Actualidade / ArtigoVolver


Santiago, 9 de decembro de 2000

Os traballadores pagarán a factura do déficit cero
 

Ramón Maceiras-

CIG-Comunicación



Os parados sen prestación por desemprego, os empregados públicos con salários mermados, os traballadores que cotizan á Seguridade Social e ao desemprego, os asalariados que suportan o peso do 83% do imposto sobre a renda, os obreiros que receben un mínimo salário mínimo, deberian comezar a perguntar-se se o obxectivo do déficit cero, sacralizado polo governo central e polo governo galego nos orzamentos do 2001, convén aos intereses xerais dos cidadáns e poderá frear a sustida caída da economía.

Moitos estudos cualitativos e cuantitativos demostran que nestes últimos anos a converxéncia nominal do estado español coa Unión Europea conseguiu-se a costa, entre outras cousas, dunha maior diverxéncia social. A diferenza do gasto social en relazón co PIB foi en 1997 (último ano do que se dispón de estatísticas comparábeis) de 6,8 pontos. Entre 1995 e 1999 o gasto social no estado español pasou de representar o 21,9% do PIB ao 19,7%. Para reducir o déficit público e poder cumplir cos requisitos de Maastricht, un dos instrumentos utilizados -además da redución dos tipos de interés- foron os orzamentos sociais, tanto desde o ángulo dos gastos (redución da intensidade en algunhas prestacións) como desde o dos ingresos (menor aportazón do Estado). No período 1993-1997, o estado español reduciu o seu gasto social por habitante, en pesetas constantes, un 2%, mentres que a meia europea de gasto social por habitante medraba un 9%. En iso consistiu o atallo do PP cara a converxéncia económica e o déficit cero.

Desde o lado dos ingresos, a prioridade foi igualmente a redución do déficit público, en lugar de atender, coa maior medra económica as necesidades sociais insatisfechas. Entre 1995 e 1999, as aportazóns do Estado español á financiación da protección social descenderon en un ponto do PIB. É dicer, case un billón de pesetas. O retraimento da aportazón pública é ainda mais espectacular se analisamos o orzamento do Inem para o ano que ven: a aportazón do Estado á financiación do Inem pasou de representar o 1,10% do PIB en 1995 a cero no 2001.

A diferenza doutros países europeos, nos que a separación das fontes de financiación da Seguranza Social foi acompañada por novas medidas fiscais (sobre a produción de produtos contaminantes, impostos sobre a enerxía ou mediante a poxa das licenzas de telefonía móvil) para compensar a maior aportazón do Estado á financiación das prestacións asistenciais, ou que melloraron o seu sistema de protección social, estabelecendo, por exemplo, unha nova póla da Seguranza Social destinada a cobrir as necesidades das persoas dependientes, aquí todo se destinou ao obxectivo do déficit cero.

Ademais, á reforma fiscal anterior pretende-se somar outra nova e reducir ao mesmo tempo as cotas dos empresários á Seguridade Social. O que inevitabelmente significará tres cousas: aumento relativo da carga fiscal dos traballadores, mais impostos indirectos e redución do Estado de benestar.

Estudos realizados polos sindicatos demostran que nos Orzamentos do Estado para o ano que ven a Seguridade Social se seguirá financiando -indebidmente- con cotas prestacións non contributivas (complementos de mínimos das pensións, asisténcia sanitária e prestacións sociais do Instituto Social da Marina) por un importe de 671.928 millóns de pesetas. E no orzamento do Inem prevé-se un superávit de 478.744 millóns que non irán paliar a situación dos desempregados sen nengunha protección, se non a financiar bonificazóns de cotas ás empresas e a outras políticas activas...Que deberian financiar-se con ingresos fiscais.

Ao final os cidadáns en xeral son os que pagan a factura da converxéncia nominal con Europa, e agora, do obxectivo do Governo de lograr o ano próximo o equilíbrio presupostário.

Volver


Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 09/12/2000