Actualidade Volver


Vigo, 6 de marzo de 2002

8 de marzo, Día Internacional da Muller Traballadora
Prestacións dignas para unha maternidade sen atrancos
 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com



 Clic para aumentar
Prestacións dignas para unha maternidade sen atrancos.
 
A Secretaría da Muller da CIG acordou desenvolver a súa campaña deste ano baixo o lema “Prestacións dignas para unha maternidade sen atrancos”. O motivo desta campaña vén dado polas últimas novidades producidas na Lei de Conciliación da Vida Familiar e Laboral, que expoñemos a continuación.


Novidades na Lei de Conciliación da Vida Familiar e Laboral

Baixa por risco durante o embarazo ou lactancia:

Para ter dereito a esta baixa é necesario que na empresa non haxa posibilidades de adaptación ou cambio do posto de traballo que sexan compatibles co estado da traballadora.

O empresario/a, a través dos seus servicios de prevención, debe emitir informe desta circunstancia e dos riscos posibles para a traballadora. O médico debe certificar a existencia destes riscos para a saúde da traballadora, do feto ou da lactancia.

Antes Agora
Cando se daba esta circunstancia (só por risco durante o embarazo) esta baixa se consideraba unha enfermidade común e a prestación era igual á de enfermidade común.Non é enfermidade común e a prestación é o 75% da base de cotización, igual á de accidente de traballo, percibindo subsidio dende o 1º día.
Só tiñan dereito as traballadoras por conta allea.Teñen dereito tanto as traballadoras por conta allea como as autónomas e as empregadas de fogar.


 
Despois das 6 semanas de descanso obrigatorio para a nai, posteriores ao parto, esta ou o pai, poderán optar por incorporarse a tempo parcial ao seu posto de traballo, ampliándose a duración do descanso en proporción ao tempo de traballo.
 
Descansos por maternidade e
percepción do subsidio por maternidade:

A lexislación establece un período de descanso de 16 semanas, ampliables en 2 semanas por cada fillo/a a partires do 2º no suposto de parto múltiple, das que as 6 semanas posteriores ao parto son de disfrute obrigatorio para a nai. A nai, no suposto de que ambos traballen, pode ceder o tempo de descanso restante ao pai para o seu disfrute.

Particularidades:

Os requisitos para a percepción deste subsidio son ter 180 días cotizados nos últimos 5 anos.

A prestación é o 100% da base de cotización no momento de inicio do descanso; inclúe a prorrata das pagas extras, co que estas se verán minoradas na contía que se teña percibida no subsidio por maternidade, unha vez que a traballadora ou o traballador se reincorpore ao seu posto de traballo.

Esta prestación non ten descontos de IRPF, e é obrigatorio incluila na declaración da renda do ano que corresponda.

Nos casos de parto prematuro ou hospitalización do fillo/a pode suspenderse voluntariamente a percepción do subsidio e o descanso por maternidade e ámbos pódense reanudar no momento da alta hospitalaria. O subsidio se percibirá na mesma contía que se estaba percibindo antes da interrupción.

Se se extingue o contrato de traballo durante o disfrute do período de descanso, non poderá interrumpirse a percepción do subsidio por maternidade. Á finalización deste dereito, se a traballadora reúne os requisitos para a percepción da prestación do desemprego contributivo, non se descontará deste o tempo da percepción do subsidio por maternidade.

Se xa se está percibindo a prestación por desemprego contributivo, e se pasa a situación de maternidade, cóbrase a prestación por maternidade, pero á súa finalización ese tempo si se desconta do tempo concedido para a percepción do desemprego.

Antes Agora
A prestación se calculaba en base ás cotizacións da nai, que se aplicaban ao pai en caso de disfrute do descanso por maternidade.Se a nai cede o período de descanso ao pai, a prestación se determinará en base ás cotizacións do pai.
Se a nai non cumpría os requisitos obrigatorios, aínda que cedera o dereito ao descanso, non se percibía a prestación.No caso de parto, aínda que a nai non cumpra os requisitos, pode ceder o dereito de descanso ao pai (exceptuando as 6 semanas de descanso obrigatorio) e el cobraría a prestación (xa que se calcula en base ás cotizacións do pai).


 
Se se extingue o contrato de traballo durante o disfrute do período de descanso, non poderá interrumpirse a percepción do subsidio por maternidade. Á finalización deste dereito, se a traballadora reúne os requisitos para a percepción da prestación do desemprego contributivo, non se descontará deste o tempo da percepción do subsidio por maternidade.
 
Disfrute a tempo parcial do descanso por maternidade:

Despois das 6 semanas de descanso obrigatorio para a nai, posteriores ao parto, esta ou o pai, poderán optar por incorporarse a tempo parcial ao seu posto de traballo, ampliándose a duración do descanso en proporción ao tempo de traballo. A contía da prestación por maternidade reducirase na mesma proporción.


Consideracións sobre a lactancia e garda legal:

Garda legal:

Existe a posibilidade de que a nai ou o pai soliciten unha reducción da xornada entre 1/3 e 1/2 da mesma, se teñen a cargo un menor de 6 anos ou minusválido físico ou psíquico que, aínda sendo maior de idade, non exerza ningunha actividade retribuída.

Lactancia:

Dereito a disfrutar, tanto a nai como o pai, dunha hora de permiso retribuída coa posibilidade de fraccionala en dous períodos de media hora cada un ou reducir a duración da xornada en media hora, ata que o menor cumpra nove meses.

A lexislación non establece nada ao respecto da compatibilidade destes dous permisos, quedando a solución en mans da autoridade xudicial.


Valoración e propostas

En novembro do 2001, o goberno español aprobou o Real Decreto 1251/2001, que desenvolve algunhas das normas da Lei de Conciliación da Vida Vamiliar e Laboral (31/1999). Dende a Secretaría da Muller da CIG, consideramos insuficientes as medidas que nel se contemplan, xa que existen moitos aspectos que quedaron sen desenvolver.

Tanto no caso de reducción da xornada por lactancia como por garda legal, a lei deixa en mans do empresariado a decisión de en que momento do día se leva a cabo, polo que a traballadora ou traballador teñen que acudir aos tribunais para a súa resolución.

Por outra banda, a compatibilidade destes dous permisos non está establecida na lei, aínda que si existe unha sentencia do Tribunal Superior de Xustiza de Cataluña do 8/3/99 que determina a posibilidade de disfrutalos ao mesmo tempo.

Se ben é certo que se modifica a prestación no caso de baixa por risco durante o embarazo ou lactancia, non se especifican con claridade, nin na lei nin no decreto, cales son as situacións que poden orixinar eses riscos, sendo a Inspección de Traballo quen finalmente, no caso de contradiccións, as determine.

Cremos que esta lei, presentada e vendida como unha lei para mulleres e homes, na práctica está destinada ás mulleres xa que maioritariamente son estas as que fan uso dos dereitos nela recollidos. Así, según os datos do INSS, no ano 2000 tan só o 0,97% do total de permisos de maternidade foron solicitados por homes.

Ademais, esta lei diríxese á poboación traballadora, polo que ao ser o dereito de suspensión por maternidade un dereito da muller, se esta non traballa, o home non pode exercelo, limitándose así a coparticipación dos homes nas responsabilidades familiares.

Non se ten en conta que a discriminación laboral leva aparellada discriminación salarial, polo que abondamos, na nosa opinión, de que é unha lei para conciliar a vida laboral e familiar da muller, ao ser fundamentalmente as mulleres as que sacrificarán o seu posto de traballo á hora de acollerse aos dereitos que a lei determina.

Entendemos que fan falta medidas de acción positiva encamiñadas a favorecer a incorporación da muller ao mercado laboral e a incorporación do home á vida familiar, ao coidado e atención das fillas/os e maiores.


Para elo propoñemos:

  • Potenciar o uso dos dereitos de reducción da xornada e excedencias polos homes.

  • Medidas específicas que axuden a paliar o alto índice de mulleres desempregadas.

  • Equiparar os salarios das mulleres, potenciando a igualdade retributiva.

  • Promover servicios sociais de atención a persoas maiores enfermas ou minusválidas, tanto a domicilio como en centros específicos; ampliar o número de comedores escolares e de escolas infantís, con horarios amplos que poidan cubrir o tempo que necesitan as mulleres para formarse, buscar e acceder ao emprego, etc.

  • Mentres non se establezan estes servicios sociais, pedimos que se modifiquen as subvencións para as escolas infantís:
    • Que sexan gratuítas para familias cuios ingresos por membro da unidade familiar sexan iguais ou inferiores ao salario mínimo interprofesional.
    • A partir destes ingresos que se contemplen tramos escalonados para a concesión destas axudas.

  • Ampliación da baixa por maternidade, ata que o fillo ou filla cumpra un ano de idade, con dereito a unha prestación que será igual ao salario que perciba a beneficiaria/o, e que non poderá superar o dobre do salario mínimo interprofesional.

Estamos convencidas que aínda hai moito camiño por andar neste senso, sobre todo mentres non se produza un diálogo real coas organizacións directamente involucradas.

 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 06/03/2002