Actualidade Volver


Santiago, 8 de febreiro de 2002

14 de febreiro: mobilización do nacionalismo galego por unha Europa social, solidária e dos povos
 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com



 Clic para aumentar
Cartaz da convocatoria.
 
Durante os vindeiros 13, 14 e 15 de febreiro reunirán-se en Compostela os Ministros de Xustiza e Interior dos países que integran a UE para estudaren o futuro da Europol e como impedir a entrada, en Europa, de traballadores ilegais.

Esta cimeira, programada dentro da rolda de reunións informais que realizará a Presidencia Española da Unión Europea, aprofundará nos mecanismo de control e exclusión das persoas e organizacións sociais para blindar e garantir a construción da Europa do Capital.

Para reivindicar unha Europa máis social, a CIG, BNG, SLG, CAF, CAE e Galiza Nova uniron-se nunha Plataforma por unha Europa Social, Solidária e dos Povos. Esta plataforma convoca para o xoves, dia 14 de febreiro, unha manifestación que sairá ás 11:30 h da Alameda de Santiago e transcorrerá pola Rua da Senra, Praza de Galiza, Rua Doutor Teixeiro, Rua República do Salvador, Rua do Hórreo, Praza de Galiza e rematará diante do Palco de Música da Alameda.

Este percorrido tivo que ser modificado xa que, no borrador inicial, parte da manifestación transcorria dentro do casco vello de Compostela, motivo polo que a Delegación do Goberno proibiu o seu aceso alegando razóns de seguridade apesar de ter 4.000 policias vixiando a zona.



Manifesto por unha Europa Social, Solidária e dos Povos

O mito da construción europea como espazo político democrático e soberano, garante de direitos económicos, sociais e políticos para os traballadores/as e os povos que conforman o território europeu está hoxe posto en entredito pola sangrante realidade de que a Unión Europea é cada vez máis un espazo económico e monetário onde os mercadores campan a gosto e menos unha Europa social onde se protexen os direitos dos traballadores/as e as suas famílias.

Os mecanismos que en aras da competitividade garanten a acumulación de benefícios á banca, os fundos de pensións e as empresas multinacionais son idénticos e reproducen-se na Unión Europea:

1. Redución de custos: Desfiscalización progresiva das rendas do capital como incentivo para a instalación de empresas que, no marco de políticas orzamentárias de défice cero, construen a quebra financeira do sistema de protección social, ralentizada temporalmente polos ingresos do Estado procedentes das privatizacións. Diminución das cotizacións sociais e restrición consecuente das prestacións sociais por desemprego, enfermidade, etc. Redución da contia e dos colectivos con direito a pensións da Seguridade Social e medra correspondente dos planos de pensións privados. Sucesivas reformas laborais que introducen masiva e progresivamente a precariedade no emprego e que implican a desindicalización prática dos colectivos afectados e a conculcación de direitos e a persecución que se instaura nas novas relacións laborais.

2. Privatizacións: Venda fraudulenta de empresas públicas rendíbeis - precedida de xenerosos investimentos estatais - que pasan de ser monopólios públicos en sectores estratéxicos para pasar a ser monopólios privados. Redución do orzamento destinado ao financiamento directo de estruturas públicas na sanidade e a educación coa correspondente degradación dos servizos, transferéncia de fondos a entidades privadas via concertos e privatización directa das suas parcelas rendíbeis.

No plano político, a Unión Europea arrastra tamén severos défices no recoñecimento da diversidade nacional nos distintos Estados que a conforman. Nacións sen Estado que non atopan mecanismos de participación na definición de políticas que os implican directamente e que afectan sectores estratéxicos das suas economias, ven-se indefensas e os seus intereses vitais son utilizados como moeda de troco na negociacións cupulares entre estados que se producen nos organismos da Unión Europea. Galiza é un claro exemplo desta realidade, xa que ao longo dos anos viu como os sectores básicos da sua economia foron reducidos como consecuencia das políticas da Unión Europea.

O obxectivo do pleno emprego, ainda que asumido teoricamente pola UE, está cada vez máis lonxe. As políticas de desregulación do mercado de traballo terán, en meio da crise económica que está en pleno desenvolvimento, sérias consecuencias na elevación da taxa de desemprego e no incremento da precariedade laboral. Fronte a esa situación, as políticas de emprego da Unión Europea evidencian, particularmente no Estado español, a sua inutilidade.

Máis alá da eufória pola implantación do euro e a autocompracéncia pola presidéncia española da Unión Europea, desde as organizacións convocantes esiximos un troco de rumo na condución da Unión Europea, o cesamento das políticas de défice cero, a restauración dos mecanismos de protección social, a restauración do emprego de calidade, a reversión das políticas de desregulación laboral e o recoñecimento real dos direitos das nacións sen Estado dentro da UE.


Contra a Europa dos Mercadores e a Globalización Neoliberal.

Manifestación, 14 de febreiro ás 11:30 horas, na Alameda de Santiago.


CIG, BNG, SLG, CAF, CAE, Galiza Nova.

 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 08/02/2002