Actualidade / ArtigoVolver


Santiago, 28 de decembro de 2000

A economia de Venezuela sai da recesión e medra 3,2% no ano 2000
Os altos ingresos petroleiros e unha forte política expansiva do gasto público foron a base para o reponte

 

Ramón Maceiras-

CIG-Comunicación



O informe de fin de ano do Banco Central de Venezuela indica que o déficit global do Governo central foi de 1,8% do PIB, debido ao impacto favorábel dos ingresos por exportacións de cru, que compensaron a caída da recadación tributária interna e o incremento do gasto público. A política fiscal expansiva desenvolvida polo Governo durante o ano, apoiado principalmente na disposición de recursos que xeraron os elevados ingresos petroleiros, permitiu que a economia venezolana rexistrase unha medra de 3,2% do producto interno bruto, segundo indican cifras preliminares apresentadas na tradicional mensaxe de fin de ano do Banco Central de Venezuela.

A cifra supera a meta de medra de 2% do PIB prevista polo Executivo no plano operativo anual deste ano, e revirte a tendéncia negativa que apresentaba a economia venezolana desde o segundo semestre de 1998, cando se iniciou unha severa recesión como consecuéncia dunha alta incertidume política, fuga de capitais e inestabilidade macroeconómica que provocou unha contracción na actividade económica de -6,1% do PIB en 1999.

Segundo o informe do instituto emisor, o incremento do valor total dos bens e servizos producidos no país durante o ano se viu impulsado por unha recuperación da demanda agregada interna, que afectou positivamente o produto interno bruto non petroleiro, que se elevou en 2,7 pontos porcentuais.

O BCV indica que, en termos xerais, os setores que efectúan atividades non relacionadas cos hidrocarburos apresentaron comportamentos favorábeis, entre os que salientaa mellora rexistrada no setor comércio, que tivo un alza de 5,1% do PIB durante o ano 2000. A excepción foi o setor da construcción, o cal, contrariamente á tendéncia, caiu 4,9% nos últimos 12 meses. Isto significa para os constructores un balance negativo por terceiro ano consecutivo, tras ter rexistrado contraccións na sua atividade económica de 16,5% e 0,3% do PIB en 1999 e 1998, respeitivamente.

O informe do ente emisor tamén reflicte o peche esperado da inflación do ano -de 14,2% até novembro-. O BCV proxecta que ao fecho de decembro se manteña por embaixo da meta estimada -que abala entre 15% e 17%-, co cal seria a mais baixa desde 1986. Pero a pesar de que o Fisco está a perceber os ingresos dos que alguns chaman unha "bonanza petroleira" -o resuldado da venda de cru nos mercados internacionais a prezos favorábeis históricos-, a xestión financeira do Governo central apresentou un déficit global de 1,8% do PIB, como consecuéncia dun gasto público superior á cantidade de recursos que ingresaron ás arcas nacionais.

O Banco Central de Venezuela xustifica esta situación pola caída que se produciu na recadación tributária interna -asociada aos efeitos da recesión dos anos anteriores-, principalmente por conceito de imposto sobre a renda.

De acordo coas cifras que manexa o SENIAT (organismo de recadación tributária), até o terceiro trimestre do ano a meta dos tributos non petroleiros -imposto sobre a renda, imposto ao valor agregado, renda aduaneira, entre outros- apresentaba un índice de contracción de 23,5%, o que representaba unha perda de 1,5 billóns de bolívares (moeda venezolana) para o Fisco nacional nos primeiros 9 meses do ano.

De feito, mentres que en 1999 o Governo percebeu 10,3% do PIB en ingresos non petroleiros, nas cifras preliminares deste ano o recadado mediante este tributo diminuiu a 9,6 pontos porcentuais do PIB.

En consecuéncia, o reporte do BCV indica que "o favorábel impacto que os maiores ingresos petroleiros terian sobre a xestión fiscal se via en parte contrarrestado por unha menor recadación tributária (...), como consecuéncia da lenta recuperación da atividade económica interna". Igualmente, o organismo emisor xustifica o elevado gasto público durante o ano por "os novos e maiores requerementos sociais vinculados coas obras de reconstrución do estado Vargas (arrasado pola riadas de decembro de 1999). Asimismo, o Gobvrno Central debeu executar de maneira perentória os programas de obras públicas anunciados e mellorar a remuneración dos traballadores mediante a fixaxe dun novo salário mínimo nacional".


A OPEP prepara medidas de recurte da produción
para frear a caída dos prezos do petróleo

"Se a Organización de Paises Exportadores de Petróleo non toma previsións poderian colapsar os prezos do petróleo", afirmou esta semana o presidente da OPEP e ministro de Enerxia e Minas de Venezuela, Alí Rodríguez Araque. Rodríguez asumirá próximamente a secretaría xeral da OPEP.

De acordo co sistema de bandas da organización, se os prezos do cru caen por embaixo dos 22 dólares por barril ou superan os 28 dólares barril durante 20 dias de mercado, esa instituizón pode decidir de maneira automática unha redución ou incremento, segundo sexa o caso, de 500.000 barris diários. Ese prazo vence-se o 8 de xaneiro.

Ao coñecer unha posíbel xira do secretário de Enerxia estadounidense, Bill Richardson, polas principais nazóns produtoras de cru, co obxectivo de impedir que éstos reduzan "en exceso" as suas vendas - como o informase a agencia EFE-, o novo secretário xeral da organización sinalou que actualmente existe un incremento dos inventários que xa pasan dos 83 dias de consumo. A cotización de cru experimentou unha progresiva baixa nos mercados durante o último mes, problema que ocasionou preocupacións entre os sócios da OPEP.

"Estados Unidos declarara que non ia utilizar as suas reservas estratéxicas para facer baixar os prezos do cru. Pero na realidade houbo un desplazamento considerábel. Introduciu no mercado 30 millóns de barris nun mes. E iso, unido á sobreoferta que xa existia e que se ubicou antes de setembro en 2 millóns de barris diários e que agora se estima en 1,4 millóns de barris, foi un dos factores que determinou unha grande acumulación de inventários que xa vai por sobre os 83 dias de consumo", dixo Rodríguez Araque ao influente diário venezolano El Nacional.

Isto, indicou Rodríguez Araque, ocasionou un fenómeno "contraestacional", porque normalmente por estes meses sobe a demanda e aumentan os prezos dos hidrocarburos. Agora está a ocorrer o contrário. E esta tendéncia une-se co fenómeno estacional do segundo trimestre do ano 2000, polo que "podemos ter un colapso de prezos. E non se trata de que isto sexa un problema político, se non de elemental prudéncia para todos os países produtores". Rodríguez Araque prevén sobre unha situación grave a curto prazo e engade que esa situación "non lle convén tampouco non á economia estadounidense. O ano pasado, como consecuéncia da caída dos prezos, nese país tiveron que pechar 136.000 pozos, 36.000 traballadores ficaron sen emprego e a produción caiu en 500.000 barris diários, nível que non puderon recuperar totalmente".

Ao ser perguntado sobre un endurecemento da posición de EEUU contra a OPEP coa chegada de Bush, cuxa família ten negócios petroleiros en Texas, Rodríguez Araque foi categórico:

-Espero que comprenda que se non se toman medidas correctivas durante os primeiros dias de xaneiro, podemos ter problemas de prezos no segundo trimestre de 2001. É dicer, o recorte de producción previsto para o 8 de xaneiro vai.

Volver


Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 28/12/2000