Actualidade Volver


Vigo, 8 de marzo de 2002

A CIG realiza en Ferrol un acto nacional co gallo do 30 aniversario do 10 de Marzo de 1972
 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com



 Clic para aumentar
Prestacións dignas para unha maternidade sen atrancos.
 
O vindeiro domingo, Día da Clase Obreira Galega, como todos os anos a CIG lembrará a todos aqueles traballadores que loitaron pola mellora das condicións de vida da clase obreira, pola soberanía nacional de Galiza, e un mundo solidario.

Este ano realizarase un acto nacional en Ferrol, que consistirá nunha manifestación que sai ás 12 horas da Avenida de Esteiro (Fronte ao local da CIG) pra rematar na Avenida de As Pías, xunto ao monumento conmemorativo dos acontecementos do "10 de marzo", onde o secretario xeral e comarcal da CIG dirixiran unhas verbas aos presentes.

A continuación reproducimos unha síntese sobre os acontecementos de marzo de 1972 en Ferrol.


Ferrol pon o seu grao de area
contra a ditadura

Os sucesos do 72 teñen o seu desencadeante na loita dos traballadores de Bazán polo seu convenio colectivo. No camiño hai despedimentos de enlaces sindicais, detencións, torturas nas comisarías, etc.

7 de marzo do 1972. O día 7 de marzo comunicábase ao xurado de empresa o asinamento do convenio colectivo interprovincial en Madrid cando os traballadores de Bazán reclamaban a sua negociación en Galiza. A partir dese momento a axitación xeneralizouse na factoría e radicalizouse o conflito.

9 de marzo do 1972. O día 9 o paro na fábrica era total desde as 8 da mañá e os traballadores estaban concentrados na explanada fronte á dirección. A empresa anunciou a suspensión de emprego e soldo e a prohibición de entraren nas instalacións aos vocais xurados Manuel Amor, José María Riobó e aos enlaces Ramiro Romero, Manuel Montero, Alfonso Couce e Miguel Rei.

Os traballadores deciden en asemblea ocupar a factoría e ás 17,15 horas a policía entra por primeira vez en Bazán e carga contra os traballadores para os desaloxar. Cando saen en carreira pola porta, que era moi estreita, son recibidos por máis policía que os rodea e volve mallar neles. Prodúcense numerosos feridos por golpes e esmagamentos. Os traballadores saíron polas rúas de Ferrol coas fundas e roupas de traballo e enfrontáronse á policía, a pedradas, en diferentes saltos e cortes de tráfico.

 Clic para aumentar
“Calma en Ferrol tras los graves incidentes”, titular do xornal Pueblo na súa edición do 11 de marzo de 1972.
 
10 de marzo do 1972. Ás 7,30 horas os traballadores concéntranse ante Bazán que tiña pechadas as súas portas, polo que ficaron nos cantóns para lle explicar o que pasaba ao pobo de Ferrol e deseguida percorrer as demais fábricas e pedir solidariedade.

A asemblea de traballadores en grupo de 4.000 dirixiu-se entón cara á Ponte das Pías e ao chegaren ao cruce coa estrada de Castela foron detidos por unha compañía da Policía Armada. Dáse un enfrontamento entre os traballadores e a policía durante 10 minutos, no que os traballadores cos seus dirixentes á fronte e ao berro de "a eles" responderon á agresión da policía con pedras e paus sen retrocederen. A policía con porras, pistolas e metralletas provoca o asasinato de Amador Rei e Daniel Niebla e máis corenta feridos de bala. A dignidade e a valentía dos traballadores fixo que non recuasen en ningún momento; só retrocederon os seus verdugos, que montando nos seus buses deron en fuxir.

Ese mesmo día a solidariedade esténdese por toda Galiza. Realízanse paros e manifestacións por toda a nación. Son significativos os paros nas empresas de Vigo: Vulcano, Barreras, Citroën, Freire, Reyman, Santo Domingo, Censa, Yarza, Refrey e Ascón. Convócase folga xeral en Galiza e realízase unha importante manifestación o día 15 na Porta do Sol de Vigo. Fanse paros e mobilizacións na Universidade de Santiago, na Coruña e mostras de solidariedade en Lugo e Ourense.

Os feitos teñen unha transcendencia importante a nivel estatal e unha repercusión sen precedentes na opinión pública internacional que se fai sentir en toda a prensa. Durante 10 días segue en Ferrol unha mobilización xeneralizada que é reprimida duramente polo réxime fascista.

11 de marzo do 1972. Son enterrados Amador Rei Rodríguez e Daniel Niebla García. O acto convértese nunha nova mostra de solidariedade da clase obreira ferrolá, vixiada por douscentos gardas civís armados con metralladoras.

20 de marzo do 1972. Ábrense as portas do estaleiro ferrolán e a clase obreira de Bazán reincorpórase aos seus postos de traballo. A entrada faise de xeito humillante, coa porta da fábrica tomada pola policía fortemente armada con metralletas.

Tempo Sindical, voceiro da CIG, marzo 1997.

 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 08/03/2002