Actualidade CIG-Comunicación- Para dar unha idea ao que non sexa de Vigo, ou non coñeza a cidade, sobre as dimensións que acadou a convocatoria, dicirlle que a mobilización que encetou no cruce dos Choróns chegou ao seu destino na Porta do Sol e aínda seguían manifestantes no ponto de partida. Falamos dunha distancia duns dous quilómetros e dunha rúa moi ancha. Aínda máis, xa tiña rematado o acto final, pasara media hora, e seria daquela cando unha columna de dez ou quince mil persoas (militantes do metal e da mocidade da CIG) facían a súa entrada na Porta do Sol, como se fora un acto exclusivo da central nacionalista. A presencia do sindicalismo nacionalista (mais tamén doutras organizacións do nacionalismo) foi moi importante. Sen entrar en cifras, que non ven ao caso, quedou evidente que a nosa central ten unha forza incuestionábel na primeira cidade industrial de Galiza. Unha evidencia que xa se reflectira o pasado 1º de Maio, na folga xeral do día 15 de xuño do ano 2001, e en outros actos convocados en solitario ou conxuntamente con outras organizacións sindicais. Sobre a incidencia do paro na folga xeral temos que facer un comentario, xa que o governo na máis absoluta manipulación rebaixa o apoio a cifras ridículas. A mobilización de Vigo, e do resto das cidades galegas, amosa realmente a súa verdadeira dimensión con dados contrastábeis. Non se convocan 150.000 persoas ás 12 horas da mañá nunha comarca de 500.000 habitantes se non existe un paro de actividades masivo. Ademais, a gran maioría dos asistentes eran persoas mozas ou de idade mediana. Mellor demostración da importancia do paro na bisbarra imposíbel. Poderíase salientar que pararon todos os polígonos industriais, e que as empresas medianas na que traballaron parte do cadro de persoal por amezas da dirección son unha anécdota amarga da precariedade laboral. Destaca pola súa importancia que o persoal de Citroen se sumara á folga. No comercio, tan difícil nas últimos paros, pechou El Corte Inglés, aínda que abriu algún supermercado (de novo ameazando e presionando a cadros de persoal precarios, un tema a valorar mais detidamente no futuro). O transporte non circulou. Foi un paro total, agás o anecdótico. Un día de ledicia e loita para os traballadores e traballadores de Galiza que amosaron a súa capacidade mobilizadora e o nivel de consciencia social. | |||||||||
ÚLTIMA REVISIÓN: 21/06/2002 |