Actualidade / Artigo Santiago, 10 de xuño de 2000 As ETT esfregan-se as maos ante a reforma laboral
As Empresas de Traballo Temporal comezan a tomar posicións no estado español ante a nova ronda do diálogo social que comezou este primeiro de xuño na Moncloa. A multinacional Manpower, xigante mundial do sector, di que aumentou un 47% a sua facturación en España durante 1999 e Randstad (outra multinacional do sector das ETT's) puxo nos meios de comunicación unha campaña de publicidade.
Manpower informa que a sua filial española xestionou mais de 150 mil contratos durante 1999 e que en cada mes deste ano 20 mil persoas atoparon un traballo a través da firma. Manpower conta en España con 112 oficinas. En escala mundial, Manpower duplicou os seus benefícios en 1999. O 66% da sua facturación logra-a en Europa e o mercado español, segundo a empresa, está en claro auxe, como reflecten os incrementos de facturación.
As ETT´s esperan que da reforma laboral xurdan novas reglamentacións que faciliten o seu negócio en España e engorden as suas ganáncias. O auxe das ETT´s o revelan ás claras as cifras da EPA. As cifras son esmagadoras. Entre xaneiro e agosto de 1999, 455.237 persoas asinaron mais de quince contratos coa mesma empresa. A iso une-se un feito que ben poderia ser calificado como fraude de lei: segundo a EPA, 1,1 millóns de temporais levan no seu emprego actual mais tempo que a duración do seu último contrato. Limitar as prórrogas, regular as subcontratacións –se chega a subcontratar en quinto grao– e consagrar a plena igoaldade de trato dos contratados por ETTs son exixéncias mínimas que deben ser plasmadas nunha lei.
O diário El Mundo publicaba recentemente un exemplo disto: "unha das persoas mais entendidas en rotación é Anxela, unha camareira de hotel de 50 anos que entre 1994 e 1999 asinou mais de 1.200 contratos. “Na ETT facian-nos asinar por adiantado tacos de até 20 contratos en branco. Entón eles puñan o que lles daba a gana”, asegura. Anxela traballou con estes contratos dun dia en distintos hoteis de Madrid como o Miguel Ángel, Reina Vitória, Ambassador ou Florida".
A situación actual do mercado de traballo pode calificarse como “darwinismo laboral”: de cada 100 persoas con idades comprendidas entre os 54 e os 65 anos só 35 teñen emprego. É dicer, que cada vez menos persoas chegan aos 65 anos no seu posto de traballo. A expulsión do mercado dos maiores de 50 anos ten como primeira consecuéncia que traballadores con décadas de cotización ven reducidas ao mínimo as bases que regulan a cuantía das suas pensións. E como segunda, que cada vez que isto ocorre a Seguridade Social ten un menor desembolso por este conceito.
Por se fose pouco, a CEOE quer lograr a rebaixa nas cotas empresariais á seguridade social. É por iso que o presidente da patronal, José María Cuevas, anunciou que esta vez si que participará na correspondinte mesa de diálogo. Os altos níveis de temporalidade e rotación en España (33%) e Galicia (34%) son insólitos en comparación con Europa (13%) e incorporan un índice de sinistralidade que converteu en papel mollado a recente Lei de Prevención de Riscos Laborais.
Para mais inri, governo e patronal xa manifestaron a sua intención de seguer reducindo a indenización por despido, tal e como pretenden os empresários. O Governo ten présa e pretende que alguns dos supostos acordos figuren xa nos orzamentos do 2001. A CEOE cree que as suas posicións cadran coas do Governo, e por iso pediu-lle que lexisle unilateralmente se non hai pacto. Mais ou menos ven a dicer que se a reforma non se logra polas boas, se logrará via maioria absoluta do PP no Congreso.


 Confederación Intersindical Galega www.galizacig.com
ÚLTIMA REVISIÓN: 10/06/2000 |