Actualidade / ArtigoVolver


Santiago, 26 de xaneiro de 2001

A OIT cifra en mil millóns o número de traballadores desempregados ou subempregados no mundo
 

Ramón Maceiras-

CIG-Comunicación



No 2001, un terzo da povoación activa mundial, composta por 3.000 millóns de persoas, está en situación de desemprego ou subemprego. Destes, uns 160 millóns engrosan as filas dos desempregados declarados, unha cifra superior en 20 millóns á rexistrada antes do comezo da crise financeira asiática en 1997, sinala o máis recente informe da OIT sobre o emprego no mundo.

A situación do emprego no mundo segue sendo "deficiente" (por usar a caritativa expresión da OIT) para os traballadores en moitas rexións do planeta, segundo se afirma nun novo informe da Secretaria Internacional do Traballo (OIT).

No Informe da OIT sobre o Emprego no Mundo 2001 titulado Life at Work in the Information Economy (www.ilo.org/public/english/support/publ/wer/index2.htm), sinala-se que cada vez é maior o número de traballadores que non poden atopar emprego nen aceder aos recursos tecnolóxicos emerxentes necesários para garantir a produtividade nunha economia mundial cada vez máis dixitalizada.

Ademais, no dito Informe conclue-se igualmente que, dada a diferente velocidade de difusión nos países ricos e pobres, a tecnoloxia das comunicacións e a información (TIC) provoca unha ampliación da "fenda dixital" no mundo.

O informe di que, salvo que se aborde a situación criada con urxéncia, non poderán satisfacer-se as aspiracións de emprego nen o potencial produtivo de millóns de traballadores en moitos países en desenvolvimento, nen poderá materializar-se o seu potencial produtivo.

"A revolución da TCI brinda auténticas posibilidades, pero tamén entraña o risco de que unha porcentaxe significativa da povoación mundial saia perdendo", asegurou Juan Somavia, Director Xeral da OIT.

Entre as principais conclusións do informe contan-se as seguintes:

  • A economia mundial terá que manter, como mínimo, o seu ritmo actual de expansión para xerar os 500 millóns de novos postos de traballo que se requeren na próxima década para atender as necesidades das persoas que buscan o seu primeiro emprego e reducir o número actual de desempregados;

  • En todo o mundo, só se produciu un cámbio de tendéncia importante na evolución do emprego nos países da OCDE, nos que o desemprego xeral experimentou un acusado descenso respecto ás cifras superiores ao 10 por cento de meados da década de 1990, e mesmo a incidéncia do desemprego de longa duración se reduciu nos últimos anos, a pasar do 35 ao 31 por cento;

  • Apesar da enorme medra da TIC nas rexións industrializadas e da sua crecente penetración nos países en desenvolvimento, unha grande porcentaxe da povoación mundial segue " desconectada" respecto ás vantaxes das maravillas electrónicas que revolucionan a vida, o traballo e as comunicacións na era dixital;

  • A TIC brinda unha "capacidade en poténcia" para mellorar a vida das mulleres. Porén, no informe afirma-se que a "fenda dixital entre os dous xéneros" é evidente entre os países, xa que as mulleres ocupan con frecuéncia os postos de menor nível no ámbito da TIC, mentres que os homes aceden a retribucións superiores e a cargos de maior responsabilidade.


Mellora das perspectivas de emprego

O informe sinala que a chave para mellorar o emprego no mundo radica na posibilidade dunha medra contínua nos países industrializados e de conseguir avanzos nalguns grandes países en desenvolvimento. Entre as incertezas que ensombrecen a perspectiva do mercado de traballo, no informe cita-se "a traxectória da economia de Estados Unidos (cara a unha "aterraxe" máis ou menos forzosa), a posibilidade de que Europa pase a ocupar o posto de motor da economia mundial, a sustentabilidade da recuperación rusa e a capacidade da Índia para manter o seu elevado ritmo de medra económica".

O informe insiste en que a TIC pode ter un efeito profundo na calidade de vida dos traballadores dos países máis desfavorecidos se se poñen en marcha as políticas e as instituicións adecuadas e se estas actuan como catalizadores do desenvolvimento e medra do emprego. Nalguns casos, a elevada mobilidade do capital vinculado á TIC e a natureza deste tipo de tecnoloxia, fundamentalmente baseada no coñecimento, poden permitir aos países de ingresos baixos "saltar" algunhas etapas do desenvolvimento económico tradicional mediante o investimento en recursos humanos.

Para que isto ocorra, o máis importante é atender as tres necesidades seguintes: formulación dunha estratéxia nacional coerente respeito á TIC, existéncia dunha infraestrutura de telecomunicacións acesíbel e disponibilidade dunha povoación activa instruída.


A TIC revoluciona o lugar de traballo

O informe pon de manifesto que perto do 90 por cento das internautas se achan en países industrializados, e que Estados Unidos e Canadá concentran por si sós o 57 por cento do total. Polo contrário, a cifra conxunta de usuários da rede en África e Oriente Meio só representa o 1 por cento. Nos lugares nos que a utilizazón da TIC é máis intensa producen-se cámbios nas condutas e as relacións económicas.

"Os cámbios no modo de funcionamento da economia transformarán o mundo do traballo", indicou o Sr. Somavia. "A criación e a perda de postos de traballo, o contido e a calidade do traballo ... todos eles son factores que se verán afectados nesta nova era de globalización dixital".

O informe chama a atención respeito "aos auténticos atrancos con que se enfrentan os países en desenvolvemento ao trataren de se incorporar á revolución das comunicacións" e á posíbel gravidade das repercusións que estes riscos provocan nos mercados de traballo mundiais, a engadir que "só alguns países de Ásia Oriental parecen manter-se á altura dos países desenvolvidos en canto á difusión dos avanzos tecnolóxicos".

Os países e as rexións que non consigan dar o salto tecnolóxico arriscan-se non só a ficar á marxe do enorme e crecente mercado de produtos vinculados á tecnoloxia das comunicacións e a información, senón tamén a non poder beneficiar-se das melloras da eficácia e a produtividade económicas que se deriven da actividade destes sectores.

As economias de China, Malásia, Tailándia, Filipinas e doutros países de Ásia Oriental foron capaces de progresar con rapidez nos sectores de alta tecnoloxia e de lograr unha cota significativa do mercado mundial de semicondutores e doutras equipas de proceso de dados.

Non obstante, á marxe da produción de hardware, un factor que resulta esencial para a introdución dos países no mundo dixital e da alta tecnoloxia é o desenvolvimento dunha povoación activa local capacitada para a produción e o uso de software.

O sector do software, segundo o informe da OIT, na Índia rexistrou unha medra do 50 por cento na década de 1990, o que xerou non só exportacións, senón máis postos de traballo no mercado local e unha base de destrezas tecnolóxicas que atrae a atención dos países industrializados e das grandes multinacionais. Costa Rica atraíu igualmente a algunhas das maiores empresas do sector da TIC a tratar de oferecer emprego á sua povoación activa, relativamente cualificada, nunha iniciativa de desenvolvimento que deu lugar á criación de emprego e á expansión das exportacións; asi mesmo está a fomentar actualmente a consolidación dun sector de software nacional.

Mesmo nos casos nos que as oportunidades para a exportación no sector da TIC resulten difíceis de aproveitar, os benefícios obtidos do aceso á tecnoloxia poden promover o emprego e a iniciativa empresarial en sectores como os de proceso de dados e os centros de atención telefónica. En Senegal, a liberalización da normativa en matéria de telecomunicacións deu lugar á proliferación de "telecentros" que oferecen aceso ás telecomunicacións e crian miles de postos de traballo. En África do Sul, a medra deste tipo de centros permitiu atinxir taxas de aceso aos servizos públicos sen precedentes, asi como a unha información esencial sobre asisténcia sanitária, prestacións sociais e outros servizos da Administración.


Estreitamento da fenda existente entre os dous xéneros

O informe advirte que, en xeral, ainda que a TIC pode oferecer emprego ás mulleres e mellorar as suas perspectivas, estas seguen percebendo menores ingresos, rexistran taxas de desemprego superiores e adoitan concentrar-se en postos de menor cualificación.

A fenda dixital máis chamativa entre os dous xéneros refere-se ao uso de Internet, no que as mulleres son minoria tanto nos países en desenvolvimento como nos desenvolvidos. Por exemplo, só o 8 por cento das internautas en América Latina son mulleres, mentres que na Unión Europea esa cifra ascende ao 25 por cento, ao 19 por cento en Rúsia, ao 18 por cento en Xapón e ao 4 por cento en Oriente Médio.

Segundo o informe, a maioria dos usuários da rede son varóns universitários con ingresos superiores á média. Só en lugares nos que o aceso a esta está amplamente desenvolvido, como Estados Unidos e Escandinávia, se pechou a fenda entre os dous xéneros na utilización de Internet.

O informe da OIT asegura asi mesmo que as pautas da segregación entre xéneros se reproducen na economia da información e que "ainda que a desigualdade na retribución atinxe aos que adquiriron destrezas relacionadas coa TIC e os que non, a polarización da remuneración tamén existe entre os compoñentes do primeiro grupo e amiúdo está relacionada coa pertenza a un ou outro xénero".

Contodo, a porcentaxe de mulleres na Índia en postos de experto na indústria do software ascendeu até atinxir o 27 por cento, mentres que no Caribe e moitos outros países ao longo da década de 1990, miles de mulleres acederon a postos de traballo no sector de proceso de dados. En Uganda, as mulleres que perderon familiares a causa do SIDA confeizoan cestas artesás tradicionais como parte das actividades do grupo "Sapphire Women", que vende estes productos en Internet coa axuda dunha ONG con sede en Estados Unidos.
Volver


Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 26/01/2001