Actualidade / ArtigoVolver


Santiago, 19 de outubro de 2001

Medra o pesemismo sobre o entorno económico no Estado español
 

Ramón Maceiras-

CIG-Comunicación



A economia do Estado español medrará o ano próximo un 2,4%, meio ponto menos de o que opina o Governo. Isto, alomenos, é o que prevén os 13 institutos de conxuntura económica que son consultados por Funcas -unha fundación vencellada ás caixas de aforros- sobre as suas previsións macroeconómicas. Entre os institutos de análise destacan AFI (Analistas Financeiros Internacionais), CEPREDE (Centro de Predicción Económica), ICAE (Instituto Complutense de Análise Económica), IEE (Instituto de Estudos Económicos), A Caixa, BSCH e Intermoney.

O consenso dos analistas desminte as estimacións oficiais, xa que non só se rebaixa a taxa de medra do Producto Interior Bruto (PIB), senón que ademais se considera moi probábel que o ano 2002 non remate con equilíbrio presupuestário, tal e como reflectiu o Governo nos Presupostos Xerais do Estado de 2002.

En concreto, nove dos trece institutos pensan que o ano acabará cun déficit público que se situará entre unha e tres décimas do PIB. Peritos e Governo teñen menos discrepáncias á hora de avaliar canto medrarán os prezos o ano próximo, xa que mentres os primeiros crien que o IPC (meia anual) se situará no 2,9%, o Governo estimou un aumento do deflactor do consumo privado (que soie diferir nunha ou duas décimas da medra do IPC) do 2,8%.

As abertas discrepancias en relazón ao aumento do PIB se explican fundamentalmente polo comportamento do sector exterior, xa que o consenso dos 13 institutos é abondo mais pesimista que o Governo sobre o entorno económico. Mentres que, segundo o Executivo, o sector exterior contribuirá cunha décima positiva á medra do PIB, os peritos crien que o saldo de trocos comerciais lle restará tres décimas.


Investimento

As discrepancias tamén se referen ao aumento do investimento en bens de equipa, xa que mentres o Governo prevé unha vigorosa recuperación (do 1% ao 4%), o consenso dos peritos rebaixa as estimacións ao 2,9%.

Os institutos coinciden en que o grande incógnito do ano próximo é o comportamento do consumo privado, o compoñente que mais pesa na actividade económica desde o ponto de vista da demanda (as duas terceiras partes).

Segundo o servizo de estudos do BBVA para España, a dificuldade na previsión xurde do feito de que «este ano parte da medra do consumo se debe á afloración de diñeiro negro», como o demostra a caída da demanda de efectivo, tal e como sinalou o próprio Banco de España.

En outras palabras, «a xente está anticipando as suas decisións de consumo antes de que apareza o euro», o que producirá unha ralentización no gasto das famílias durante o ano 2002, xa que algunhas compras «xa se farán este año».

Esta idea comparte-a Funcas, para quen esta «afloración de efectivo» [diñeiro negro] explica que ainda se rexistren taxas relativamente elevadas na medra do consumo privado, un 2,8% no primeiro semestre deste ano. Na sua opinión, «até o primeiro trimestre do ano 2002» o consumo beneficiará-se da afloración de diñeiro negro.

Un fenómeno que explica o feito de que a construcción vaia medrar tanto este ano como o seguinte en taxas relativamente elevadas, por encima do 4%.

Peritos e Governo cadran, sen embargo, en que fronte ao que aconteceu noutros períodos da recente história económica española, a chegada da fase recesiva do ciclo non ten por o que traducir-se nunha perda neta de postos de traballo, xa que o límite se sitúa por embaixo do 2% de medra do PIB.

Segundo BBVA, se no pior dos casos o PIB medra entre o 1,5% e o 2%, o emprego terá un comportamento equilibrado, pero se «se achega ao 1%» pode comezar-se a destruir emprego.

Para BBVA, isto é asi debido a que as reformas laborais «deron os seus froitos», xa que a introducción de maior flexibilidade nas relazóns laborais (ao favorecer a entrada e saída do mercado de traballo) permite ás empresas unha mellor adaptación ao ciclo económico.

BBVA, por último, lembra que por primeira vez desde o plano de estabilización (1959), España non poderá contar coa devaluación da peseta para sortear a crise, xa que o tipo de troco do euro é irrevocábel.


A recuperación demora-se

Os institutos de conxuntura consultados por Funcas non só cuestionan as previsións de medra económica para o ano 2002, senón que, ademais, demoran a recuperación até o terceiro trimestre do ano.

Se até ahi pouco se pensaba que a reactivación chegaria durante os primeiros meses, agora ninguén considera que sexa posíbel lográ-la antes do mes de setembro. Iso si, alomenos, en nengun trimestre se atinxirán taxas de medra inferiores ao 2%.

Os institutos de conxuntura estiman que a sima da actual fase descendente do ciclo económico se localizará no primeiro e segundo trimestre do ano próximo, cando a taxa de variación do PIB baixe até o 2,2%, para finalizar o ano con unha medra do 2,8%.
Volver


Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 19/10/2001