Actualidade / ArtigoVolver


Santiago, 02 de febreiro de 2001

O capital financeiro español atranca a recuperación económica de Venezuela
 

Ramón Maceiras-

CIG-Comunicación



O sistema financeiro privado de Venezuela -no cal o capital estranxeiro español (BBVA e BSCH) representa a maioria- manifesta-se reticente ao reaxuste favorábel dos intereses activos e pasivos e á liberalización do crédito para as pequenas e medianas empresas, en tanto que concentra as suas preferéncias nos grandes clientes.

A economia venezolana, como un todo, logrou superar os níveis dunha recesión profunda que se estendeu até o último trimestre de 1999. Todos os observadores e analistas concordan en que este ano será de recuperación pronunciada, que se estima entre 4 e 5%; a declinación do impulso inflacionário -de 20% en 1999 a 13,4% en 2000 e a menos de 12% probabelmente no 2001- ten como efeito a ruptura das expectativas proinflacionárias, o que contribue a fortalecer o movimento de recuperación económica.

A estabilidade de prezos propícia a actividade económica, o que está fóra de toda dúbida. En Venezuela é posíbel lograr esa estabilidade a curto prazo e reforzar os factores de reactivación. O suposto principal para a realización desa posibilidade é a estabilización do sector externo da economia. Neste aspecto parece haber dúbidas por parte de observadores, analistas e axentes, xa que a base daquela estabilidade é a frotación dos prezos do petróleo dentro dunha franxa sustíbel, que permita conciliar as posicións de exportadores e importadores de petróleo. Iso é viábel se a OPEP mantén a sua estratéxia e se os outros exportadores, os governos e as corporacións influentes se convencen de que a estabilidade de prezos a un nível razoábel é a mellor opción do mercado.

A bonanza dos prezos petroleiros mesmo con recortes de produción permitiu o fortalecimento do sector externo: a conta corrente da balanza de pagamentos amosa saldos positivos cuantiosos, o ingreso de divisas (as compras do BCV o ano 2000 totalizaron 22 millardos de dólares, contra 15 millardos en 1999) permitiu atender a demanda do mercado, honrar plenamente o servizo da débeda externa, elevar o nível das reservas do Banco Central até 16 millardos de dólares e acumular no Fundo de Estabilización Macroeconómica un monto de 4,5 millardos de dólares. Tamén permitiu, baixo a orientación da política cambiária, moderar a depreciación do tipo de cámbio (8% o ano pasado) e evitar flutuacións inconvenientes, o que contribuíu á declinación da inflación. Tamén foi posíbel mellorar a situación fiscal, ainda que persiste a debilidade tributária do sector interno e se amplia a influéncia do ingreso petroleiro no cadro financeiro do Estado.

Hai que considerar de modo diferente a existéncia de signos preocupantes na situación económico-social do país. Dous sectores da economia real -agricultura e indústria manufactureira- non lograron atinxir níveis significativos de recuperación; a construción, ainda que acusa un movimento emerxente cara a níveis positivos, ainda padece a recesión económica, o mesmo que o turismo (parcialmente secuela da traxédia de Vargas) e outros servizos. O desemprego formal baixa moi lentamente, mentres se amplia a significación da ocupación informal.

A insuficiéncia ou inexisténcia de ingresos regulares agóbia a un numeroso sector da povoación e afecta a demanda de bens e servizos do mercado. O salário mínimo non é suficiente para satisfacer as necesidades vitais da família débil e hai resisténcia para a reposición do poder adquisitivo dese salário. Persiste a apreciación do círculo restritivo salário-emprego, no sentido de que hai que aumentar o emprego para mellorar os salários; pero se estes non melloran o mercado non se recupera e o emprego non se facilita. A multiplicación de microempresas como medida de emerxéncia quizais sexa unha posibilidade de alívio da desocupación.

Os pequenos e medianos empresários enfrentan as dificuldades de financiamento dos investimentos, non só polos elevados intereses do crédito bancario senón polas exixentes condicións que se lle impoñen para o seu outorgamento. Sen investimento privado a recuperación económica non logra suster-se, xa que o gasto público (motor parcial da economia e do benestar social) sempre é insuficiente para ese obxecto. O sistema financeiro privado -no cal o capital estranxeiro representa a maioria- manifesta-se reticente ao reaxuste favorábel dos intereses activos e pasivos e á liberalización do crédito para as pequenas e medianas empresas, en tanto que concentra as suas preferéncias nos grandes clientes. O equilíbrio dese sistema, globalmente considerado, descansa en boa medida no investimento en títulos de débeda pública, seguros e rendíbeis, o que configura un círculo operativo moi singular: o gasto público, incluído o petroleiro, proporciona liquidez ás entidades financeiras, as cais aplican os seus excedentes monetárias á adquisición de débeda pública; hai que observar, ademais, que boa parte do equilíbrio financeiro privado descansa nos depósitos, o que permite apreciar o potencial de acción do Estado en canto ao mercado financeiro.

Non podo deixar de facer referéncia a un fenómeno que afecta á estrutura da economia privada e a dinámica empresarial do país: o desprazamento de capitais venezolanos -formados en boa medida na etapa pioneira da industrialización- polos estranxeiros que teñen os seus próprios desígnios e intereses; asi os empresários venezolanos poden ser relegados á función de accionistas minoritarios ou de xerentes das empresas desvenezolanizadas.


Sobre a macroeconomia

A macroeconomia, polo xeral, mostra pontos débeis. As variábeis macroeconómicas, pola seu própria índole, mostran movimentos e resultados globais; outros indicadores -microeconómicos, sociais, desagregados sectoriais ou subsectoriais- permiten coñecer algo máis dos procesos reais, de tal modo que uns e outros poden proporcionar unha visión dos sucesos que se aproxime á realidade observada. A macroeconomia, ademais, no seu alcance convencional, non revela inteiramente os efeitos dos procesos económicos no benestar social; os indicadores de desenvolvimento humano das Nacións Unidas reflecten mais aqueles efeitos; sen embargo, para o exercício das políticas de curto prazo o coñecimento das variacións macroeconómicas que teñen características conxunturais é indispensábel. Como é sabido, o curto prazo proxecta-se ao mediano prazo e este ao longo prazo, dada a continuidade da vida económica.
Volver


Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 02/02/2001