Actualidade / ArtigoVolver


Santiago, 4 de xaneiro de 2001

Mais dun tércio dos contratos de traballo en Galiza son precários
 

Ramón Maceiras-

CIG-Comunicación



Un dos obxectivos dos pactos de abril de 1997 asinados entre a patronal e os sindicatos de ámbito estatal (CCOO e UGT) era rebaixar a taxa de eventualidade á meia europea, sobre un 13%. Hoxe, máis de tres anos despois, a porcentaxe de traballadores eventuais é mesmo maior, atingue un 35,2% no segundo trimestre do ano 2000, fronte ao 34,12% que existía daquela.

Non só hai unha porcentaxe de asalariados eventuais máis alta, senón que o número de traballadores temporais é moi superior e a rotación de contratos moito mais alta. Concretamente pasouse de 187.700 traballadores afectados por este tipo de contratos no 2º semestre de 1997 a 231.300 no 1º semestre do ano 2000.

Estes pactos contaron en todo momento cos parabéns do Governo central (e por suposto a Xunta de Galiza), que lles deu cobertura legal e investiu centos de miles de millóns de pesetas en achegas á patronal para a conversión de contratos temporais en fixos, malia o cal os resultados non poden ser máis pobres e negativos.

Todas os cámbios estruturais e a aparición das novas regras e modalidades de contratación e organización do traballo teñen hoxe amplia expresión en Galiza. O mercado de traballo galego reflicte abertamente o mal funcionamento estructural da economia do noso país. Se o estado español presenta as taxas de paro mais elevadas da Unión Europea, Galiza supera a meia do estado e duplica á da Unión Europea. Antes da chegada de Fraga ao governo galego a situación era totalmente inversa. De feito, no ano 1989 o paro español superaba en cinco pontos ao de Galiza (17% e 12%, respeitivamente).

As cifras cantan. Entre 1989 e o 2000 perderon-se 60.000 empregos netos e e 50.000 parados mais engrosaron as crecentes filas do desemprego. Nos últimos vinte anos só houbo lixeira melloria no emprego en Galiza durante os bienios 1986-88 e 1998-2000. Melloria tan lixeira que non invertiu a tendéncia de caída continua do emprego, da povoación activa, e que configura unha situación estructural de economia en declive en Galiza. No último cuarto de século perderon-se en Galiza 200 mil empregos nun contexto no que a economia do estado español criaba mais de dous millóns de novos postos de traballo. O estudo dos ciclos económicos galegos dos últimos 25 anos mostra que nas fases de recesión o emprego galego cai con maior intensidade que no estado, mentres que nos ciclos alcistas a criación de emprego é moi débil, ou non se cria emprego.


Expresións da precariedade laboral en Galiza

En medio de ese entorno de declive estructural da economia entende-se mellor o proceso de crecimento da precariedade laboral en Galiza. A precariedade supera dabondo a meia europea e por suposto a do estado español. Nada de estrañar se tomamos en conta que nos últimos anos o sector primário galego perdeu 227 mil traballadores que pasaron a engrosar as filas dos traballadores en precário ou en paro aberto ou encuberto.

Os traballadores e traballadoras do rural que se manteñen ocupados se desempeñan tamén en entornos precários de contratación e prestacións sociais. Semellante situación sofren os traballadores do mar, as traballadoras da conserva e o textil, da indústria auxiliar do naval, da construcción e da madeira e tamén da administración pública. O fenómeno se extende a todos os setores da economia galega. Nos últimos tempos, reapareceu tamén o fenómeno da emigración a Canárias e outros países da UE en condición tamén altamente precárias de contratación.

O fenómeno da precariedade e o desemprego son hoxe as principais ameazas que se cernen sobre os traballadores galegos e son unha clara consecuéncia da situación de deterioración acelerada pola que atravesa a economia do noso país. A precariedade exprésa-se en traballo sen contrato ou nunha contratación chea de irregularidades, arbitrariedades ou inestabilidade de todo tipo amparada nas moitas modalidades da contratación temporal. Moitos traballadores ven-se na obriga de asinar nóminas falsas por salários que non se corresponden co que efectivamente receben, asinan a liquidación por anticipado, fan mais horas das estipuladas e por riba non as cobran completas, carecen de seguridade social, de representación sindical, de convénio de empresa ou de sector, traballan en precárias condicións de seguridade e hixiene, ou sofren as condicións leoninas das ETT´s.

A incertidume é a constante na vida dun traballador en precário. Moitos rodan de traballo en traballo, ou de contrato temporal en contrato temporal con periodos de duración cada vez mais curtos, ou sobreviven malamente sen contrato na chamada economia sumerxida. É imposíbel facer proxectos de vida nesas condicións de inseguridade.

As dificuldades para medir exactamente a dimensión do fenómeno da precariedade veñen dadas polos critérios estatísticos que utilizan os organismos estatais e autonómicos para medir este fenómeno. A EPA, por exemplo, define como ocupado á persoa de 16 anos e mais que durante a semana de referéncia tivo un traballo asalariado por conta allea. É dicer, unha persoa que traballa unha hora á semana xa non está parada. As enquisas da EPA, con esta calificazón, queren agachar unha realidade sangrante: a precariedade e a altísima rotación nos contratos de traballo.



O traballo baixo
o império neoliberal

No curso dos anos oitenta apareceu un novo modelo de empresa. Ese modelo -que aqui chamaremos "neo-liberal", pero que outros chaman "flexíbel", "patrimonial" ou "financiarizado"-, leva até o extremo unha tendéncia espontánea da organización capitalista do traballo: a disociazón entre a eficácia empresarial e a xustiza social.

Seria facer-lles demasiada honra aos teóricos do liberalismo crer que tiñan ese modelo na cabeza cando, a comezos dos oitenta, definiron a axenda das políticas do pos-keynesianismo. O seu credo limitaba-se a unha ideia: liberar as forzas do mercado. Trataba-se de botar abaixo as regras, instituicións e garantias que o capital se vira obrigado a conceder imediatamente despois da Segunda Guerra Mundial. Esas concesións provisionais -o recoñecemento, ao menos de facto, do poder sindical na empresa; a redistribución dos froitos do crecimento; a seguridade social; o controlo dos movimentos de capital; o papel decisivo do Estado na regulazón da economia- permitiran certamente trinta anos de crecimento desigoal. Pero tamén conduciran a laminar a rendabilidade dos investimentos. A aceleración progresiva da inflación traducia o esforzo cada vez mais desesperado das empresas para restaurar as suas marxes de benefício. O viraxe representado por Margaret Thatcher e Ronald Reagan consistiu, esencialmente, en provocar unha recesión brutal grazas a un alza inaudita das taxas de interés e en desmantelar rápidamente todos os atrancos impostos á libre circulazón dos capitais. O obxectivo conscente non era outro que restabelecer unha relazón de forzas favorábel ao capital para reducir o custe do traballo, incrementar a rendabilidade e relanzar os investimentos.

Enfrentados no mesmo momento ao avance en poténcia dos competidores xaponeses, os xefes de empresa ocidentais buscaron en primeiro lugar imitar-lles. Misións de estudo e obras especializadas sobre o "modelo xaponés" multiplicaron-se ao longo dos anos oitenta, para comprender o segredo de "a máquina que mudou o mundo" (título dunha célebre obra sobre o modelo xaponés). Kanban, kaizen e círculos de calidade proliferaron nos discursos e tamén nos obradoiros. Os especialistas da xestión cantaban os méritos da "produción xusta" (produce-se o que se demanda de antemao), sen stocks nen perdas. Os responsábeis de recursos humanos falaban sobre a "cultura de empresa" e o "proxecto compartido". Moitos sociólogos anunciaban a emerxéncia da "empresa comunidade", e os economistas discernian "un novo compromiso social". O "novo modelo produtivo" estaria dotado de catro rasgos principais: "descentralizazón da produción", "posta en común da perícia", "salários cualificados e adaptábeis" e "relacións de traballo cooperativas e que favorezan a inovación".

Sen embargo, a maior parte das empresas reais non importaron mais que certos elementos da panóplia xaponesa. Certamente, nos talleres, a descentralizazón da organización do traballo leva aos asalariados a traballar directamente baixo a influéncia directa dos clientes, segundo os princípios de "xusto-a-tempo": non se produce mais que o que xa está vendido. Tamén é verdade que as clasificacións ríxidas saltan polos aires, a polivaléncia e o autocontrol da calidade estende-se , a mobilidade dos asalariados entre servizos desenvolve-se , o traballo converte-se en algo mais colectivo.

Pero o emprego de por vida morreu, e tamén o emprego estábel: a nova norma é o emprego precário, coa espada de Damócles do despido a ponto de cair permanentemente sobre a cabeza. Esvaeceron-se pronto as ilusións; a brutalidade dos despidos non tivo precedentes durante a recesión de princípios dos noventa, ainda que os benefícios das empresas non diminuiron praticamente nada. Até os anos oitenta era sobre todo a remuneración do capital a que encaixaba as crises conxunturais. Cando as cousas ian mal, as direccións das empresas dubidaban en despedir, por medo aos conflitos sociais. A partir dos anos oitenta, é a masa asalariada a que debe sofrer os custos dos axustes: as exixéncias dos aczonistas están antes que os intereses e o emprego dos asalariados. Despois, ano tras ano, as empresas, mesmo as florecentes, experimentaron unha sucesión de planos de reaxuste. Neste fin de século, segundo cálculos da OIT, o 75% dos contratos de traballo teñen duración determinada ou son contratos de interinos. En canto aos asalariados estábeis, ainda permanecen certamente maioritarios nas empresas (59% dos salariados teñen mais de cinco anos de antigüidade nos países da OCDE), pero constatan a precariedade da sua situación asistindo, impotentes, aos golpes que a precariedade reparte en torno a eles.
Volver


Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 04/01/2001