Actualidade / Artigo Santiago, 2 de marzo de 2001 A gadaria orgánica avanza con dificuldade Dicer que é necesário mudar os métodos de producción da carne de rés en Europa é fácil, facé-lo é moito mais complicado
Existe unha grande demanda por alimentos mais sans, en momentos nos que as más notícias petan ás granxas europeas: por un lado, o mal da vaca tola; por outro, os informes sobre alimentos para o gado misturados con dioxina e, para rematar, un brote de febre aftosa en Grande Bretaña. Baixo a crenza de que o gado orgánico está menos exposto ao mal da vaca tola, o canciller alemán Gerhard Schroeder está a promover o aumento da produción destes alimentos até subpor o 20% da produción das granxas, fronte ao escaso 2,5% actual. Pero os mesmos temores están a facer que os reguladores e as asociacións privadas de criadores revisen as regras sobre os produtos que poden ser clasificados como orgánicos, poñendo especial atenzón ao gado bovino. Bioland, unha asociación privada que agrupa a 3.500 das 10.000 granxas orgánicas de Alemaña, reforzou a princípios deste ano os seus estandares de etiquetado ante o incremento do número de gado vacún afectado pola Encefalopatía Espongiforme Bovina (EEB), como se coñece formalmente ao mal da vaca tola. As autoridades en matéria orgánica de Franza e Bélxica publicaron recentemente un conxunto de estritas pautas que fan moito mais rigorosa a definición de gado vacún orgánico, e pode que outros governos europeus sigan este exemplo: peritos dos quince paises membros da Unión Europea reunirán-se no mes de marzo para analisar a posibilidade de revisar a lexislación europea sobre carne orgánica que se elaborou hai xa dous anos. Pese aos subsídios que moitos governos europeus oferecen para pór en marcha centros de produción orgánica, os benefícios non están segurados. Os granxeiros se enfrentan a custos cada vez maiores para comezar a aplicar métodos orgánicos e teñen tamén uns custos operativos maiores que os tradicionais. Ainda que as vendas de produtos orgánicos aumentaron un 70%, para atinxir os US$ 8.950 millóns en Europa o ano pasado, en comparación con US$ 5.260 millóns en 1997, non hai garantía de que a demanda aumente en liña coa crecente oferta. Se se pudese gañar mais diñeiro coas granxas orgánicas que coas convencionais, moitos optarian polo troco. En termos económicos, a agricultura orgánica é unha alternativa, pero non un camiño cara a riqueza. En 1999, Bioland tratou de convencer a alguns granxeiros para que abandonasen o uso de produtos químicos a cámbio de expectativas de maiores benefícios. Alguns puxeron mans á obra co fin de realizar as adaptacións necesárias ás suas granxas. Pero os requerimentos son duros. Para adaptar unha granxa de 100 hectares é necesário investir alomenos US$ 15.000. O proceso de conversión tarda alomenos dous anos para obter os requerimentos necesários de calidade e receber a calificación orgánica. Bioland reforzou as suas regras en resposta ao crecente desacougo pola enfermidade da vaca tola. Non é de estrañar, pois, que a maioria dos agricultores tradicionais europeos vexan o troco cara métodos de cultivo orgánicos como un enorme risco con unha recompensa incerta. A porcentaxe de cultivos orgánicos segue sendo inferior ao 5% na maioria dos quince paises da UE, e existe un grande escepticismo sobre o rápido que esa porcentaxe pode aumentar. Os segredos do Tigre celta
Unha inflación superior ao 6% sempre é perigosa, pero o é menos para unha economia que medraba no 2000 a un ritmo anual do 9%, que ten unha taxa de paro do 4,5%, equivalente ao pleno emprego, ou cuxo PIB per cápita (28.300 euros) é superior ao de Grande Bretaña, Franza, Paises Baixos e, por suposto, ao do estado español. Trata-se de Irlanda, un país que xa comeza a ser coñecido como o tigre celta. O considerado o mais pobre de entre os ricos abriu-se paso a codazos na élite do Vello Continente. Na memória recente, cifras que xa son história: en 1988 o paro afectaba ao 20% dos activos; ao ano seguinte, a sua povoazón, mais emigrante que nunca, se reducia en 40.000 persoas. Hoxe Irlanda ten 3,8 millóns de habitantes; a sua povoazón medrou en 100.000 persoas nos dous últimos anos; os investimentos estranxeiros representan un 2% do PIB; é o primeiro exportador de software do mundo (os xigantes mundiais da informática están instalados na illa e dan emprego a 10.000 traballadores); e destina o 13,5% dos recursos públicos a educación. As razóns que explican o tránsito do furgón de cola á primeira clase da economia europea hai que buscá-las décadas atrás. O achado de novos mercados, trocos radicais no sistema educativo e a atracción de investimentos estranxeiros, fundamentalmente de Estados Unidos -país co que comparte lazos históricos e culturais pola imensa emigración dos séculos XIX e XX e do que proceden as duas terceiras partes de ditos investimentos- relanzaron unha economia que a finais dos 80 estivo a ponto de ser intervida por un plano de axuste do FMI. Para evitar someterse a un duro e tercermundista plano de axuste ao estilo do FMI, o Estado e os axentes sociais -empresas e sindicatos- manteñen en vigor desde 1987 un acordo que garante a moderación salarial e que converteu en habituais medras próximas ao 11%, como a rexistrada en 1997. As multinacionais chegaron en tropel. Dell, Ericsson, Intel, IBM, Hewlett-Packard, Motorola ou Xerox, o mais granado da indústria electrónica, dan traballo a mais de 60.000 persoas. Á instalación destas grandes compañas contribuiu, obviamente, a proximidade cultural anglosaxona e a existéncia dunha povoazón xoven e ben preparada -o 40% da povoazón ten menos de 24 anos-. Pero o definitivo foi a implantación dunha política fiscal extraordináriamente vantaxosa para as empresas que, por comparar, reduce a un xogo de nenos o polémico réxime do que desfrutan no estado español Euskadi e Navarra. Os tipos impositivos, que hoxe van desde o 10% ao 28%, serán substituídos no ano 2003 por un tipo único do 12,5%. No estado español, o Imposto de Sociedades se mantén no 33%. Ademais de atrair a empresas foráneas, a Administración da illa constituiu fai dous anos Empresa Irlanda, coa misión de axudar a sociedades con plantillas inferiores ás 200 persoas. Neste ente público traballan mais de mil persoas. Dispón de secretarias no exterior co obxectivo prioritário de fomentar as exportacións. A grande emigración irlandesa esparexida por Estados Unidos contribui enormemente cos obxectivos de recuperación demográfica, promoción de investimentos e apertura de prazas para as exportacións irlandesas. Dentro desta panorama de bonanza, a verde Erín se enfrenta aos riscos próprios dunha medra tan acelerada. O primeiro deles é, sen dúvida, a inflación, agravada pola fortaleza da libra esterlina e do dólar. As outras ameazas non son menos desdeñábeis. Por un lado, as exixéncias dun mercado de traballo instalado case no pleno emprego comezan a provocar escaseza de man de obra cualificada; por outro, as infra-estruturas non acompañaron ao vertixinoso esplendor económico. Respecto á man de obra, a Administración ten asinados distintos acordos con universidades europeas nun proceso de captación de novos talentos. Sobre a mesa hai un proxecto para formar 5.400 enxeñeiros en informática adicionais de aqui ao 2003. Para atallar a escalada de prezos, o Governo, ao que a UE rexeitou os presupostos do 2001, previu distintos planos de choque. Un deles, por estraño que poda semellar, consiste nun acordo con distribuidores e expendedores de bebidas para evitar que se dispare o prezo da pinta de cervexa (meio litro), un líquido mais apreciado se colle que o mesmísimo petróleo. Ao mesmo tempo, o Executivo de Bertie Ahern ten en carteira unha rebaixa de impostos como medida alternativa á suba salarial que exixiria un IPC tan elevado. De iso dependerá en grande medida a continuidade dunha paz social que dura xa case 15 anos. O impulso económico modificou conductas sociais e até o modelo mesmo de família, cuxo núcleo viu-se reducido en moitos casos a só dous membros. A consecuéncia foi unha avalancha sobre o mercado imobiliário, cuxos prezos dispararonse nos últimos cinco anos. En Dublín, o ritmo de construcción de 50.000 vivendas anuais segue sen ser suficiente para cobrir a demanda. Os perigos existen pero non abafan o éxito deste pequeno país, que aproveitou como nengun outro os recursos que lle chegaban de Bruselas.


 Confederación Intersindical Galega www.galizacig.com
ÚLTIMA REVISIÓN: 02/03/2001 |