Actualidade CIG-Comunicación- A realización de convocatorias propias por parte de cada unha das grandes centrais sindicais (CIG, CCOO e UGT) en Galiza, agás en Compostela onde CCOO e UGT foron xuntas, amosa as diferencias de platexamento que hoxe hai no sindicalismo galego, e moi especialmente o afastamento entre CCOO e UGT que mantiveran durante décadas unha mesma estratexia sindical. Para alén do que motivou de cada quen para a realización de manifestacións distintas, as proprias mobilizacións aportaron dous dados fundamentais que debemos ter en conta, xa que amosan cal é o estado real do movemento obreiro na base. O primeiro dado significativo foi: un número de participantes superior ao de anos anteriores e, ademais, moito maior comparativamente ao que se mobilizou noutras partes do Estado. Mesmo naquelas nacionalidades e autonomías cunha gran tradición de loita e cunha povoación moito máis grande que a de Galiza. O segundo dado a salientar foi que das 40.000 ou 50.000 persoas que se mobilizaron en Galiza a CIG foi capaz de convocar a máis da metade, e desta volta sen que os xornais poideran agochar este feito, aínda que algún de novo “retocou” dados. Sendo as mobilizacións nacionalistas máis numerosas que as dos outros sindicatos en Vigo, Pontevedra, Compostela, Ourense e Lugo. Estes dous dados indican por unha banda que o movemento obreiro galego non esta pasivo e moito menos recuando, e por outro lado, que a CIG é a central con máis capacidade de convocatoria cando de mobilización se trata. E polo tanto, o sindicato que dinamiza a loita social en Galiza. Todo esto referendado, unha vez máis, polos traballadores. Aínda sendo así non é para durmirse, xa que temos por diante un panorama preocupante con novas reformas que pretenden esmagar os direitos da clase obreira (os que quedan). Por exemplo: a reforma das prestacións por desemprego, a Lei de Calidade no Ensino e a reforma do ensino meio e universitario (o desenvolvemento da LOU), a modificación estatutaria na sanidade, etc.
Segundo os meios de información (que nunca foron xenerosos coa CIG) o que cada central sindical foi capaz de reunir arredor do seu proxecto, na rúa, foi o seguinte: En Lugo segundo o “Progreso” un total de 1.500 manifestantes dos que 1.200 na mobilización da CiG e 200 na de CCOO, da UGT non da cifras. En Foz a manifestación da CIG axuntou, segundo a “Voz de Galicia” 200 persoas, en ningunha outra vila da mariña luguesa fixeron mobilización CC.OO ou UGT. En Vigo, o “Diario de Pontevedra” fala de 1.500 persoas en cada unha das mobilizacións de UGT e CCOO, e máis de 10.000 na da CIG. Segundo o “Faro de Vigo” a CIG xuntou a 15.000 persoas, sendo a maior manifestación de Galiza. Para “El Correo Gallego” en Vigo a CIG xuntou a 15.000, CCOO a 5.000, a UGT a 3.000 e a CUT-CNT a 500. En Pontevedra o “Diario de Pontevedra” da 400 manifestantes á CIG, 200 á UGT e 150 a CCOO. Segundo o “Diario de Pontevedra” CCOO xuntou a 300 manifestantes en Vilagarcía. En Ferrol, segundo o “Faro de Vigo” a CIG reuniu a 500 manifestantes, CCOO a 1.000 e UGT a 200. “El Correo Gallego” da 1.000 manifestantes en Ferrol a CCOO e outros tantos á CIG e 200 á UGT. En Ourense o “Faro de Vigo” e “El Correo Gallego” dan á CIG 800 persoas, a UGT 500 e a CC.OO 200. En A Coruña para o “Faro”, “Opinión” e “El Correo Gallego” a UGT reuniu a 5.000 persoas, a CIG a 4.000 e CCOO a 2.000. En Compostela segundo “El Correo Gallego” a CIG xuntou a 1.000 persoas e CCOO e UGT a 300. A “Voz” invirte as cifras e da a CCOO e UGT 1.500 á CIG só 500, cando todos afirman que a mobilización da CIG era máis grande. | |||||||||
ÚLTIMA REVISIÓN: 16/05/2002 |