Actualidade / ArtigoVolver


Santiago, 12 de xaneiro de 2001

O recorte da OPEP estaria entre 1,5 a 3 millóns de barris
 

Ramón Maceiras-

CIG-Comunicación



Os membros da Organización de Países Exportadores de Petróleo (OPEP) plantexaron esta semana fortes recortes da produción con volumes que varian desde 1,5 millóns de barris diários a 3 millóns de barris. Tal como sinalaron as axéncias internacionais, o representante iraniano ante a organización, Husein Kazempu, declarou ao xornal iraniano local Aftab e Yazd, que o descenso debe atinxir os 3 millóns de barris diários.

“Se a OPEP finalmente decide recortar a produción dentro de duas semanas en 1,5 millóns de barris diários, a princípios do próximo trimestre terá que se adoptar unha medida similar co que se duplicará a redución”, dixo Kasempu. O posíbel recorte da produción de petróleo da OPEP, organización que controla o 40% do cru mundial, busca contrarrestar o descenso experimentado nos dous últimos meses polos prezos.

Segundo numerosas declaracións dos estados produtores existe consenso sobre a necesidade de reducir o volume de oferta para evitar unha queda do mercado na primavera, temporada de menor consumo mundial, pero os ministros da OPEP deben ainda pór-se de acordo sobre as dimensións dese recorte.

Pola sua parte, o ministro kuvaiti de Petróleo, xeque Saud Al Sabah, indicou que o seu país se amosa favorábel a un recorte da produción en 2 millóns de barris diários. Entrementres, o ministro iraqui de Petróleo, Amer Mohamed Rashid, pediu tamén á OPEP que decida o citado recorte, para 'equilibrar a actual situación do mercado'.

Iraq solicitou directamente á organización que considere un recorte mínimo da produción de 1,5 millóns de barris diários durante a xuntanza que manterá o próximo dia 17 en Viena. “Esperamos que a OPEP evite as presións do exterior e decida unha redución de entre 1,5 e 2 millóns de cru diários”, dixo o ministro iraqui de Petróleo, Amer Ahmed Rashid, tras participar nunha cerimónia floral ante a estátua do Soldado Descoñecido en Bagdad.

Ante esta situación, cumpre só agardar ao próximo dia 17 para coñecer cal é o valor do recorte, xa que as únicas diferenzas no seo da OPEP se referen á cantidade que retirarán do mercado. O posíbel recorte que anunciará a OPEP está a ser avaliado con países produtores alleos á organización. Entre estas nazóns que están coordenando unha decisión conxunta está México.

Volver


Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 12/01/2001