Actualidade / Artigo Santiago, 19 de xaneiro de 2001 O primeiro test de George Bush
O 31 de decembro de 2000, o presidente de Estados Unidos tomou unha decisión que fará história, mais alá das suas implicacións na política do seu país, e das polémicas que sucitase ou poda sucitar. O último dia do século, Estados Unidos, por decisión de Bill Clinton, subscrebeu o tratado concertado en Roma, en 1998, mediante o cal se criou o Tribunal Penal Internacional. Era o último dia que podia facer-se. Para despedir o século en que proliferaron os xenocídios, as guerras mundiais ou as chamadas "civis", as torturas, os exílios e inumerábeis delitos contra a persoa humana, seria inaceitábel que Estados Unidos evadise a responsabilidade de botar as bases dunha sociedade mundial fundada no respeito aos direitos humanos. Ao subscrebé-lo, Clinton desbotou as obxeccións do Pentágono e desafiou ao Senado. Como foi sinalado por observadores norteamericanos, a sinatura de Clinton constitue un forte respaldo ao tratado, mentres compromete ao presidente George W. Bush, e convida-o a que asuma a sua posición, a partir deste 20 de xaneiro, unha vez que tome posesión da Casa Branca. Non cabe a menor dúbida: será o primeiro test de Bush como presidente de Estados Unidos, e a definición sobre que princípios orientarán a sua política exterior. Entre os máis poderosos secretários do Gabinete que terán o poder nas suas mans nos asuntos da política exterior, predominan vellos falcóns da Guerra Fria: o xeral Colin Powell, secretário de Estado; Donald Rumsfeld, secretário de Defensa; e o próprio vice-presidente, Dick Cheney. Rumsfeld, nos dias da campaña, tomou o tema do tratado como consigna de axitación, e xunto con outros prominentes republicanos proclamou que" Estados Unidos seria a primeira vítima, de ser aprobado polo seu país". Clinton cumpriu cun compromiso que non podia eludir. Era a única posición compatíbel coa prédica dunha orde internacional democrática. A posición de Clinton é consecuente coa sua decisión de liberar a extensa documentación sobre os tráxicos episódios da Operación Cóndor, por exemplo. Agora será a pedra de toque da administración Bush. É probábel que os falcóns do Gabinete, e os falcóns do Senado, como o intolerante -e intolerábel- Jesse Helms, quen xa lle declarou a guerra a morte, impidan a participación de EEUU. O camiño está aberto; constitue unha das grandes conquistas da humanidade, e poderá ser detido. Os países de Europa Ocidental -Alemaña, Itália, Franza, Áustria, Bélxica, España- xa o ratificaron. Igual ocorrerá co Reino Unido. O tratado foi subscrito por 139 países: os últimos foron Estados Unidos, Israel e Irán. Só 27 o ratificaron. En Latinoamérica, apenas Belice, Trinidade-Tobago e Venezuela figuran entre os 27. Non o ratificou ainda o país de Augusto Pinochet, cando o Chile da democrácia tutelada deberia ser un dos seus pioneiros, porque para xulgar a personaxes como o antigo ditador foi concebido o tribunal: para resgatar a xustiza das mouras redes de cumplicidade que tecen as ditaduras. O que agora acontece en Chile co vello ditador e cos seus xeenrais, salienta a urxéncia na sua ratificación. Requere-se, segundo o artigo 126, que 60 países o ratifiquen para a sua vixéncia. Os países de América Latina deberian ter unha percepción clara: non o subscreberon Guatemala, Nicaragua nen O Salvador. Os signatários deben ratificá-lo, e mentres sexa antes, mellor. "Nengun Estado quererá ser responsábel do fracaso dunha iniciativa como a criación do Tribunal Penal Internacional". Con estas palabras inaugurou o secretário xeral da ONU a conferéncia de Roma en 1998. Dos 189 Estados membros da ONU, 156 se reuniron na antiga cidade, e deles, 139 subscreberon o tratado antes do 31 de decembro de 2000. Alguns Estados membros do Consello de Seguridade aspiraban a que o TPI fose outro couto pechado para o seu exercício do veto. Rusia subscrebeu-no, mentres se China mantén como unha efíxie. A história mundial rexistra a máis frustante experiéncia do direito de veto. Estender ese priviléxio -tan antidemocrático como anacrónico- aos direitos humanos e ao trato que os Estados lles deben ás persoas, ás suas próprias cidadás e cidadáns, é xa unha extralimitación inaceitábel. "Un TPI que non consagre o direito de veto será letra morta ao chegar ao Senado de Estados Unidos", sentenciou en Washington o senador Jesse Helms. Desde Londres, no seu informe anual, Amnistia Internacional ofereceu esta panorama: en 1997 comprobaron-se execucións sumárias en 55 países, en 87 houbo "prisioneiros de consciéncia", e torturou-se á xente en 117. Este é un dos legados do século XX. O TPI foi criado para "romper o círculo vicioso da impunidade". Desde a fundación da ONU, en 1945, vén-se avogando pola criación dunha instáncia que combata en todo o mundo os crimes de guerra, os xenocídios, a violación masiva dos direitos humanos. Iso é agora, no albor do século XXI, o TPI.


 Confederación Intersindical Galega www.galizacig.com
ÚLTIMA REVISIÓN: 19/01/2001 |