Actualidade / ArtigoVolver


Santiago, 27 de febreiro de 2001

Unha banda neoliberal dirixe o Banco Central Europeo
 

Ramón Maceiras-

CIG-Comunicación



Son os pais da bárbara teoria do "déficit cero". Son os responsábeis teóricos e práticos do desmantelamento en Europa do estado de benestar. Son os fundamentalistas do capitalismo selvaxe no vello continente. Os povos europeos non os escollen. Eles non se someten ao escrutínio das urnas, pero as suas decisións afectan a vida de centos de millóns de persoas. Son os membros do Banco Central Europeo.

Ante a posíbel saída de Duisenberg da presidéncia do BCE, comeza a especular-se sobre o identidade do seu sucesor. Pero non hai que facer-se ilusións. Calquera deles seguirá a mesma política de controlo fiscal e monetário e seguirán estimulando a concentración de capitais e a economia especulativa.

O presidente do Banco Central Europeo (BCE), Wim Duisenberg, é a cara pública do BCE, pero non domina a institución á maneira en que o fai Alan Greenspan coa Reserva Federal. Desde que Europa criou a sua moeda comun e banco central en 1999, alguns dos 18 membros do consello gobernante do BCE están voltando-se cada vez mais influintes.

Pode que o foco pase pronto a estes personaxes encarregados da toma de decisións, porque Duisenberg non garantiu que ficará no seu cargo até que acabe o período de oito anos no 2006. Só prometeu "permanecer ao menos" até o lanzamento de moedas e billetes en euros a princípios do 2002.

As discusions sobre do liderazgo no BCE duraron meses. A controversia acabou só despois de que Duisenberg, o principal candidato á presidéncia, anunciara que era moi probábel que se retirase antes da data de termo do seu mandato. O Seu herdeiro aparente é Jean-Claude Trichet, o gobernador do banco central de Franza e proposto inicialmente por este país á presidencia do BCE.

Pero agora Trichet está a ser investigado polo seu papel no departamento do Tesouro francés nas negociacións con Crédit Lyonnais SA. Até que a pesquisa non acabe, e as autoridades non estabeleceron un prazo de tempo, existe o risco de que Trichet teña que retirar-se se é escollido para un cargo importante.

Ademais de Trichet, outros seis membros do consello están a figurar como especialmente influintes. A prensa europea sinala que o holandés Nout Wellink, o portugués Vítor Constâncio e o finlandés Matti Vanhala xogan un papel importante na toma de decisións. Tamén nomean ao alemán Otmar Issing, a Tommaso Padoa-Schioppa, de Italia, e á finlandesa Sirkka Haemaelaeinen; ainda que como membros do comité executivo do BCE, os tres últimos non poden ocupar os dous principais postos do banco. O período como vice-presidente do organismo do francés Christian Noyer finaliza a meados de 2002.

Trichet, economista de 58 anos, é un peso pesado no consello e demostrou-no o ano pasado cando influintes políticos europeos estaban a realizar declaracións conflictivas acerca da caída do euro fronte ao dólar. Trichet argumentó que unha moeda europea forte lle conviña ao Vello Continente, unha frase que entón foi repetida polos políticos de toda a rexión.

Trichet tamén respaldou a Duisenberg durante un dos seus momentos mais difícis. En octubre do ano pasado, Duisenberg suxeriu a un diário británico que o BCE probabelmente non interviria para apuntalar ao euro en caso de que a tensión no Meio Oriente se intensificase. Os seus comentários fixeron que o euro caise ainda mais e alguns políticos pediron a sua renúncia.

O holandés Nout Wellink, gobernador do banco central do seu país, é descrito como un activo participante das xuntanzas do consello e é un convencido das políticas monetárias antiinflacionistas. Nos últimos dous anos, o BCE aumentou as taxas de interese sete veces e só as baixou dous.

Wellink tamén é un dos aliados mais cercanos de Duisenberg; os dous traballaron xuntos por case 30 anos. E como funcionário público, mudou o curso do financiamento estatal de Holanda nos 70, reducindo o gasto fiscal.

Vitor Constancio, o gobernador de 57 anos do banco central de Portugal, era un dos maiores defensores de mudar a maneira en que o BCE asegura a liquidez no sistema financeiro e manexa as taxas de interese a curto prazo. Durante os primeiros 18 meses do euro, o BCE estabeleceu o prezo para os fondos de mercado na forma dunha taxa de interese fixa, e os bancos pedian a cantidade de fondos que querian. Pero este método deixou aos bancos pequenos fóra de carreira.

Os bancos españois e portugueses estaban entre os mais perxudicados, e Constancio proferiu unha alternativa: unha poxa de taxa variábel. Agora, os bancos nomean tanto o volume de fondos que queren e a taxa de interese que están dispostos a pagar.

Matti Vanhala, finlandés de 55 anos, foi un home de liña dura o ano pasado, durante a época de aumento das taxas de interese do BCE. Tamén foi un defensor da emisón de prognósticos económicos, sustendo que dan unha imaxe mais transparente. O BCE fixo-o por primeira vez en decembro.

Vanhala, presidente do banco central de Finlandia, é partidário de dar-lle ao BCE a responsabilidade dalgunhas das funcións manexadas polos bancos centrais de cada país.

O alemán Otmar Issing, ex membro do directorio do Bundesbank, domina as xuntanzas do consello en termos de política monetária. Dous dias antes de cada xuntanza, Issing envia aos membros do consello unha cópia dunha avaliación económica chamada o "libro laranxa". Tamén escrebe unha cópia do comunicado mensual do banco. O perito de 64 anos é respeitado fóra do BCE por ter formado un excelente equipo económico e de investigación.

O profesor italiano de 60 anos, Tommaso Padoa-Schioppa, foi un dos primeiros partidários dunha intervención para apuntalar ao euro. Cando a moeda caiu a fins do ano pasado, o BCE mercou euros nos mercados catro veces, unha delas coa axuda doutros bancos centrais líderes. Alguns membros estaban renuentes porque temian que a operación fracasase e significase unha perda de credibilidade, como ocorreu co Banco de Xapón. Como chefe de relacións internacionais do BCE, Padoa-Schioppa negociou a intervención co Grupo dos sete países mais industrializados.

A finlandesa Sirkka Haemaelaeinen, de 61 anos, foi gobernador do banco central de Finlandia por seis anos até que se uniu ao BCE, onde agora está a cargo das operacións de mercado. Foi un dos poucos membros do directorio executivo comprensivo desde o princípio respecto ao troco ao refinanciamento de taxa variábel, un tema técnico pero carregado de política. É percebida como un dos membros mais duros fronte á inflación e partidária do freo ás políticas expansivas do gasto público.


Os bancos revisan á baixa as expectativas de crecimento

O BBVA revisará á baixa a próxima semana o sua previsión inicial, na que xa contaba cunha medra do PIB de só o 3,2% para o estado español, neste ano 2001. O banco baralla agora un produto interior bruto cercano ao 3%, nun entorno de desaceleración na zona euro e en Estados Unidos.

O director do servizo de estudos do BBVA, Miguel Sebastián, alertaba esta semana das repercusións sobre a execución presupuestária do Estado que poden derivar-se da desaceleración económica deste ano.

O Governo estima que a medra do PIB se freará en 2001 do 4% ao 3,6%, algo que é considerado "optimista" por grande parte dos institutos de análise económica, entre os que se incluen entidades financieiras como A Caixa, Caixa Madrid, BBVA e Funcas (Fundación das Caixas de Aforros).

A principal consecuéncia dunha menor medra do previsto, segundo Sebastián, é o seu efeito sobre as estimacións de ingresos e gastos presupuestados, sobre todo na recadación imposetiva. "O obxectivo de atinxir o déficit cero este ano non vai ser tan fácil como se predicia, debido á posibilidade de menores ingresos", matizou.
Volver


Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 27/02/2001