ActualidadeVolver / Entrevista


Vigo, 8 de maio de 2001

Entrevista a Xosé Piñeiro, secretario nacional da Federación de Alimentación e Textil da CIG
Situación da negociación do Convenio de Conservas de Peixe
 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com



 Clic para aumentar
Xosé Piñeiro.
 
O sector de conservas de peixe que conta cunhas 7.000 traballadoras e traballadores está en plena negociación dun novo convenio colectivo, anque ainda quedan reclamacións importantes da apricación do anterior. Sobre estes temas falamos con Xosé Piñeiro, secretario nacional da Federación de Alimentación e Textil da CIG.


Por qué a CIG non asinou o anterior convenio da conserva?

O convenio vixente hoxe foi asinado por CCOO e UGT cunha vixencia de 5 anos, dende 1996 até o ano 2000. Nos rexeitamos este convenio polos seguintes motivos:

  • Eliminación das antiguedades para as novas contratacións.

  • Introdución masiva das Empresas de Emprego Temporal.

  • Conxelación da xornada dende o ano 1993.

  • Perda do dereito aos 180 dias de traballo para as fixas discontinuas.

  • Restrición absoluta de pasar a fixas discontinuas.

  • Vixencia de cinco anos


Que pasa cos atrasos?

Nos xa dixemos no seu intre na Mesa de Negociación que non ficaba suficentemente claro, e que podía causar problemas, a redación sobre a revisión salarial entre o IPC previsto e máis o real, e daquela tanto a patronal como os sindicatos asinantes do convenio dixeron que non existía tal problema. O certo é que no ano 2000 a patronal negouse a realizar a revisión, que era de 2 pontos, dándonos a razón, anque houbéramos preferido que non fose así.


A CIG fixo algo para evitar esta perda salarial?

Nos propuxemos aos demais sindicatos duas vías de actuación, por unha banda mobilizarnos, e pola outra, interpor conflicto colectivo. A primeira proposta non contou co apoio de ningunha das outras centrais sindicais presentes no sector, anque a UGT sumouse ao conflicto colectivo, e agora estamos esperando a resolución xudicial.


Estase negociando xa o novo convenio?

O 16 e 17 de abril pasado fíxose en Madrid a primeira xuntanza, na que se realizou intercambeo de propostas para o novo convenio colectivo. A postura da patronal amosou que estábamos ante unha negociación moi dura, xa que pretende un novo convenio por cinco anos, consolidar a eventualidade e as ETTs no sector, incrementos salariais iguais ao IPC de cada ano, non reducir nada a xornada... O vindeiro día 9 de maio temos unha nova reunión na que xa se vai entrar en materia.


Cales son as propostas da CIG para este novo convenio da conserva?

  • O convenio debe ter a vixencia dun ano, para non hipotecar a negociación durante anos, como nos pasou co actual Convenio.

  • Incremento económico dun 5,5% para todos os conceptos económicos que rixan na nómina e unha revisión salarial si o IPC supera o 3%.

  • Xornada de 35 horas semanais.

  • Si as vacacións son fracionadas por vontade do empresario, non computarán os festivos e domingos.

  • Obrigatoriedade de ter un mínimo dun 50% da plantilla con categorías (20% de 1ª e 30% de 2ª).

  • Plus de nocturnidade dun 25% do salario, para o persoal que traballe de noite.

  • Complementar ata o 100% a baixa de enfermidade a partires do duodécimo dia.

  • As empresas estarán na obriga de ter como mínimo a mitade da plantilla con contratos fixos.
  • Indemnización de dous días de salario por cada mes traballado para os contratos eventuais.

  • Recuperar o pase de fixas-discontinuas a fixas tal e como estaba anteriormente no Convenio.

Estes son ó noso xuízo os artigos máis importantes, nos que a CIG fará un especial esforzo na Mesa Negociadora para conquerir ditas propostas.


De todos os xeitos, a negociación do Convenio, debe ir acompañada, dunha gran campaña de información e Asembleias nos diferentes centros de traballo, que permitan mobilizar si fora necesario a todo o sector ante as posibeis posturas regresivas da patronal, ou acordos de CC.OO e UGT na Mesa de Negociación que poñan en perigro as lexítinas aspiracións das/os traballadoras/es galegas/os.

 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 08/05/2001