Actualidade / Artigo Santiago, 28 de novembro de 2000 A CIG participará en Niza na protesta dos sindicatos europeus contra a Europa dos mercaderes
| | Ramón Maceiras- | CIG-Comunicación |
No Cume de Niza da primeira semana de decembro, os sindicatos europeus, entre eles a CIG, manifestarán-se pola defensa dos direitos sociais e do traballo na Europa social e contra a Europa dos mercaderes. O proxecto de Carta dos Direitos Fundamentais da Unión Europea aprobado en Biarritz o pasado 14 de outubro ten en si mesmo importáncia política. Primeiro, porque é o tento de estabelecer unha Constitución europea que reagrupe un conxunto de direitos fundamentais que até agora estaban desperdigados, eran incompletos e viñan marcados, sentenza a sentenza, polo Tribunal de Xustiza Europeu. Segundo, porque recolle nun mesmo texto dereitos civís, políticos, económicos e sociais., Polo método de elaboración da carta, orixinal e inédito, entre intergubernamental e parlamentário, e aberto á participación das suxestións das organizacións sociais e dos próprios cidadaos. Finalmente, a carta pode contribuir a lexitimar a ideia europea ante os cidadaos, a equilibrar unha construcción europea na que, desde as suas orixes, os xeitos sociais estiveron subordinados aos económicos e enviar unha mensaxe mais nítido cara aos países candidatos á adesión á UE, países nos que o fundamentalismo do mercado ameaza con varrer calquera vestíxio do direito do traballo, especialmente nas pequenas e medianas empresas. Algunhas destas potencialidades ficarán anuladas ou diminuídas se finalmente todo fica nunha solene proclamación. Sen que, por tanto, os direitos recollidos na carta sexan, nuns casos, directamente reclamábeis ante un xuiz, e noutros, princípios e obxectivos exixíbeis aos poderes públicos. De momento, xa está claro que no cume que se celebrará en Niza en decembro, a carta non será incorporada aos tratados. A presidéncia francesa optou por unha fórmula declarativa para evitar o veto de alguns países membros, como o Reino Unido. O mais comprometido que colle esperar saia de Niza é unha axenda vinculante que estabeleza un calendário para a incorporación da carta aos tratados cara ó 2004. Se á oposizón de vários Estados membros a dar-lle á carta virtualidade xurídica lle engadimos as limitacións impostas ao conteúdo da carta polo mandato do cume de Colónia -non criar nengunha competéncia nen misión nova para a Comunidade (o que cria flagrantes contradiccions: por exemplo, na carta recoñece-se o direito de folga, pero no artículo 137 do tratado esta matéria fica excluída das competéncias comunitárias) e estar dirixidas as suas disposizóns ás instituicións da Unión e aos Estados membros únicamente cando apliquen o direito comunitario- e a oposizón das organizacións empresariais, nuns casos a que teña carácter vinculante e noutros a que se incluan os direitos sociais, podemos estar ante unha boa iniciativa comunitária que fica en auga de borrajas. Ante un novo señuelo que se quita a relucir para tratar de paliar mediaticamente o desequilíbrio da construcción europea, pero que entón fica diluído. Como xa aconteceu anteriormente co Libro Branco de Delors, coa Carta Comunitária dos Direitos Sociais Fundamentais dos Traballadores e co Pacto Europeo de Confianza para o Emprego. Todo iso conduce-nos á cuestión esencial: o futuro da carta dependerá do respaldo que lle dean as forzas políticas e sociais que propugnan unha construcción europea mais completa e equilibrada. Existe esa conxunción de forzas? No campo político, non parece. A pesar de que a maioría dos países da Unión están governados por partidos socialdemócratas, é a orientación liberal, e non excesivamente europeísta, de Tony Blair a que se está a impór. E no campo das organizacións sociais, pese ao feito novedoso e positivo da alianza que en torno a este tema da carta se estabeleceu entre a Confederazón Europea de Sindicatos e a Plataforma Europea de Organizacións non guvernamentais, a sua vontade e capacidade para desencadenar un movimento social con suficiente entidade para que sexa atendido polos Governos nacionais e as instáncias comunitarias está lonxe de ser evidente.


 Confederación Intersindical Galega www.galizacig.com
ÚLTIMA REVISIÓN: 28/11/2000 |