Actualidade / ArtigoVolver


Santiago, 21 de novembro de 2000

O goberno xa recuperou o diñeiro que devolvera coa reforma fiscal
 

Ramón Maceiras-

CIG-Comunicación



Mentres caen os ingresos fiscais polo imposto ás sociedades, o IVA, ese imposto regresivo que pagan todos os consumidores, converteu-se no primeiro semestre deste ano na principal fonte de financiamento do governo de Aznar, ao mesmo nível que o IRPF. Son estas as consecuéncias da tan cacarexada reforma fiscal de Aznar de princípios de ano, que tanto contribuiu á maioria absoluta do PP.

Nos primeiros seis meses do ano o governo central recobrou xa con medras o diñeiro que lle devolveu aos contribuintes coa reforma fiscal. A través do IVA e outros impostos indirectos ese diñeiro foi quitado dos petos dos cidadás e retornou ás arcas do Tesouro público. A reforma fiscal foi unha grande operación propagandística que deu notábeis resuldados electorais. Ao final, os únicos que se viron favorecidos pola medida foron os segmentos de ingresos mais altos e os empresários.

Nos seis primeiros meses do ano os ingresos do Estado chegaron a 9,561 billóns de pesetas, un 4,4% mais que até xuño de 1999, ainda que o comportamento dos diferentes recursos foi diferente. Os ingresos por impostos directos (3,98 billóns) aumentaron un 3,8%, cun avance do 3,7% no imposto sobre a renda das persoas físicas.

En xuño, cando se ingresou o groso dos pagos por IRPF, cunha aportación do 60% da cuota a ingresar, por importe de 423.000 millóns de pesetas, se rexistra unha caída do 15,4%. Pero os recursos por IRPF en xuño medran un 0,8% polo bon comportamento dos pagos a conta (retencións), que representan a metade do imposto. Os recursos aportados polo imposto sobre sociedades caen un 2,8%, fundamentalmente polo incremento das devolucións.


O manantial do IVA

A recadación por impostos indirectos chega a 4,48 billóns de pesetas -supera aos ingresos directos-, cun avance relativo do 13,3%, básicamente polo aporte do imposto sobre o valor engadido, que medra un 16,8% até xuño e aporta 3,026 billóns de pesetas, práticamente xa o mesmo que o IRPF. As operacións interiores de IVA medran un 12,4%, con 2,22 billóns de pesetas, e o IVA imputábel a importacións medra un 31,2% e aporta 800.000 millóns de pesetas nos seis primeiros meses do ano.

O outro grande capítulo da imposición indirecta (a ligada ao consumo) son os impostos especiais, que medran un 5,9% e aportan xa 1,3 billóns de pesetas en seis meses.

Entre o resto de recursos, descende a recadación por taxas, asi como os ingresos patrimoniais, que caen un 33,3% (até os 434.200 millóns de pesetas) como consecuéncia da menor aportación de benefícios do Banco de España, que se compensaron en parte cos ingresos polas licenzas de telefonia móvel.

O Estado rexistrou nos seis primeiros meses do ano un déficit de caixa de 988.700 millóns de pesetas, praticamente o mesmo que no primeiro semestre de 1999. En termos de contabilidade estatal o desequilibrio fiscal é de 128.900 millóns, un 0,13% do PIB estimado. Os ingresos medraron un 4,4%, con forte tirón do IVA, e os pagos, un 3,8%, sobre todo as transferéncias.
Volver


Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 21/11/2000