, un feito político para tapar as cousas mal feitas en materia laboral, social e económica. Evidentemente ademais de motivos ideolóxicos están os eleitorais, remontar de novo nas enquisas.

O illote Perejil debe voltar aos seus verdadeiros donos, Marrocos, e terminar con este patriotismo barato que, a medio prazo, sempre se vai dirixir ou utilizar contra os direitos nacionais de vascos, galegos e cataláns.

As maneiras imperialistas do Estado español de cara a Marrocos semellanse ás que manten o Governo marroquino a respeito do Sahara e da reivindicación do Frente Polisario do direito de Autodeterminación para o seu povo. Sería desexábel, aínda que semella realmente difícil, que feitos como este levaran ao Governo de Marrocos a recoñecer os lexitimos direitos do povo Saharaui a instaurar un Estado plenamente soberano no seu território.


Suso Seixo,
secretario xeral da Confederación Intersindical Galega (CIG)
.

Volver


Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 19/06/2002