Actualidade / ArtigoVolver


Santiago, 23 de novembro de 2000

A crise económica e social en Arxentina pon nervosos aos banqueiros españois
 

Ramón Maceiras-

CIG-Comunicación



Nas últimas semanas produciu-se unha grave deterioración da situación política, económica e social en Arxentina. O presidente Fernando de la Rúa, que non cumpriu sequer un ano no Governo, herdou de Menem un país moi problemático cunha grande corrupción, unha altísima débeda externa e unha moi má distribución do ingreso. O famoso “milagre arxentino” do ministro Cavallo e de Menem non resistiu nen sequer un ano despois da saída do peronismo do poder. Os problemas agravan-se pola continua recesión, a caída dos prezos internacionais nas matérias primas que Arxentina exporta, a fortaleza do dólar e a conseguinte apreciación da moeda arxentina -hoxe atada ao mesmo valor do dólar-, e a profundación dos problemas sociais.

Nos últimos dias, a calificazón internacional do país deteriorou-se de maneira evidente ante a perceición de problemas para pagar os intereses da débeda externa, que só nos primeiros meses do ano próximo se aproximan aos 20.000 millóns de dólares. No caso de que Arxentina non pagase, poderia contaxiar a Brasil e chegar-se a unha grave crise nos mercados emerxentes semellante á asiática ou brasileira.

Ante este panorama tan complicado, o governo arxentino utilizou a solución de sempre: contrair nova débeda para asegurar aos inversores o pago da débeda externa e negociou unha axuda de 20.000 millóns de dólares que porian o Fondo Monetário Internacional, o Banco Mundial, o Banco Interamericano de Desenvolvimento e os bancos locais, entre eles os bancos Francés e Rio que pertencen, respeitivamente, ao BBVA e ao BSCH.

Pero tamén como sempre, como condizón a esa axuda, os organismos multilaterais e os emprestamistas privados demandan austeridade fiscal e disciplina no gasto do sector público. Nos últimos dias, a situación evoluiu negativamente, cun aumento no chamado risco país e dificuldades para vender bonos aos inversores.

De la Rúa deseñou un programa de axuste moi duro que consiste basicamente na privatizazón do sistema de pensións e en unha conxelación por cinco anos no gasto público total, incluído o das províncias que están gobernadas na sua mayoría pola oposizón peronista.

Esas medidas chocan coa oposizón de setores da Alianza do Governo e con grande parte do peronismo. E, por suposto, os sindicatos convocaron un paro xeral para o xoves e venres 23 e 24 de novembro, consecuéncia tamén do ocorrido a semana pasada con preséncia de piquetes e cortes de estrada que ocasionaron xa un morto en Salta, ao norte do país, e que ameazan estender-se a outras províncias.

A situación preocupa moito en Madrid (De la Rúa acaba de facer unha visita oficial) e os grandes bancos españois claman pola protección dos grandes investimentos que a banca ten en Arxentina e que poderian perigar se a situación se descontrola. Os dous grandes bancos españois (BBVA e BSCH) están obrigados a participar no salvamento da economia arxentina, pero claman para que o Governo do estado español apoie activamente con fundos e garantías este blindaxe. Ao final, tamén como sempre, serán os fondos públicos os que susteñan o desembarco da banca española en Latinoamérica. E polos ventos que sopran nese lado do Atlántico, a crise non fixo mais que comezar.
Volver


Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 23/11/2000